Ruta pola senda do Arcediano


338 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (3 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...


OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Para hoxe tiñamos programado un itinerario percorrendo dende Les Bedules á collada Pumerín e regreso á collada Llomena, un dos lugares estratéxicos do parque natural en canto a paisaxe se refire, xa que vai por zonas moi altas entre sitios ben fermosos. Pero, segundo nos informou Elisa no Centro de Interpretación o día anterior, a ruta tiña moita neve, e neve moi branda. Incluso o  pequeno aparcadoiro que hai en Llomena, onde o bus debería dar a volta, está cuberto de neve.

Isto é consecuencia destes temporais tardíos de neve, xa que nestas épocas do ano quizais o normal sería que a neve aparecese en cotas máis altas.

  • Lonxitude da ruta: 12,6 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media-baixa (sempre e cando non haxa neve, o que incrementa a dificultade)

Cómpre buscar unha alternativa. O certo é que xa había unha pensada, moi preto de Sellaño, onde fixemos a ruta do primeiro día, pero… os monitores deciden finalmente desprazarse ao pobo de Amieva, situado noutro val, á outra beira do Sella e facer dende alí un treito da Senda do Arcediano.

Antes de comezar a xornada, como o día amañecía tan bó, decidir ir dar unha volta polos arredores do hotel antes de almorzar… e vaites! dou cunha cabra ao pé da estrada que ao verme veu cara a min, non sei con que intencións, polo que decidín protexerme detrás dun sinal de tráfico e do quitamedos da estrada, e alí agardei (sentinme un urbanita total), ata que se aburriu de min e volveu por onde veu e eu funme cara o hotel, non fora ser.

Déixome de andrómenas e vou ao conto. Dende Amieva collemos a pista de cemento que leva ata ao collado de Angón, e polo camiño vemos como catro sendeiristas van subindo cara unhas paredes do macizo de Cornión por un sendeiro de impresión; ata o collado de Angón son case 3 quilómetros cunhas vistas abraiantes. No collado hai dúas opcións: a primeira é baixar cara o río Dobra e a presa de La Jocica, seguindo a pista cementada. Este é o PR PNPE 7, e a segunda é subir pola senda do Arcediano, que é a opción que tomamos.

A senda do Arcediano é un sendeiro de longo percorrido que une o porto do Pontón, coa ponte Dobra, onde este río se une ao Sella. Nós iremos ata onde a neve nolo permita. Aos mil metros de altitude a capa de neve xa ten un grosor considerable e a partir de aquí o timo é máis lento. As vistas sobre o desfiladeiro do Dobra son impresionantes e pódense albiscar algúns dos cumios máis altos do macizo occidental dos Picos de Europa, cubertos de neve e xeo, que xunto coas súas escarpadas ladeiras lle confire certo carácter alpino.

Polo camiño María vainos amosando moitos conxuntos de prantas e flores descoñecidas para nós. Vemos nas llamargas (pozas ou zonas húmidas), como están brotando os rabos de cabalo (Equisetum arvense), tamén chamados en Galicia chifre, herba estañeira, canuda e xestela, unha pranta moi primitiva que estivo relacionada cos fentos e con moitas propiedades terapéuticas. Ten dous tipos de tallos. Os tallos fértiles brotan a principios da primavera e miden entre 10 e 20 cm. Os tallos infértiles son os que teñen propiedades curativas e brotan entre os meses abril e maio, chegando a medir ata 60 cm. Tamén vimos moitísimas primaveras ou flores de San José, as que nós lles chamamos panqueixo ou, en cotas máis baixas, os campos tapizados de margaritas e dentes de león… toda unha lección de etnobotánica!

Como a previsión do tempo di que a media tarde comezará a chover con forza, ao acadar os 1100 m, xusto ao chegar a un estupendo miradoiro natural onde temos como fondo o pico Cotalba, aproveitamos para facer unha foto de grupo con forte vento, e decidimos dar a volta, para non arriscarnos a coller unha boa molladura; ademais a capa de neve vai en aumento a medida que avanzamos e cada vez faise máis dificultoso camiñar pola neve.

Desfacemos o camiño percorrido ata Angón e un pouco máis adiante, voltando a Amieva, desviámonos para achegarnos ata o miradoiro de La Collada dende onde podemos observar o val de Amieva e a parte suroeste do macizo de Cornión, e ter así outra perspectiva da paisaxe.

Para min a estrutura do miradoiro sobra, pois é un mazacote que non se integra para nada na paisaxe, e anque avancemos dez metros máis e esteamos pendurados no vacío non melloran para nada as vistas sobre o val. Eu creo que hai impresionantes terrazas naturais no alto das montañas nas que se sinte a brisa fresca e se contemplan espectaculares panorámicas máis fermosas que esta, e dame a impresión que esta estrutura é outra acción máis destes politiquiños que non saben en que gastar os cartos de todos… e non sigo porque me encendo, como diría o Víctor.

Finalmente baixamos a Amieva, pero antes de regresar a Ponga no bus, tomamos un merecido refrixerio na única taberna do pobo, na que máis dun aproveitou para mercar chourizos que che tiñan moi boa pinta!



Galería

Ruta pola senda do Arcediano


Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*