Ruta polo Cabo Udra


509 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (1 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...
Polo areal da praia da Mourisca

Polo areal da praia de Tuia, cunhas augas azul turquesa espectaculares

Que gañas tiña de facer unha ruta pola costa! E que mellor que ir a un dos espazos naturais máis interesantes da provincia de Pontevedra: o cabo Udra (clasificado como ZEC: zona de especial conservación, polos seus interesantes valores naturais).

  • Lonxitude: 13 km
  • Desnivel: baixo-medio
  • Dificultade: media

Despois de dar unha volta por Bueu e pola praza de abastos, onde Suso adquiriu un par de sapatas (zapata), peixes que os mariñeiros abren e secan a bordo coma un bacallau e que, segundo nos indica a placeira, soe elaborarse cocido e acompañado de patacas e unha allada… – E precisa moito remollo? (comenta Suso) – Basta con poñelo dun día para outro, e cunha presa de sal na auga do remollo! A tradición do consumo en seco aínda se mantén nestes concellos de Marín, Bueu, Cangas… Xa lle preguntarei ao Suso como lle saiu.

O percorrido comeza no mesmo Bueu. Despois de agruparnos no peirao onde se embarca para ir a Ons, pasamos polas vellas instalacións do estaleiro de Purro, onde podemos observar, entre outras, unha rarísima chalana de dúas proas. Agardo que o estado no que se atopa o estaleiro non dure moito, pois dende que cesou a súa actividade no 2003, é conservado dende entón grazas a asociacion cultural Os Galos. O estaleiro foi incluido no Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia como Ben de Interese Cultural, anexo ao Museo Massó, que está instalado nas naves industriais da antiga conserveira Massó Hermanos, e no que convive o patrimonio marítimo e industrial. De visita obrigada!

Continuamos pola praia e porto de Beluso, onde podemos apreciar a estreita relación de Bueu co mar tanto nas fábricas de salgadura espalladas por todo este litoral, como na cantidade e variedade de embarcacións tradicionais que hai nas súas costas, e na que predomina a dorna, anque se intentan recuperar outras como a lancha xeiteira ou o bote polbeiro. Continuamos por unha fermosa senda costeira que vai ata o mesmo cabo. As praias de Tuia e da Mourisca coas súas augas azul turquesa están espectaculares e aproveitamos para cruzala polo areal ata a fábrica de salgadura.

Dende o cabo temos unha excelente panorámica do concello de Sanxenxo e da zona de Portonovo, Montalvo…, do concello de Ribeira e do cumio da Curota, do arquipélago das illas Ons e da illa de Sálvora, e Punta Centuleira, outro dos puntos de Cabo Udra ao que chegamos e dende onde temos outra magnífica perpectiva do anterior. A paixase é tan fermosa que lle adicamos un bo tempo á contemplación, que nos sabe a pouco cando temos que reinciar a marcha e continuar camiño.

Esta parte do cabo constitúe un bo observatorio natural para as aves mariñas, como a gaivota patiamarela, ou o corvo mariño, do que teño en fronte unha parella sobre unhas pedras estendendo as súas ás para secalas, pois estas non son impermeables, e así sérvenlles como peso extra para facilitar o mergullamento no que perseguen aos peixes dos que se alimentan.

Logo de pasar pola Aula da Natureza, ao pé do monte do Castro, adentrámonos por unha senda de matogueira, coroada por uns penedos espectaculares, un monumento xeolóxico de gran valor científico e paisaxístico. Aínda que se formaron a gran profundidade, a erosión achegounas á superficie. Os penedos de Udra teñen formas redondeadas por mor do efecto que a auga subterránea produce nas fendas da pedra, antes de que asomen ao exterior. A acumulación de auga e o vento vanlle dando esa forma redondeada.

Ainda temos tempo de botarlle un ollada aos Chozos de Esqueiros, construidos aproveitando o gran tamaño destes penedos e que servían como refuxio aos pastores. Estes rochedos alternan con cantís de baixa altura con pequenas calas e areais encaixados como a praia de Ancoradouro.

Dende aquí facemos un curto e fermoso tramo de ida e volta ata a praia de Lago, onde aproveitamos para descansar e xantar.

Como o tempo acompañou, ao rematar a andaina haoubo quen decidiu refrescarse na praia. A maioría achegouse ata a da Mourisca, pero eu preferín aproveitar o tempo á sombiña, e boa conversa cunha cervexa ben fría! Mágoa que tiñamos que marchar pois non apetecía nada facelo…



Galería

Ruta polo Cabo Udra


2 comments

  1. Responder

    marivi

    Da moito gusto ver aos roteiráns camiñando por sendas fáciles!!!, xa era hora!!!! que cos últimos roteiros rematei agotada de ver tantas pendentes e tantos precipicios!!!!, por unha vez houbo compasión para os miróns das vosas caminatas!!!

    • Responder

      A verdade é que xa tiña gañas de facer unha ruta pola costa, ademáis o día acompañou, e non debido ás pendentes das que falas ????????… E sinto desilusionarte, pois a próxima fin de semana teremos máis costas e pendentes!
      Moitos bicos

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*