Ruta por Outes. Ascenso ao Monte Tremuzo


9.570 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (2 votos, media: 4.00 de 5)
Loading...

FM130928Outes120Na marxe norte da ría de Noia e Muros, no concello de Outes, unha ruta para achegarse ao miradoiro do monte Tremuzo.

Se algo caracteriza esta ruta é a variedade de paisaxes: ría, praia, aldeas, zonas forestais… O percorrido comezámolo na parroquia de San Cosme de Outeiro e rematámolo en San Xoán de Roo, lugares que distan entre sí pouco máis dun quilómetro, pero nós démoslle unha “volta” un pouco máis longa, duns 15 km, incluíndo a subida ao Tremuzo.

O primeiro tramo fixémolo practicamente sen desnivel, destacando a praia de Broña, a máis grande e tamén a máis frecuentada do concello de Outes. E de alí ata Catasueiro, onde comezamos a subida ao Tremuzo.

O Tremuzo (525 m.), é un miradoiro fantástico sobre a ría de Muros e Noia, ten unhas vistas espectaculares que xustifican sobradamente o esforzo para acadar o cumio, pero das que non pudemos desfrutar pois xa dende que iniciamos o ascenso o tempo foi inclemente connosco e a visibilidade practicamente nula no tramo final (non se vían nin os viraventos!).

A parada no cumio foi breve e descendemos cara a Outón onde fixemos un pequeno descanso que aproveitamos para xantar. Esta falta de visibilidade non impediu que desfrutase igualmente e que agudizáramos máis os sentido do olfato (ese olor á humidade do monte é imborrable), pois cun día claro e sen chuvia non nos decatariamos tanto.

Está claro que teño que subilo outro día! Para os da bicicleta, din que é un dos catro Grand Slam que hai Ría de Noia-Muros, xuntamente co Iroite, a Enxa e o San Lois.

O que me chamou a atención foron as dúas igrexas  que vimos no principio e final do percorrido, impresionantes en tamaño. A Igrexa de San Cosme de Outeiro foi construída a mediados do s. XVIII, cunha nave de planta de cruz latina, muros de cantería granítica e cachotaría. A fachada ten unha porta enmarcada por unha fornela coa imaxe pétrea do Patrón e unha impresionante torre-campanario de tres corpos. Unha fermosa escalinata de pedra dá acceso á igrexa.

A igrexa de San Xoán de Roo foi construída entre 1751 e 1756. A fachada, de sillería, ten un frontón triangular sobre pilastras estriadas e un gran ventanal. Decoración de placas, molduras e pináculos. Hai dúas torres dun só corpo decoradas con placas e rematadas nun cupulín, sostido por un tambor octogonal. Ah! nas súas proximidades hai un fermoso peto de ánimas, o Peto da Angustia, protexido polo contedor do lixo, o amarelo, non vaia ser que na noite veña un despistado e o esnaquize…
A pesares de que aínda hai roteiráns que hai tempo que non vexo, foi día tamén de reencontro co apreciado Antonio (xa quedamos o xoves para ir tomar os callos) e, coma dí Suso, botaremos de menos por un tempo os rechouchíos da nosa cotovía Belén!


Ver Ruta por Outes. Ascenso ao Monte Tremuzo nun mapa máis grande



Galería

Ruta por Outes. Ascenso ao Monte Tremuzo


10 comments

  1. Responder

    Manuel Figueira Lorenzo

    Fermosas fotos, querido Fran, ainda con mal tempo, o obxetivo non falla, parabéns¡¡

  2. Responder

    Belén

    Ai ai ai, que poético Susiño…veña ho…entre os dous xa conseguistes poñerme morriñenta!!Mil bicos da cotovía…é unha ave migratoria…!!?? 😉 por certo hoxe vireime ao sentir uns vellos que ían falando tras miña e aquilo soaba…soaba…ai que ben soaba! De Monforte, ai ho!! E non hei coñecer Monforte?? Estamos no mundo!!!!!!

  3. Responder

    Elixio Vieites

    Parece que andiveches polo meu concello, espero que o pasárades ben. Mira unha cousa, a igrexa de San Cosme de Outeiro está ao pé do Monte do Pedregal, que cremos que é un castro ben grande. De aí supoño vén o nome da praia, de “Broña”, nome que aparece como topónimo asociado a moitos castros . Podes ver a foto co mapa de pendentes da ficha que é moi aclaratorio :

    http://patrimoniogalego.net/index.php/19434/2012/05/pedregal-de-s-cosme/

    • Responder

      Fran

      Moitas grazas pola información! e que saibas que sigo e me documento moito no patrimoniogalego.net.
      A verdade é que ten toda a pinta de ser un castro… por certo, non sei se te fixaches na foto da figura que fixen nunha casa (ou corte) en Outón, tés idea do que pode ser ou como chegaría ahí?
      Grazas de novo e unha aperta

    • Responder

      Fran

      Grazas Felipe, home… fíxose un pouco incómodo camiñar coa chuvia, e non poder defrutar das vistas dende o Tremuzo, pero como dís tamén ten o seu encanto (se non non teríamos estas paisaxes!)… e grazas por avisarme da casa coas ventás de espello!

    • Responder

      Fran

      Paréceme ben Elixio. Outra cousa, en canto á igrexa de San Xoán de Roo que me comentaras cando andiven pola túa terra, creo que habería que revisar as datas que poñedes, pois as de Xan creo que son erróneas. Deberiades botarlle unha ollada a esta tesina lida en 1981 na USC: El arte religioso en parroquias de la falda meridional del Monte Tremouzo : San Juan de Roo / Carmen Bermejo Díaz de Rábago ; [director] Ramón Otero Túñez.
      Unha aperta,
      Fran

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*