Ruta dos ríos de Vilacoba e San Xusto

Ruta dos ríos de Vilacoba e San Xusto

Sendeiro dos ríos Vilacoba e San Xusto, é unha ruta circular no concello de Lousame de 24 km de lonxitude, que fixemos nunhas seis horas. A ruta está ben sinalizada, anque tamén hei de dicir que en determinados puntos faltaba algunha que outra marca nalgún cruce, sobre todo cando pasamos por núcleos de poboación, pero nada que Xerardo non superase coa axuda do GPS!

 Para non perder o costume, quedamos a tomar un café mañanceiro en Noia, con anécdota incluida, pois crían que estabamos todos aloxados no hotel e con gastos pagos e non querían cobrárnolo… ata que se desfixo o malentendido. Dende Noia tardamos 5 ou 6 minutos en chegar á casa do concello de Lousame, onde deixamos os coches pois hai aparcamento de sobra, e alí estamos a 150 metros do inicio da ruta.

 O camiño comeza e remata mesmo na área recreativa de Brandia, na que hai varios muíños restaurados e un merendeiro á beira do río. Comezamos a camiñar pola ribera do río Vilacoba ou Traba, un río de augas tranquilas rodeado dun frondoso bosque de diferentes especies como os ameneiros, freixos, carballos ou loureiros. O sendeiro está bastante esbaradizo debido á humidade e ás abondosas chuvias deste mes de xuño.

 Axiña nos encontramos coas primera papeleiras abandonadas, como a de Brandia, Labarta, Fontán, construída en 1810 por unha sociedade da que formaba parte Domingo Fontán, o autor da Carta Xeográfica de Galicia, co fin de producir papel, pero foi destruida por un incendio no 1857. No 1864 a fábrica recuperou a súa actividade ata os anos 30 do século pasado. O seu estado ruinoso clama por unha intervención de osta en valor como patrimonio industrial e cultural.  Máis adiante, as papeleiras da Galiñeira e Soutorredondo. Mágoa que non haxa unha pequena explicación sobre a súa historia, o que supuxeron para a zona… O camiño é bo de seguir e con varias pasarelas de madeira (algo esvaradizas) para facilitarnos o paso en diferentes puntos da ruta e incluso algunha presa feita para desviar a auga ás fábricas.

 Despois de abandonar a ribeira do Vilacoba, volvémolo a encontrar para cruzar á outra beira do río por unha ponte e comezar unha pequena subida ata atravesar a aldea de Lesende. Facemos un pequeno tramo por estrada, pasando á beira dun importante sobreiral… e comezamos a subida cara o Monte Culou, combinando tramos de camiño entre o bosque e pistas forestais. O último tramo de subida polo cortalumes, dun kilómetro de lonxitude é moi duro.

 Desde o Monte Culou (504 m.) temos boas vistas sobre a ría de Muros e Noia, Montelouro tapado pola borraxeira e os arredores do municipio e partes do de Rois, Brión e Noia. Despois de facernos unhas fotos de grupo no cumio, baixamos por outro cortalumes, no fondo do cal fixemos a paradiña para repoñer forzas, xunto con dúas parellas coas que nos adiantamos e adiantaron ao longo da ruta.

 Reiniciada a marcha, e a medida que baixamos cara ao río San Xusto, o bosque vaise facendo máis mesto, pasamos a aldea, onde tivemos que separar unha cancela de dous metálicos para acceder á ribeira do río e seguir baixando. Este é uno dos tramos máis interesantes da ruta, pois ao chegar atopámonos cunha fermosa fervenza, á que podemos acceder a través dunha pasarela, seguimos baixando pola marxe dereita do río e atopámonos con outra fervenza, uns muíños abandonados e xa co Mosteiro de San Xusto de Toxosoutos, fundado no ano 1129. Atravesamos o río por unha ponte e seguimos por un camiño moi doado de andar.

Seguimos o camiño nunha cómoda baixada e pasamos pola papeleira de Maceiriñas. Máis abaixo volvémonos atopar co camiño de inicio. Tan só queda desandar perto de tres quilómetros pola ribeira do Vilacoba que xa percorréramos pola mañá e chegar ao punto de partida, na área recreativa de Brandia.

Fin de andaina tomando unhas cervexas contando chistes e ata botando unha peza Virtu e Manolo! Agardo que Jaime e Alfonso o pasaran tan ben como o pasei eu… e que repitan!

 

Ruta do val do río Aviouga

7 comentarios sobre “Ruta dos ríos de Vilacoba e San Xusto”

      1. Preciosa ruta pola vexetación exuberante…e que ben nos trataron no bar…con aquela merendola, ben a mereciamos despois da subidiña que tanto desfrutou Tomás 😉

  1. Dende logo, vendo esas fotos dan ganas de ir correndo a facer esa ruta e máis estando ahí, tan pretiño de casa.

    Grazas, Fran

    1. Grazas Víctor, cando queiras repetimos pois, anque a andaina foi completa de abondo, aínda quedaron por ver petroglifos, pontes…

  2. Manuel Figueira Lorenzo

    Preciosas fotos Fran, coma sempre que vexo as tuas fotos, non creo que Eu estivera nun sitio tan fermoso, Bravo¡¡¡¡¡

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio