Ruta polo val de Ordesa


691 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (3 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...
Ruta polo val de Ordesa

Diante da fervenza de Cola de Caballo

¡Cómo se elevan sus murallas desde el seno de sus oscuras profundidades! ¡Qué formas! ¡Qué colores! ¡Qué día para contar todo esto! Lucien Briet, poeta e divulgador apaixonado do Val de Ordesa.

Hoxe é o día grande, a etapa raíña da nosa estadía, e para desfrutala sen agobios de xente, o Víctor deseñou un plan que saiu á perfección, o que conlevou madrugar. Así, erguémonos ás 5:30 da mañá para poder acceder a Ordesa ás 7 h, e comezar a camiñar sobre as 8 h.

Facer a nosa segunda ruta é, quizáis, a actividade máis interesante das que imos realizar nesta estadía polos Pirineos oscenses. Adentrámonos no corazón do parque nacional de Ordesa e Monte Perdido. Na pradeira de Ordesa tomamos o camiño de Soaso que atravesa bosques de caducifolios e abetos, discurrindo polo fondo do Val de Ordesa, e percorremos así, nun silencio sobrecolledor, a ruta máis coñecida, a que vai polo val de Ordesa, ata a famosa fervenza chamada Cola de Caballo, magnífica fervenza situada en torno aos 1700 m de altitude.

O bosque de faias dá paso a unha zona de pastizais e de masas de pino negro. Nas Gradas de Soaso o río descólgase formando repetidos escalóns. Imos en ascenso prolongado marabillándonos das fervenzas de Arripas, Estrecho e La Cueva, que hai ao longo do río Arazas. Finalmente, o camiño discorre pola zona chá do circo de orixe glaciar de Soaso, que podemos apreciar en toda a súa magnitude, desde onde se obtén unha boa panorámica do Macizo de Monte Perdido. Non me gustou nada a primeira parte deste último tramo, pois facémola por un sendeiro acondicionado, “urbanizado”, nada acorde co espazo que estamos a contemplar. Ao final do traxecto, na cabeceira do val, encóntrase a fervenza de Cola de Caballo, un salto non moi grande pero coa gracia de que a caída da auga semella unha cola de cabalo.

Agrupámonos, descansamos e decidimos quen sube ata o refuxio de Góriz (2160 m), e quen queda agardando. Eu quedo. Pouco a pouco imos perdendo de vista ao grupo que en lento zigzagueo vai ascendendo polo Sendeiro das Mulas á cabeceira do val de Soaso. Este camiño xa non é tan doado, aínda que está dentro do sendeiro GR-11, ten algún paso no que é preciso axudarse un pouco coas mans e teñen unha caída potencial de entre 1 e 3 metros. Tamén hai algún treito do camiño que pasa preto de zonas verticais con caídas potenciais de máis de 80 m, polo que non é aconsellable para xente con vértixe.

Mentres agardamos por Rocío, que os acompañou na subida, protexémonos á sombra dunhas rochas admirando como a historia da montaña queda debuxada na paisaxe e nas rochas que, coma un libro aberto, cóntannos o ocurrido ata a actualidade; pouco a pouco o val vaise enchendo de camiñantes en todas as direccións. Xa con Rocío, achegámonos ata a fervenza a facer unhas fotos e iniciamos a volta polo mesmo camiño, paseniñamente, para darlle tempo aos que subiron a Góriz. O sendeiro xa é unha feira, e aproveitamos as primeiras sombras para xantar á beira do río Arazas. A xente é moi incivilizada, pois a pesares de estar prohibido o baño, ou mollar os pés, vin a máis dun facéndoo ao longo do río. En fin.

No tramo final, pasamos ao outro lado do val ao chegar aos miradores das Cascadas del Estrecho e da Cueva, e facemos o regreso polo Camiño dos Cazadores, entre faias, que deben estar impresionantes de cor no outono! Xa na esplanada do parque, e unha vez feitos os estiramentos e tomada unha clara de cervexa tamaño familiar, vemos achegarse ao grupo que subiu a Góriz… menuda marcha lle meteron! As 5:30 da tarde e todos xuntos a Broto, doce horas de intensa actividade.

No bus de regreso, contoume María que na subida ao refuxio atoparon un exemplar de edelweiss. Prohibidísimo collelas! Coméntame que a subida, rochosa a tramos, recórdalle á do Pindo, custosa, dura, árida, que se recompensa coas vistas dende o refuxio. Un pracer para os sentidos! Ah! e Jesu portouse facendo de monitor unha vez que os deixou Rocío, colleu as rendas e levou ao grupo encantado ata arriba. O Jaime comentoume, xa de baixada, o do “cachas” que levaba baixo dun brazo ao can ferido e do outro a tenda de campaña baixando a toda marcha, mentres eles non sabían onde poñer os pés!

Un gran día de luz e tempo que fixo que pagara a pena o madrugón. A riqueza natural e paisaxística desta ruta é altísima, cun percorrido que non ten maior dificultade que os quilómetros e o desnivel. É a ruta clásica de Ordesa e durante a mesma pódese observar a magnitude e a beleza da paisaxe. Impresionante! Quizais sexa a ruta máis repetida do Parque Nacional de Ordesa, e podemos dicir que probablemente sexa unha das zonas de montaña máis fermosas que podemos visitar.


Vídeo


Galería

Ruta polo val de Ordesa


2 comments

  1. Responder

    marivi

    O ano que ven roteiro polos montes e serranía de Cuenca ¿vale?. Moitos bicos dende o Júcar e o Huécar e as preciosas casas colgadas

    • Responder

      Seguro que imos (xa falarei con Víctor), e tomámoslle un morteruelo… ou un bacallau al ajoarriero! Desfruta desa fermosa cidade e desas fermosas terras!
      Bicos

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*