Ruta pola Serra do Candán e Montes de Testeiro


4.267 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (2 votos, media: 4.00 de 5)
Loading...
Ruta pola Serra do Candán e Montes de Testeiro

No cumio do monte Coco. Foto: Rocío

Empeza a ser tradicional que na última andaina do ano se sorteen uns agasallos de Nadal, e este ano eu fun un dos agraciados (e eso que eu levaba o número 13), pois tocoume como premio unha funda para a mochila! Outro foi un bolso e o terceiro, o gordo!, foi un bono de cinco rutas de balde! Parabéns pola iniciativa. Anque houbo insistencia de que os agraciados cantáramos unas panxoliñas era moi cedo para iso… pero aquí déixovos o estribillo dunha que me gusta moito (cantámola o 31 se queredes!):

Cantade ben baixo, petade pouquiño
para que non desperte o noso ruliño

Menuda ruta nos reservou o Víctor para rematar o ano! Fixemos unha fermosa e abraiante andaina polo concello de Lalín, entre a Serra do Candán e o Testeiro. Para min, unha das máis fermosas do ano. Esta hai que repetila e, como dí Xerardo, enteira. Vinte e cinco quilómetros pola Serra do Candán dan para moito andar! (e se lle metemos un bo xantar despois… o summum)

Se non vos decatastes, hoxe comeza o solsticio de inverno! o que supón o día do ano de menor duración. O refraneiro sitúa no 13 de decembro, festividade de Santa Lucía, o inicio do crecemento do día e da disminución da noite (Por santa Lucía mengua a noite e medra o día), e supoño que virá da Idade Media, pois daquela debido ao atraso acumulado polo Calendario Xuliano, a festividade de Lucía coincidía co solsticio de inverno. Porén, ese fenómeno correspóndese co solsticio de inverno, o 21 de decembro.

Pero o curioso é que moitos cremos que a partir do solsticio comeza a amencer antes e a anoitecer máis tarde. E non é así. Que sucede logo coa saída e a posta do sol? Non empezará a amencer antes ata o 4 de xaneiro de 2014. E sen embargo a posta do sol comeza a retrasarse xa dende o 7 de decembro. Espero telo contado ben…

Un pouco antes de chegar ao lugar de comezo da ruta, paramos a ver unha alvariza moi ben conservada e bastante espectacular polas súas dimensións.

Comezamos a ruta no lugar de  A Trigueira, na parroquia de Zobra, en Lalín. O percorrido atravesa vales, ladeiras e sube ata o cumio do monte Coco. Despois de cruzarnos cun grupo correndo polo sendeiro, e dunha intensa subida ao Coco que nos fixo suar, a pesares de levar un forte vento frío nas nosas costas, pero disfrutando dunhas vistas espectaculares en todo momento, chegamos ao cumio situado a case 1000 m.

Xa o teño comentado noutras entradas, cando estou nestes cumios nos que as vistas son fabulosas, sempre me lembro do insignificantes que somos na Natureza. Ademáis, aproveitando que estamos próximos a celebrar o Nadal, fixemos unha foto de grupo, fermosa foto que fixo Rocío e que aproveito para felicitarvos a todas e a todos estas festas!

Hai que emprender camiño, pois anque imos con tempo, temos que evitar chegar a Moa co solpor, polo que comezamos a descender ata o río Deza, atravesando zonas de preciosos bosques con abundantes acibros, carballos, castiñeiros… Impresionante. Non se pode perder un estas paisaxes!

Rematamos este itinerario no lugar de Moa, na mesma parroquia, saudándonos o presidente da comunidade de montes e aínda tivemos tempo, antes de regresar a Santiago, para parar en Vilatuxe a tomar a cervexa e parolar un pouco.

Súmome aos parabéns típicos destas datas, pero quero aproveitar este momento de reflexión anual que nos pide o corpo para agradecerlle primeiro a Víctor por facer que nos apaixonemos polo sendeirismo case case tanto coma el… e, por suposto, a todos vós pola vosa compaña e amizade, grazas á que Roteiros Galegos é o que é hoxe. Estou encantado de tervos atopado e por suposto é unha honra e un luxo pertencer a este grupo tan marabilloso!

Bo Nadal a todas e a todos e vémonos polos camiños no 2014!


Ver Ruta pola Serra do Candán e Montes de Testeiro nun mapa máis grande



Galería

Ruta pola Serra do Candán e Montes de Testeiro


4 comments

  1. Responder

    Belén

    Graciñas por seres tan xeneroso Fran, coma sempre ademais de compartir con nós as túas fermosas fotos e o teu saber tanto popular coma documentado, estás sempre animoso para botarmos unhas risas e mais unha man cando fai falta no sentido máis amplo e, por todo isto, a sorte é nosa de te termos coñecido e de que levemos xuntos pasiño a pasiño andados tantos km xa!

    Feliz ano a todos os andaríns…e a polo 2014 con forzas renovadas!!Subscribo o comentario sobre Víctor e sumo a Rocío tamén! 😉

  2. Responder

    Victor

    Fran, moitas grazas a ti polas fotos e os teus comentarios. Eso sí que son agasallos….¡¡

    Grazas a todos por participar nas rutas da USC, e neste blog, claro está

    Queda pouco máis de unha hora para rematar o 2013.
    Aproveito a ocasión para desexarvos a todos unha estupenda entrada de ano.
    E vos convido a que sigades participando nas actividades coa mesma ilusión como ate agora. E que animedes a os vosos amigos, familiares, e compañeiros de traballo a unirse a nós..¡

    Unha forte e sinceira aperta¡¡

    • Responder

      Fran

      Isto é unha das mellores cousas que nos aporta o sendeirismo, uns momentos “máxicos” semana tras semana xunto aos/ás amiguetes… por iso estamos “enganchaos” a esta marabilla que tanto nos gusta. 🙂

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*