Ruta polo Irixo


381 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (4 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...
Preme nas imaxes para velas a tamaño completo

O PR-G 189, Ruta dos castros do Irixo, vai por zonas rurais, entre carballeiras, corredoiras, regatos, castros, muíños… Este itinerario do PRG comeza no Irixo de Arriba e remata en Saavedra, pero nós imos completalo facéndoo circular comezando e rematando no centro do concello, e á metade da ruta subindo ao Coto de Surribas. A ruta é moi variada en canto a paisaxes e puntos de interese.

Datos técnicos da ruta

Imos ata o concello do Irixo a facer un sendeiro homologado moi fermoso, o PR-G 189 Ruta dos castros do Irixo que vai por zonas rurais, entre carballeiras, corredoiras, regatos, castros, muíños… Este itinerario do PRG comeza no Irixo de Arriba e remata en Saavedra, pero nós imos completalo facéndoo circular comezando e rematando no centro do concello, e á metade da ruta subindo ao Coto de Surribas. A ruta é moi variada en canto a paisaxes e puntos de interese.

Comezamos a camiñar…

Dende o Irixo de Arriba, baixamos por un antigo camiño ata o derruído Muíño de Valcobo, do que hoxe só queda o seu inferno e parte do cubo, pero que se atopa nunha fermosa paraxe natural do río Coedo. Unha vez cruzado o río, continuamos pola beira dunha coidada levada e polas abas do Coto do Castro, ao cal ascendemos mediante unha variante da ruta, pois no seu cumio quedan restos dos muros, hoxe pouco visibles, do que debeu ser a croa do Castro de Orros ou da Cidá.

Neste punto, no que hai instalado un panel que ilustra sobre a vida castrexa, temos unha panorámica moi boa sobre as terras polas que estamos camiñando, contemplando desde os cercanos Coto de Surribas (844 m), Coto da Pena Negra (793 m) ou Nabás, ata os máis lonxanos Monte da Romiña (819 m) ou a Cima do Val de Arneiro (823 m).

O concello do Irixo é moi rico en restos arqueolóxicos, de feito esta ruta denomínase Ruta dos castros. Entre os castros que podemos atopar destacan pola súa magnitude este castro de Orros ou da Cidá, o de Monte de Ollos, ou o castro de Souteliño. Hai que citar tamén a arracada, un delicado pendente de ouro atopado en 1905, datada na Idade do Ferro, e conservada no Museo de Pontevedra, que teñen representada no escudo municipal, ou o aramio de ouro atopado en Orros.

A ruta achégase ata a igrexa parroquial de Santa Mariña da Cidá, onde facemos un pequeno descanso, que aproveito para achegarme á destartalada casa reitoral. Que fermosura de espazo e que mágoa vela caendo medio tapada polas silveiras! Esta vai ser unha constante da ruta, o paso por pequenas aldeas cunha arquitectura popular impresionante, pero que están esmorecendo polo abandono ao que está sometido o mundo rural.

Polo camiño sacramental ou “camiño da misa” cruzamos o rego da Cidá e chegamos a Paredes, onde podemos ver os restos dunha agrupación de hórreos na parte alta da aldea. Son tradicionais hórreos mixtos, é dicir construccións en pedra e en madeira que, normalmente, non apoian en pés, senon en cepas, que son muros ou pezas transversais, do mesmo ancho que a cámara, e poden ter o teito de lousa ou de tella. O seu estado é de total abandono, e o conxunto está berrando por unha restauración, pois é dunha calidade espectacular.

O etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo, Xocas, describiu estes grupos de construccións en terreo común afirmando que “… un canastro pode ser construído en calquera sitio público con tal que non cause molestias o seu emplazamento, pechando ou estreitando algún camiño ou algo semellante […]. Por isto é frecuente atopar nas nosas aldeas grupos máis ou menos numerosos de canastros, en certos recantos, que dan a impresión de pequenos poboados, xa que cantos viciños poden arman alí os seus canastros pra aproveitar aqueles sitios que non teñen outra utilidade… ” . Lorenzo Fernández, Xaquín. A Casa. Vigo, Galaxia, 1982.

Para Xocas, os hórreos son todo un símbolo, algo así como un sagrario onde o noso campesiño garda o pan que Deus lle dá, pondo por riba a cruz como protección e en sinal de gratitude. O hórreo é das dependencias da casa que expresa a riqueza desta segundo o número de claros que teña. Na cercana comarca do Ribeiro, a raiz da celebración dun casamento, hai un dito expresivo da riqueza do dono do hórreo dun dos contraentes: “Casou ben, pois o pai tenche un canastro grande!“.

Estas agrupacións atoparémolas tamén noutras aldeas do percorrido, como Xirei (onde fixemos parada para xantar), Os CasaresValdesoiro, ou Saavedra onde podemos apreciar elementos constructivos tradicionais tanto nas vivendas como nas construcións anexas ou nos seus vellos camiños. Porque estes montes e veigas, hoxe cubertos de piñeiros e de bosque atlántico, non hai moito tempo (a mediados do s. XX), eran fértiles terras de labranza. Os veciños cultivaban case todo o territorio e precisaban dos seus hórreos para gardar as suas colleitas.

E as vellas vivendas que admiramos fálannos dunha economía pechada e de autosuficiencia, onde a unidade familiar obtiña do cultivo da terra os produtos que ela mesmo sementaba, almacenaba, transformaba e consumía; mallaba na eira, ou debullaba a man o gran que logo moía no muíño, e no forno fabricaba o pan; tecía; salgaba ou afumaba os produtos da matanza; plantaba as vides, vendimaba e facía no lagar o viño que logo gardaba na adega… Todo iso estámolo vendo esmorecer cando atravesamos estas aldeas que quedaron medio valeiras desde os anos 50-70 do século pasado coa gran emigración do campo á cidade, na busca de mellores condicións de vida. Hoxe, os poucos habitantes que quedan son xente maior que ata teñen que reivindicar que non lles pechen a oficina bancaria da capital do concello, que só busca beneficios e non repara no importante que é para eles mantela aberta!

O prato forte da xornada é o ascenso ao Coto de Surribas, pois o tramo final temos que facelo por un cortalumes bastante costaneiro. Como digo sempre que acometemos estes treitos, pode resultar duro para persoas pouco habituadas ás típicas costas de montaña, pero non deixa de ser iso, unha costa de montaña, polo que hai que afrontala con ánimo… e a por ela! Á metade da subida, o Suso chámame para que lle faga unha foto cunha rapaza norueguesa que nos acompaña hoxe. Resulta que a moza é veciña dun amigo noruegués de Tromsø, casado cunha curmá de Carme, que tamén ven hoxe, e que coñeceu en Santiago estudando a carreira de medicina, e quere mandarlle a foto para comentar o encontro. Que pequeno é o mundo!

Xa no cumio as vistas son abraiantes a pesares de estarmos a pouco máis de 800 m de altitude. A serra do Faro cuberta de neve capitaliza a nosa atención (que pensará a norueguesa de nós acostumada a tanta neve como hai no seu país…). A partires de aquí, só queda baixar, sempre por pista, cos toxos impresionantes coas chorimas plenamente abertas, lembrándome aquela canción de Saraibas (non quero lembrar o ano!): “Chorima nosa chorima, tan amarela no monte, ti e-la fror dos galegos, dos de onte e dos de hoxe…“.

Ao rematar a ruta quedo cunha sensación de satisfacción pois o sendeiro é fermoso, moi fermoso, pero tamén con algo de tristura, se reparas nestas condicións de vida e do que foron estes lugares non hai tanto tempo. Insisto en que temos que aproveitar para consumir algo nos negocios da zona, pois así axudaremos a que unha zona tan bonita como esta se manteña.



Galería

Ruta polo Irixo


2 comments

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*