Ruta por Belesar. Ribeira Sacra


455 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (4 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...

Preme nas imaxes para velas a tamaño completoTemos visitado a Ribeira Sacra en numerosas ocasións, tanto na zona do Miño como na do Sil, pero case sempre en outono para gozar da variedade cromática dos seus bosques e viñedos ou na primavera para ver a explosión de vida que se produce nos seus hábitats. Desta volta imos en pleno inverno e seguro que tampouco vai decepcionar. Os bosques estarán espidos, e os viñedos tamén, pero poderemos ver e observar paisaxes diferentes, descoñecidas…

O percorrido transcorre polo sendeiro homologado PR-G 183, chamado Ruta dos Viñedos de Belesar, pero como é moi curto (5 quilómetros escasos só de ida), nós ímolo prolongar un pouco. A ruta é liñal, e parte do traxecto de volta coincide co de ida, pero tendo en conta a beleza das paisaxes isto non é un problema, ao contrario. O percorrido permítenos gozar dalgunha das paisaxes máis características da Ribeira Sacra do Miño, co río embalsado como eixe e as abas aterrazadas a ambos os dous lados, principalmente nas de orientación sur.

A ruta comeza e remata en Belesar e pasa por lugariños como O Pousadoiro, Portotide, A Veiga e o miradoiro do Cabo de Mundo… Sempre moi pegados ao Miño. Isto permítenos gozar das vistas cara a outra beira, que pertence ao concello do Saviñao, chea de fermosos bosques e viñedos. O itinerario non te maiores dificultades, salvo a lama que poida haber e algún tramo con certo desnivel. Un quilómetro antes de rematar a ruta visitamos a Adega do Veiga, situada no lugar de A Ermida, unha adega familiar, tradicional, típica da zona.

Comezamos a camiñar…

Hoxe tomámonos a cousa con moita calma pois imos percorrer unha ruta pequena, pero é desas rutas de poucos quilómetros que levan moito máis tempo do que agardas. É tan bonita que é imposible non pararse cada pouco a admirar os viñedos, o Miño, o bosque…

A ruta empeza xusto ao cruzar a ponte de Belesar, onde hai un fermoso peto de ánimas e un cartel indicativo sinalando o percorrido. Belesar é un dos puntos clave do Camiño de Inverno a Compostela, pois despois do descenso ata o río por terras do Saviñao, toca enfrontarse a unha boa subida ata Chantada.

Gañando altura, pasamos ao pé da igrexa de San Bartolomeu, nun enclave que parece estar vixiando o que acontece en torno ao río. De notable valor histórico, foi levantada a mediados do pasado século a raíz da construción do encoro dos Peares, e no seu interior garda un retablo barroco de 1747, procedente da vella igrexa parroquial, cuberta polas augas do encoro.

A pesares de que o día non é moi luminoso, este arranque é marabilloso, cunhas excelentes vistas do pobo de Belesar e amplas panorámicas de ambas ribeiras. Na paisaxe destaca a ponte de Belesar, nun lugar que durante moito tempo foi o principal enlace entre as comarcas de Lemos e Chantada. Deixamos atrás as casas e tomamos á esquerda unha senda que discorre entre viñedos que baixan ata o mesmo río, nalgúns tramos case perpendiculares, e onde vemos como se traballa nos socalcos cos labores propios do inverno, ben podando, atando os pés ou limpando e aboando as terras.

Logo, o camiño avanza entre socalcos repletos de viñas que producen as uvas das que se extraen os viños da D.O. Ribeira Sacra, polo que imos por un estreito carreiro que ascende entre as viñas ata entrar no lugar de Santiago de Arriba. Despois o camiño ábrese e empeza a baixar en dirección ao rego de Souto Varela, que cruzamos por unha ponte de madeira para saír a unha pista asfaltada.

Máis adiante a vexetación dá paso a zona de viñedos. Pasamos polo lugar de O Pousadoiro, onde se ofrece unha fermosa vista da aldea de Pincelo, a beira do río Miño. Nesta localidade aínda se poden ver, do mesmo xeito que en Belesar, algunhas das barcas tradicionais do Miño, utilizadas para o transporte de persoas e gando, o carrexo de uvas e a pesca fluvial.Non moi lonxe de aquí, na outra beira fronte ao Cabo do Mundo, está o Ecomuseo de Arxeriz, onde conservan a maior exposición de barcas fluviais da península, desde o “batuxo” da cabeceira ao “carocho” da desembocadura do río Miño. Tamén nos ilustra do impacto que causaron na zona os encoros de Belesar e Peares coa inundación de 32 lugares e o desprazamento de máis de 1000 persoas, acompañado de documentación gráfica e informativa sobre os lugares anegados, a súa situación e características. Sen dúbida, un punto da Ribeira Sacra que hai que visitar.

Volvemos ao camiño, que corre paralelo ao Miño. Todo este treito ata o final facémolo de ida e volta. Temos pequenos tramos por estrada ata Pincelo á altura da ponte de Portotide, tramos entre viñedos, carballos e castiñeiros espidos de folla ata o lugar da Veiga. Uns douscentos metros máis adiante cruzamos o rego de Souto. Na outra beira arrinca un curto carreiro que leva á fonte e lugar de Muiñovedro, para saír a unha estrada que leva ata o miradoiro do Cabo do Mundo.

Logo de estar un bo anaco no miradoiro, regresamos polo mesmo camiño da marxe dereita ata superar de novo o rego de Souto Varela, onde decidimos facer unha pequena parada para xantar, antes de iniciar a subida ata A Ermida pola Igrexa e Sequeiras.

É unha ruta moi fácil, na que temos que salvar o desnivel para chegar ao alto e algún pequeno treito con lama, pero que compensa pois ímonos marabillando a cada paso ao ver o val dende o alto, podendo apreciar estupendamente a viticultura heroica que se fai nesta zona, da que xa teño falado noutras entradas.

Na adega recíbenos o patrón que, logo de degustar os distintos brancos e tintos que elaboran, nos amosou a adega vella, dedicada á viticultura tradicional. Nos baixos da casa vella, a adega conta cunha pequena exposición que recolle aspectos do cultivo, recolección e transformación da uva en viño, así como a posterior destilación do bagazo.

Despois da visita, descendemos polo camiño romano, unha ruta secundaria ligada á vía romana de Astorga a Braga que máis tarde se integrou no hoxe coñecido como Camiño de Inverno, volvendo recrearnos coas excelentes vistas da aldea de Belesar, que aínda garda certa harmonía no urbanismo, cores e materiais.


Vídeo


Galería

Ruta por Belesar. Ribeira Sacra


1 Comment

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*