Ruta polo río Ulla


1.103 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (1 votos, media: 4.00 de 5)
Loading...

Ruta polo río Ulla

Para despedir as actividades de natureza da USC neste curso 2013/2014 fixemos unha sinxela e doada ruta pola beira do río Ulla no seu tramo medio, no que o seu curso é lento, dá grandes voltas e baixa facendo longos e fondos pozos, tal como corrobora o dito popular

O Ulla é un río moi remaulón.
Nace en Antas de Ulla,
xanta na Pontevea
e vai durmir a Padrón. 
 
  • Lonxitude da ruta: 13 km aproximadamente.
  • Desnivel: baixo-medio.
  • Dificultade: baixa-media.

Comezamos a ruta no lugar de A Obra, no concello de Touro e, ao pouco de camiñar aprecio na fachada dunha casa unha placa toda oxidada co que parece ser o escudo da II República, supoño que sería unha antiga escola inaugurada naquela época, e que os “vencedores” non se decataron del. Baixo parras cargadas de acios descendemos ata a beira do Ulla e logo duns quilómetros chegamos á Ponte de Remesquide, pola que pasamos xa ao concello de Vila de Cruces, na provincia de Pontevedra. Desviámonos ao pouco ata a ben acondicionada área recreativa da Ínsua de Remesquide, anque na praca de inauguración da área  chámanlle Illa da Peregrina, que semella un gran barco ancorado no río.

A ruta vai por camiños bós e pistas próximas ao río, entre zonas boscosas e algunha aldea, o que permite desfrutar dunhas fermosas paisaxes e dun marabilloso entorno natural, ata que chegamos a Gres, onde demos por rematada a andaina.

Antes de xantar, houbo quen decidiu darse unha molladura na pequena praia fluvial que hai na Área recreativa das Ínsuas, mentres outros fomos dar un paseo polas ínsuas (sete, anque só cinco con nome: de San Ramón, dos Namorados, da Praia, de Pachín e das Palletas). Á insua de San Ramón accédese por unha ponte de cemento e, desde esta para entrar á dos Namorhados e á da Praia hai dúas pontes semellantes, e na que hai chantado un monólito honrando a Neira Vilas, o máis famoso escritor natural desta parroquia na que agora vive:

Auga, pedra, sol e vento,
aquí a ledicia é tanta
que todo rebule e canta
e o Ulla vaise contento.
Teño nesta terra asento
e un sentimento profundo,
un amor vivo e rotundo
polo val onde nacín,
levo a Gres dentro de min,
son deste anaco do mundo.

Desta terra. Xosé Neira Vilas

Pero no extremo de riba da ínsua, hai outro en honor de Adolfo de Roque, veciño moi querido dos de Gres, que morreu case con 90 anos e que era o coidador das Ínsuas. Cando morreu (solteiro) quixo que o incinerasen e que botasen as súas cinzas na concavidade dun carballo monumental que hai no dito extremo. E así o fixeron os veciños, que despois lle puxeron alí un monólito con datos da súa vida. 

A paisaxe neste entorno é digno de contemplar (e recomendo ir dar un paseo en calquera época do ano, sinxelamente).

Como é unha xornada especial a maioría decidimos xantar en Casa Lodeiro, a de Rafael (localización), no mesmo Gres, ao carón de Ponte Ledesma. A de Rafael dispón dunha ampla e resgardada terraza, na que tomamos un viño antes de xantar, pero de seguido entramos ao comedor, pois xa nos avisan de que está todo listo. Evidentemente, non tomamos o seu famoso cocido que ofrecen en tempada, un cocido que non se poderá esquecer… pero o menú estivo igualmente ben:

  • Entrantes caseiros: empanada, croquetas, ensaladilla, pementos de Padrón
  • Carne asada e Cordeiro
  • Postres caseiros e café.
  • Viño: Mencía

Pero nunha xornada como a de hoxe non todo vai ser camiñar! e pola tarde, por iso de mover as pernas e facer a dixestión, fomos ata San Salvador de Camanzo, aldea próxima a Gres a visitar a igrexa románica (s. XII) e o seu pequeno e descoñecido mosteiro. Non hai servizo de guía pero o sancristán facilitounos a visita ao patio do cenobio e á igrexa. Recomendo o relato que fai Manuel Gago sobre a súa visita de 2007 a este tesouro, con sensacións moi parecidas ás que sentín eu na visita de hoxe.

A igrexa intégrase no conxunto do que fora mosteiro bieito, fundado polos Condes de Deza. Logo de admirala (é unha das poucas igrexas cunha policromía orixinal), accedemos a un gran patio emparrado cunha mesta viña que o enchía e que ten a cepa máis antiga de Galicia, 300 anos. Sobresaíndo na luz daquel patio, uns arcos góticos dun antigo claustro levantan tras as parras. É curiosa a porta de entrada ás celas, no primeiro andar, na que aínda se pode ler o antigo vade retro que as monxas ofrecían a calquera infractor. Xa cando marchábamos, o sancristán ensinounos a adega que hai neste espazo, cun enorme lagar de madeira e pedra, os bocois…

O sacristán é un personaxe ben curioso, resulta que Víctor contoume a conversa que mantivo con el cando o foi buscar á súa casa para que nos abrise a igrexa e que non me resisto a contarvos. Tivo que agardar un ratiño por el mentres ía avisalo a súa muller, xa que andaba traballando nunha leira cercana.

Cando baixou e saudou a Víctor, dirixíronse cara nós, que os estabamos agardando na porta da igrexa. De camiño preguntoulle se éramos moitos e el contestoulle que case corenta. Tamén lle advertiu de que patrimonio xa non lles pagaba a luz, polo que tiña que cobrarnos 1 euro por persoa. Por isto de romper o xeo, Víctor proveitou para preguntarlle se o mosteiro era moi visitado ao que lle respondeu que sí, e que últimamente máis. E contoulle que o día anterior foran, xa na noitiña, un grupo de xente a pedirlle que lle abrisen a porta, que querían ver o mosteiro. O sancristán contoulle que eran de Extremadura pero que non lles abriu.

Víctor preguntoulle sorprendido o motivo da negativa e díxolle que tiñan mala pinta, que non se fiaba… “que non eran nin blancos nin negros, que eran unha mezcla así, así…” (facendo un xesto coa man, estirada, cos dedos xuntos, movéndoa dun lado a outro pausadamente), e de seguido dixo que tiña medo de que lle metesen unha “carpanta” de ostias, o deixaran alí pechado e levaran todo o que alí dentro había! Xa sabedes, non ir moi tarde, non vaia ser que vos confunda con extremeños… Meu probe!

Logo desta historia do noso amigo sacristan de Camanzo, chegamos de novo a Gres e ainda tiven tempo de volver cruzar a ponte sobre o Ulla con poucas gañas de deixar este lugar… pero a xente agarda e hai que voltar para Santiago.

Pois este é o relato da última ruta do curso, pero agardo seguir contándovos algunha máis que faga pola miña conta antes de setembro, no que retomarei as andainas co grupo da USC e seguir camiñando, coñecendo, descubrindo, compartindo, aprendendo… Gozade do verán! Bicos e apertas!


Ver Ruta polo río Ulla nun mapa máis grande



Galería

Ruta polo río Ulla


2 comments

  1. Responder

    Pilar

    Moitas gracias Fran por ser as miñas pernas e os meus ollos, sen cansar nin un chisco.
    Ata o próximo curso.
    Bicos

    • Responder

      Fran

      Grazas a tí Pilar polos comentarios. Tés que animarte a facer esta máis suaviñas, e se son con paparota moito máis! 😉
      Bicos

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*