Ruta polo Alto do Conforco


787 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (4 votos, media: 4.50 de 5)
Loading...

Ruta polo "alto del Conforco"

Nesta primeira fin de semana de novembro fomos percorrer unha pequena parte da fermosa Maragatería, e para iso desprazámonos ata Astorga. Estivemos aloxados en réxime de media pensión no hotel-restaurante La Peseta, altamente recomendable para quen queira pasar unha fin de semana nesta vila. 

  • Ruta polo “alto del Conforco” (zona de Santa Colomba de Somoza)  

  • Lonxitude da ruta: 8 km aprox.
  • Desnivel: baixo
  • Dificultade: baixa

Despois de catro horas de viaxe, e antes de ir a instalarnos ao hotel, o bus levounos ata o inicio desta ruta no Cerro Muga, para comezar unha pequena aindana que nos levaría ata o alto de Conforco e de alí, xa en suave descenso ata Santa Coloma de Somoza. É un itinerario por zonas altas da Maragatería o que nos permite ter unha boa visión da comarca e observar as súas paisaxes abertas, moi fermosas, e alterna zonas de monte baixo con outras de bosque de cerquiños.

Foi poñerse a camiñar e apareceu unha chuvia persistente que nos acompañou durante todo o percorrido; menos mal que a hora de xantar cadrounos moi perto da igrexa de San Pedro, ao pasar Tabladillo, que nos acubillou baixo o seu adro lateral. Xa estabamos moi perto do final en Santa Coloma onde nos agardaba o bus que nos levou ata Astorga.

Por certo, en Astorga o bus deixounos na Estación de Autobuses pois non está permitida a circulación de autocares polo centro da vila, e tivemos que ir andando máis ou menos un quilómetro ata o hotel á beira do concello. Imaxinádesvos que os clientes do Hostal dos Reis Católicos ou os do Hotel San Francisco, por exemplo, tiveran que baixarse na dársena santiaguesa de Xoán XXIII e chegar a pé coas maletas ata estes hoteis? Impensable. E mentres tanto, non se para de reparar o enlousado da cidade que está de pena…

  • Ruta romana en Astorga 

Antes de comezar a camiñar, visitamos o pequeno pero interesante Museo Romano, que está construido sobre unha edificación da época romana, coñecida tradicionalmente como a Ergástula e, anque nalgún momento foi utilizada como cárcere, esta non era a función para a que se deseñou. Trátase dunha galería abovedada duns 50 m que formaba parte dun pórtico con planta en forma de U, e constituiría o lateral oriental deste pórtico cunha función de sostén dunha plataforma sobreelevada con respecto ao foro.

Nesta estrutura abovedada hai instalada unha pequena sala de visionado de audiovisuais e, no primeiro andar do museo están os servizos arqueolóxicos municipais e no segundo ubícase a exposición permanente, que acolle as pezas máis salientables recuperadas das excavacións. A través dos obxectos expostos explícase a orixe e o desenvolvemento urbano de Astúrica Augusta.

Xa sen chuvia, continuamos coa Ruta Romana, un impresionante itinerario arqueolóxico pola cidade, que nos leva a comprender a historia da antiga Astúrica visitando diferentes puntos como a Porta romana, un dos accesos á cidade; a Cerca Lexionaria, que confirma a orixe militar do asentamento ao descubrírense foxos que formaban parte do sistema defensivo da Legio X Gemina; as Termas Menores, uns baños nos que se aprecian os frigidarium, tepidarium, sudatorium e dúas caldaria; o Aedes Augusti, sala cun luxoso pavimento insterta no pórtico que limita o foro polo oeste; o percorrido polo interior da cloaca que constitúe un dos puntos máis suxerentes do itinerario… e finalmente a casa do mosaico do oso e dos paxaros, unha luxosa vivenda, con área termal e na que destaca o espléndido mosaico que pavimenta un dos cuartos, probablemente un tri-clinium ou oecus… 

Case dúas horas de duración que pasaron voando e, dende logo, a Ruta Romana de Astorga é unha actividade moi recomendable e un complemento perfecto para unha fin de semana de sendeirismo pola Maragatería. Moitas grazas á nosa guía (non me lembro do nome), e ao personal do museo pola súa amabilidade e profesionalidade. A verdade é que é unha actividade moi acaída para facer en grupo ou con alumnos de secundaria, por exemplo, pois está moi ben deseñada.

Antes de cear, tivemos un par de horiñas para dar un paseo pola vila, facer unhas compras (imposible vir sen as manteigadas), e tomar unhas cañas pola fermosa Praza de España.

A cea foi escelente, e non porque nos puxeran a especialidade da Maragatería, o cocido maragato, que se compón de nove carnes diferentes, garbanzos con verdura, e sopa (cómese nesta orde), e remátase co postre a base de natillas con bizcoito ou manteigadas. Débeno preparar ben el La Peseta, de feito, cando chegamos ao hotel á hora de xantar, anunciaban que o cocido estaba esgotado… Se o chegamos a cear non hai que nos erga ao día seguinte! Pola contra, puxéronnos unha cecina con torradas empapadas en aceite, un bonito con enalada, garbanzos con cocochas de bacallau, carne con puré e postres variados, chapó! Con esta cea houbo que dar un paseo antes de deitarse… pois ao día seguinte tiñamos que erguernos cedo xa que nos agardaba unha xornada ben dura, o Teleno!



Galería

Ruta polo Alto do Conforco


Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*