Ruta pola serra do Suído


381 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (1 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...
Preme nas imaxes para velas a tamaño completo

Fervenza de Casariños ou de Fonte Uceira

Visitamos novamente a Serra do Suído, pero desta volta por outra zona ben diferente, pois desprazámonos ata a fermosa parroquia de A Laxe, no concello de Fornelos de Montes, onde comenzamos a nosa andaina circular por esta zona da serra. O percorrido é variado, ten zonas boscosas á beira do río, zonas altas que nos permiten ver boas panorámicas e elementos etnográficos de interese como muíños e hórreos típicos da zona.


A dificultade da ruta é media aínda que ten desnivel forte nalgúns puntos. En xeral, nas zonas de maior pendente o camiño é bo. En caso de haber moita auga por mor das chuvias, poderíase incrementar a dificultade. Todo o percorrido doza dun gran interese natural e paisaxístico.

Comezamos a camiñar…

Comenzamos a andaina por un fermoso carreiro que nos leva, en descenso, ata a beira do río Valdohome, que percorremos ata a Ponte do Couso, onde nos cruzamos cunha familia que anda a recoller setas que nos advirte da imposibilidade de continuar pois o camiño está cortado porque hai unha batida no monte. Despois de asegurarnos de que non se pode ir por onde pretendiamos, decidimos facer dende aquí o percorrido ao revés, no sentido das agullas do reloxo.

Este primeiro tramo facémolo polo roteiro Muíños da Laxe, Muilaxe, un percorrido circular duns 2,5 km que une os lugares de Entrerríos, O Couso e A Airoa. Imos por unha paisaxe fermosa, onde o río se funde con carballos centenarios e a vexetación propia da ribeira como bidueiros, amieiros, abeleiras… e neste entorno espállanse construcións en pedra como os muíños, as pontes ou os empedrados do camiño.

Encamiñámosnos por este entorno cara a Ponte Grande, unha ponte medieval que data do século XVIII [sic], segundo reza o panel explicativo (supoño que sería restaurada nese século). Ademáis de unir as poboacións de Entrerríos e A Airoa, a ponte foi lugar de paso para os arrieiros que ían de Ribadavia a Pontevedra, unha antiga ruta que usaban para traer viño branco do Ribeiro á costa, da que volvían con sal, tabaco, peixe e outros alimentos que non se atopaban no interior.

A subida A Airoa é moi fermosa. Instalada nunha aba cunha pronunciada pendente, apreciamos os pequenos pastos cercados con muros de pedra (minifundio elevado á máxima potencia), os hórreos, tamén pequenos, que se caracterizan por ter a cuberta de grandes lousas graníticas, casas ao abrigo dos ventos que nos falan dunha vida  dura neste entorno montañeiro.

Hai que lembrar que esta parroquia da Laxe atópase practicamente metida na Serra do Suído, nunha das zonas máis chuviosas da península. É por iso que polas súas terras discorren varios ríos que forman espectaculares saltos de auga. Máis arriba pudemos gozar dunha das fervenzas máis belas que hai en Pontevedra, a Fervenza de Casariños ou de Fonte Uceira.

Quizais sexa unha das máis descoñecidas e iso que forma un espectáculo verdadeiramente incrible. Malia a seca deste ano, ainda tivemos sorte de vela con bastante auga das chuvias destes últimos días pois, cando Víctor veu preparar a andaina, comentou que pola fervenza case non caía auga; o normal é que en boa parte do ano leve abundante auga grazas ás choivas costantes, que deixa caer a través de dous espectaculares saltos case verticais que forman grandes chanzos. Aproveito para facer unhas cantas fotos pois paga moito a pena o lugar. Unha marabilla.

Estamos xa a unha altura considerable, o que nos permite ir vendo a grandiosidade da serra, salpicada por viraventos e por grandes extensións de vexetación de monte baixo, nas que pastan pequenos grupos de cabalos e vacas.

Logo de ter unha mañá con chuvias intermitentes, o que provocou que gardara e volvera sacar a cámara un par de veces, pero moi boa para camiñar, decidimos facer unha parada para xantar e descansar no mesmo camiño. Mentres, coméntanos o Víctor que estamos a pouco máis de 400 m do Foxo do Lobo de Campo, no veciño concello de Covelo, e que visitáramos con moi pouca sorte en xaneiro do ano pasado (ver aquí), polo día tan desapacible que tivemos para camiñar, pero que dende aquí non atopou forma de chegar onda el.

É unha mágoa que un elemento etnográfico de primeira orde non se poida admirar dende esta vertente da serra (animo a que as administracións o fagan), pois coido que é o único foxo que ten como particularidade dous funís de entrada, correspondendo cada funil a unha parroquia distinta. Ademais, dentro do foxo atópase un chouso para a durmida dos pastores, un curral, e unha mámoa espoliada e moi modificada.

Logo de xantar, continuamos un bo treito pola parte alta da ruta admirando toda a serra, e iniciamos pronto o descenso por unha pista, pola que teríamos que subir pola mañá, que nos permite ir admirando de novo A Airoa cos seus pastos tan fragmentados.

Pronto mergullámonos de novo nun entorno umbrío, con vexetación propia da ribeira, pois volvemos entrar no Muilaxe ata o final do percorrido, xa co sol iniciando o descenso cara o oeste, o que lle da a este último tramo un encanto especial coa luz outonal colándose entre as pólas das árbores.


Vídeo


Galería

Ruta pola serra do Suído


1 Comment

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*