Ruta pola Serra do Xistral


1.013 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (5 votos, media: 4.80 de 5)
Loading...

FM150224Xistral055

Regresamos novamente á serra do Xistral, dende aquela fermosa andaina que fixeramos aló polo 2012. Esta vez a nosa ruta comeza e remata en Viveiró, no concello de Muras, que non hai que confundilo con Viveiro, situado fisicamente entre A Terra Cha e A Mariña. Ah! En Viveiró había un deses lugares imprescindibles á hora de falar da hostelería galega, un desdes dos chamados voute levar a un sitio que xa verás, o restaurante Casa Cándida, tamén coñecida como o Sete Pratos, xa vos imaxinades, non? Ou sexa, un deses lugares nos que non hai carta e onde comes ben e a reventar… digo había pois cando chegamos non semellaba ter actividade dende hai bastante tempo. Unha mágoa!

  • Lonxitude: 15 km aprox.
  • Dificultade: media-alta
  • Desnivel: medio

Pero imos ao noso, que hoxe toca camiñar, e temos un percorrido moi variado, atravesando bosques, abas e altos cumios en torno aos 1000 m de altitude. Destaca, pola súa beleza, un pequeno bosque no val dos Coruxos, formado principalmente por carballos e acivros de considerable tamaño. Máxico! Ao pouco de pasar o bosque do val de Coruxos tivemos que cruzar o rego dos Coruxos que baixaba bastante cheo, a maioría tivemos que descalzarnos para pasalo mentres que outros optaron por dar un chimpo, algún cun pequeno susto, para salvar este pequeno obstáculo e, a pesares de que a auga baixaba xélida, os pés agradecérono ben!

A dificultade veu dada principalmente pola forte pendente nalgún punto do ascenso que iniciamos logo de cruzar o rego, pois pasamos ao pé do Xistral (1032 m), e tamén por camiñar gran parte do itinerario sobre a turbeira, cun alto valor natural, monte a través, e sen camiño perfilado.

Por suposto, a néboa non nos permitiu desfrutar das vistas que hai dende a parte alta da serra, xa que se pode divisar, cara ao norte, a ría de Viveiro, pois, ademais do vento, estes montes tamén son o reino da néboa… ata nin vimos, pero sí escoitamos, o intenso aproveitamento eólico que padece o Xistral!

No Xistral quedan atrapadas as nubes cargadas que deixan todos os anos cantidades moi significativas de precipitacións. Malia a proximidade do mar, non son raras as nevaradas invernais, como a que nos impediu vir facer a ruta a primeiros de mes. A auga deposítase nas chairas elevadas enchoupando os pasteiros naturais e creando extensos depósitos de turba. Son as turbeiras de cobertor, únicas en todo o suroeste europeo, que popularmente reciben o nome de barreiras, tremoal ou lago. Nomes que se reflexan na toponimia, como por exemplo, nos lugares das Barreiras do Lago, Lagoa das Furnas, Tremoal da Charca de Santa Cruz

Vaia día nos tocou! pois non lembro unha andaina tan desagradable para camiñar polas condicións climáticas como a de hoxe, xa que no momento do ascenso aos cumios e no percorrido pola serra padecimos a xistra, ese golpe de vento húmido e xélido que aquí varre os cumios sen máis amparo que a rocha espida dalgúns picos que fixo que nos racharan paraugas, que nos molláramos ata os miolos… e que desexáramos que a andaina rematara canto antes. Estas condicións obrigaron a acurtar un pouco o itinerario, pois ata había risco de perdérmonos pola falta de visibilidade. Eu sempre lle encontro o lado positivo ás cousas, e penso que esta serra ten esta singularidade, que pouco sabemos apreciar, grazas a estas condicións climáticas. O raro é cruzala con días despexados!



Galería

Ruta pola Serra do Xistral


2 comments

  1. Responder

    Víctor

    Fran, grazas unha vez máis pola reportaxe. As fotos saíron moi ben, a pesar do tempo que fixo. Miña nai ¡.
    Moi interesante o que comentas sobre a Xistra, ese golpe de vento húmido e xélido…. O nome da serra virá de ahí? Ou a serra daríalle o nome ao vento?

    Por outra banda, en galego tamén se lle chama xistra a unha pranta: o meum athamanticum. E nalgún texto antigo vin que no Xistral hai esta planta, aínda que se me fai raro.

    Interesantes curiosidades lingüisticas, sen dúbida.

    Apertas ¡

    • Responder

      Grazas Víctor, A verdade é que non sei moi ben se padecemos a xistra ou non, pois nos dicionarios defínese como “chuvia e neve con vento moi frío”… e supoño que de ahí virá o nome da serra, ou da pranta!, que non sabía eu esa curiosidade.
      Creo que tamén é un clube de montaña 😉

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*