Ruta polo Baixo Miño

Ruta polo Baixo Miño

Hoxe desprazámonos á Comarca do Baixo Miño, onde se atopa o fértil municipio de O Rosal moi coñecido pola excelente calidade dos seus viños (é unha subzona da Denominación de Orixe “Rías Baixas”), ademáis da súa beleza natural, motivo que nos trouxo ata aquí, e rematamos na vila de A Guarda.

  • Lonxitude da ruta: 23 km
  • Desnivel: moi baixo
  • Dificultade: media (pola lonxitude, os camiños son moi cómodos)

O noso percorrido iniciámolo na praia das Eiras, no concello de O Rosal, á beira do Miño, comezando o sendeiro PR G-112 coñecido como Sendeiro de pescadores, que remata no Muiño das Aceñas. Imos polos sendeiros que lle permite aos pescadores acceder ás súas embarcacións amarradas na beira do Miño, embarcacións que se utilizan basicamete para pescar lamprea e angula.

Imos camiñando ata a foz do río Tamuxe, o último afluente do Miño antes da súa desembocadura. O Tamuxe ten un bonito paseo fluvial que aproveitamos para coñecer. Tivemos a fortuna de acceder á Aula da Natureza “ Muíño das Aceñas” nunha xornada de portas abertas, pois o Concello do Rosal estaba a celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño), con diversas actividades: obradoiros de herbas medicinais, reciclaxe…

Logo, regresamos á beira do Miño e aos poucos quilómetros chegamos á Xunqueira, fermoso e importante lugar para os amantes da ornitoloxía, área onde se poden observar parrulos, lavancos, galiñolas ou garzas cinzentas.

A anchura do Miño e os abondosos depósitos, xunto co reducido dinamismo das súas augas polo escaso desnivel que salva o río neste último tramo, fai que coas mareas o mar chegue a remontalo ata 40 km augas arriba, orixinando un auténtico estuario. As augas do Esteiro do Miño, polo seu carácter salobre, permiten a convivencia de especies mariñas e fluviais, resultando unha diversidade floral e faunística excepcional.

Tamén son destacables en todo o percorrido elementos etnográficos como petos de ánimas ou as ruínas dos fornos cerámicos tradicionais que podemos observar. A natureza sedimentaria do esteiro propiciou a práctica dun oficio tradicional de singular interese asociado aos depósitos de arxilas, os cabaqueiros, fabricantes de tellas ou cabacas.

O Rosal celebra cada 12 de outubro a Festa do Cabaqueiro, unha celebración na que se homenaxea aos homes que, ata os anos sesenta do século pasado, se desprazaban ás telleiras para fabricar tellas e ladrillos, creando unha xerga propia para non ser entendidos polos patronos (No batuque da fusca toca a churumbela. No baile da noite toca a gaita).

Deixando atrás a Xunqueira e o Pasaxe seguimos admirando as paisaxes do Río Miño, xa na ruta do PR-G 160 ou Ruta da Desembocadura, e percorremos as  praias fluviais da ArmonaA Lamiña e O Muiño que se estenden ao longo de 2 Km, formando unha bela unidade. Unha vez na Praia do Muíño, o grupo proseguiu en dirección ao Puntal, onde se enlaza finalmente coa Senda Litoral ao Monte Sta. Tegra, aproveitando camiños, sendeiros marcados e pasarelas, sempre a carón da costa, onde se pode apreciar o Seixal, Punta Barbela ou o lugar coñecido coma “As Pozas”. Estamos no último tramo, arrodeando todo o monte Santa Tegra, hoxe co cumio tapado pola borraxeira en todo momento, ata chegarmos á vila de A Guarda. Estamos no extremo sur do noso litoral, establecendo fronteira con Portugal, nun tramo singular da costa galega, pois tanto na desembocadura do Miño como dende aquí ata Baiona, o litoral non responde aos modelos comúns do resto do litoral galego: a costa é recta e o Miño non desauga nunha ría.

Na Guarda, estiramentos e descanso merecido contemplando no porto regatas de traíñas, animadas por bastantes seareiros. Ah! a pesares de estarmos a corenta de maio hai gañas de baño e os variles Vicente e Javier non puderon prescindir do seu primeiro chapuzón do ano na praia do Carreiro!

 


Ver Ruta pola Guarda nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

Scroll ao inicio