Ruta polo Teleno


756 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (4 votos, media: 4.50 de 5)
Loading...

Ruta polo Teleno

O Teleno, adicado a Marte Tilenus polos romanos, é un monte que acada os 2.188 m de altitude, e está ubicado na Serra do seu mesmo nome na zona dos Montes de León. Pola súa situación é un estratéxico miradoiro sobre as comarcas da Cabrera e a Maragatería, comarcas que separa.

  • Lonxitude: 19 km (15 km se non facemos a subida ao cumio)
  • Dificultade: Alta (media se non subimos ao cumio)
  • Desnivel: Forte (medio se non subimos ao cumio)

Se quedamos gratamente impresionados coa cea que nos deron en La Peseta, o almorzo foi igualmente sinxelo pero abundante: zume de laranxa natural, café, infusións… torradas, aceite, manteiga, mermeladas e, como non, manteigadas e hojaldres astorganos nos agardaban na mesa para dar boa conta delo, pois o día pintaba duro e había que ir ben alimentado. Despois de deixar o hotel sobre as nove da mañá, regresamos en procesión ata a Estación de autobuses para tomar o autocar, que nos levaría ata o pobo de Molinaferrera (1100 m), no concello de Lucillo nas abas da vertente septentrional do monte Teleno (outra das opcións é facelo dende Filiel, no mesmo concello).

O día é claro, anque freso, e apreciamos o cumio cunha boina nubosa que agardamos que despexe a medida que ascendamos. A ruta comeza na hermida do Cristo, por unha pista polo val do río Cabrito, logo de cruzalo pouco a pouco imos ascendendo e gañando altura entre matogueiras, uces e rochedos ata chegar á Collada. Neste punto as vistas sobre a comarca son moi boas. Por certo, no ascenso adiantounos un Peugeot de cor branca, que parecía que ía queimar o motor pois supoño que subirían todo o tempo en primeira. Ían dous ocupantes que para min tiñan máis pinta de furtivos que de sendeiristas ou montañeiros.

A pendente vai aumentando e a visibilidade e o tempo no cumio é cada vez peor, ata que chegamos á altura da Peña Negra (1650 m) xa coas primeiras neves. Neste punto o Víctor púxonos en situación: temos dúas opcións, continuar ata o cumio do Teleno (moi duro), ou seguir a pista que vai rodeando a fermosa cara norte da montaña para logo baixar a Molinaferrera.

Só doce que optaron pola ascensión (acompañaron a Víctor Jóhanna, Carmen, Fina, Chus, Alba, Jesús, Jesu, Álvaro, Helmut, Carlos e Xerardo), que continuaron cunha forte subida, pois quedaban ainda 500 m de desnivel ata o cumio, converténdose as pistas en sendeiro por un ancho cortalumes deixando a Peña de la Sarna á esquerda. O camiño non é perigoso pero si que aumentou a dificultade da actividade, pois ás veces houbo que atravesar algunha pedreira cuberta de neve e, sobre todo no descenso xa que hai algún treito sen camiño. Levan xa un bo rato co tramo todo nevado e non sen certa dificultade van subindo en busca da planicie previa que hai antes do cumio. Unha vez acadado, o mal tempo só lles permitiu facerse as fotos de rigor ao carón do xeado vértice xeodéxico, sen poder deleitarse coas impresionantes vistas. O forte vento de cara obrigou a variar a ruta sobre a marcha, decidindo regresar por onde viñeron.

O groso do grupo optamos polo camiño que nos permitiu ir admirando todo o tempo a imponente paisaxe da vertente septentrional da Serra, xa nevada, e de formas suaves debido ao forte desgaste erosivo, diseccionada en pequenos vales formados polos afluentes do Duerna: o Cabrito, o Arroyo de Peña Bellosa… Para min, unha mágoa non poder subir pois, ademáis de tratarse dun pico emblemático, tiña ilusión por ascender o meu primeiro 2000… outra vez será!

Descendemos moi ben ata Molinaferrera e de alí, o bus desprazounos ata Lucillo, onde agardamos polo grupo da ascensión ao Teleno tomando un café ben quentiño e dando un pequeno paseo polo pobo. As caras de cansanzo e esforzo que lles vimos cando nos atopamos case catro horas máis tarde, deron boa mostra do duro que foi o ascenso… bueno a Jóhanna e Helmut non se lles vía moi perxudicados, pois deben estar moi afeitos!

Aínda houbo tempo de parar no fermoso Castrillo de los Polvazares, dar un pequeno paseo polas súas rúas e tomar unha cervexa no Almacén del Arriero antes de iniciar a viaxe de regreso a Santiago. Unha fin  de semana na que todo saiu perfecto!



Galería

Ruta polo Teleno


Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*