Ruta polo Río Barbantiño


981 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (2 votos, media: 4.00 de 5)
Loading...

Ruta polo Río Barbantiño

“Quedan as pedras e as areas e os restos dos seus cacharros e os seus torques e as súas axorcas, as súas espadas, as súas pedras puídas e talladas; quedan mil cousas que foron súas, pero eles fóronse e ninguén sabe do seu ser de homes, da súa intimidade humana”. 
Luís Manteiga, década dos 30 do século pasado… Frase exposta nun dos murais do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa

Nesta xornada fixemos dúas actividades. A primeira consistiu en visitar o recentemente aberto (marzo de 2014) Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica (Lambrica ou Lanobrica), o nome galaico do impresionante castro de San Cibrán de Lás, nos concellos de Punxín Santo Amaro. O Castro de San Cibrán foi escollido pola Xunta de Galicia como sede do seu Parque Arqueolóxico sobre o castrexo.

estudo deste castro comezou cunha primeira visita ao xacemento por parte de Florentino López Cuevillas e Vicente Risco no ano 1921; López Cuevillas dirixiu a realización dunhas primeiras catas, que se prolongaron ata 1925. Desde o ano 1948 Xaquín Lorenzo, Xocas, coa colaboración e orientación de Cuevillas, dirixiu dúas campañas onde se descubrieron construcións circulares e rectangulares xunto coas portas da muralla interior. Tamén excavaron no sector oeste e exploraron a segunda muralla e o foxo dianteiro, ademáis de reexcavar a fonte-alxibe. Logo do abandono e a denuncia e eficaz xestión de Xesús Ferro Couselo, que paralizou a masiva extracción de pedra do xacemento, que se estaba levando para utilizarla como grava para o acondicionamento das rúas do Carballiño e arredores… Na década pasada dos oitentaleváronse a cabo labouras de consolidación das estruturas xa excavadas anteriormente e novas campañas de excavación na zona leste, ata ese momento moi pouco estudada, nas que se destaparon gran cantidade de estruturas habitacionais.

Xa manifestara noutra ocasión as miñas reticencias con respecto a estas instalacións, como a do dolmen de Dombate, pero a do castro, unha vez visitado, recoñezo que me gustou e animo a coñecer e visitar.

Así, a visita ao Castro de San Cibrán de Lás desenvolveuse a partir do acceso a dous espazos diferenciados: o expositivo, situado no interior do Centro de Interpretación, e a área arqueolóxica na que, axudados de guías, que nos dividiron en dous grupos (parabéns para a nosa guía Begoña!) cos que percorremos a monumental cidade galaica de San Cibrán de Lás, un exemplo singular dentro do mundo galaico, fundada no século III a.C., a súa cronoloxía estenderase por época romana.

Nada mellor que comezar a visita admirando a monumentalidade das portas de acceso de Lansbrica no oeste. Tamén no oeste se sitúa o alxibe. Logo percorremos a gran rúa occidental, que nos permitiu admirar o deseño urbanístico de Lansbrica, que é radial, e que nos da conta de que os galaicos, no momento da fundación da cidade dispuñan dunha noción moi sofisticada do urbanismo. As vivendas dispóñense a ambos lados da rúa e están estruturadas por lotes de similar tamaño (tendemos a asociar unha estrutura cunha familia), pero aquí ensináronnos como cada familia mantiña varias dependencias que se usaban de forma especializada. Logo traspasamos a Porta oeste da croa que, como a de acceso, dispoñen de corpos de garda. A croa de Lansbrica é sen dúbida o recinto máis enigmático da cidade, pois pénsase que é un espazo de usos sacrais e/ou comunais. Saíndo da croa, achegámonos ata o interior das murallas polo leste e os sistemas defensivos. Abraiado quedei co castro!

Unha vez rematada a visita achegámonos en bus ata A Forxa, en Punxín, onde fixemos o Camiño Natural do río Barbantiño, unha ruta moi ben conservada e dunha extraordinaria beleza, con numerosos restos de muíños, que dan conta da importancia que noutrora debeu ter este pequeno río. É unha ruta circular, case todo o tempo a carón do río, por camiños de pescadores, e sorprende o bo estado de conservación da zona.

      • Lonxitude: 13 km
      • Dificultade: media
      • Desnivel: medio

Camiño Natural do Río Barbantiño forma parte da rede de Caminos Naturales del Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural Marino. Comprende os municipios de Punxín, Maside e Amoeiro, estes dous separados polo Barbantiño.

Dende hai séculos, a auga do Barbantiño, foi unha gran fonte de recursos para os habitantes da comarca. Proba disto, é a presenza de numerosos muíños e canles distribuídos nas dúas beiras. Para o acceso a estas edificacións percorríanse unha serie de sendeiros que facilitaban o transporte do grao e o tránsito de persoas. A actuación ambiental da senda aproveitou estes vellos camiños para crear unha ruta respetuosa co medio ambiente e adaptada para moita xente. Escaleiras, pontes e varandas (algunha xa precisa reparación), forman parte do traxecto nas dúas ribeiras.

Partimos río arriba seguindo o camiño sinalizado… muíños sen restaurar, pontes, presas, pozas e un bosque de ribeira espectacular, enchen de maxia o lugar. Ademáis de carballos e rebolos, observamos numerosas especies de fentos cunhas cores espectaculares (o Helmut non parou de fotografalos!). Pasamos pola ponte metálica da espectacular Fervenza do Viñao e accederemos á boca do Pozo do Inferno. Aquí localízanse os muíños restaurados das Penas, lugar que aproveitamos para facer o descanso e, despois de xantar, acceder ao mirador da fervenza por unha pasarela metálica.

Dende aquí unha boa subida condúcenos ao Alto de San Fins, onde nos atravesa a ponte do AVE. Ao descender outra vez camiño do río, encontrámonos cun freo para as augas; a minicentral hidroeléctrica do Barbantiño, que fai que estas se remansen, xusto ata onde outro tren atravesa o lugar, esta vez do século pasado, para o que se construiu un túnel para o paso do río e outro máis pequeno para o paso de peóns. Atravesando este toparemonos coa fermosa ponte medieval de San Finssobre o que transitaba, hai séculos, un dos camiños reais que se dirixían de Ourense a Pontevedra.

Descenderemos de novo ao río e chegaremos a unha área de descanso e volvemos pasar pola ponte metálica da espectacular Fervenza do Viñao. Paga a pena volver a ver a fervenza, pois este é un dos tramos máis fermosos da ruta. Despois retornamos pola ribeira oposta á ida. En definitiva, unha espectacular ruta que permitirá desfrutar da Natureza!



Galería

Ruta polo Río Barbantiño


1 Comment

  1. Responder

    marivi

    Qué bonitooooo!!!Os roteiros de ríos son sempre os máis bonitos, pero este lévase a palma polo de agora!!!!. Qué fotografías conseguidas sí señor!!!. As cores, a forza da auga, ¡redondooo!!! (tamén a foto do portalón de Nadal é de antoloxía, ou non?)

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*