Ruta dos Montes de San Cibrán e o Faro de Budiño


2.857 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (1 votos, media: 4.00 de 5)
Loading...

FM140127Ponteareas029

Aproveitando a celebración de San Tomé de Aquino na Universidade, algún incondicional do sendeirismo como Xerardo, Suso, Manolo ou eu, e algún máis como Jaime, Manolo e Alejandro, desprazámonos ata Cans, en Ponteareas e fixemos a ruta dos Montes de San Cibrán e o Faro de Budiño que o Xerardo tiña gañas de facer dende hai tempo, unha combinada, pois comezamos a camiñar polo Sendeiro dos muíños do Couso, camiñamos por parte da Ruta dos Montes de San Cibrán (PRG-132), a área recreativa de Conforcadas e o sendeiro das Greas (GR-58), andando polos concellos do Porriño, Ponteareas e Salceda de Caselas.

Saimos ás 9 da mañá, dende a Facultade de Farmacia, e chegamos ao punto de saída sobre as 10, con tempo para poder tomar un café, prepararnos e iniciar a ruta sobre as 10:30 h. Iso de prepararse é un dicir, pois nin puxen o pantalón de augas nin levei o paraugas, co día que tivemos de chuvieiras! Ao comezar, atopámonos co panel informativo da ruta, que transcribo:

A Ruta dos Montes de San Cibrán atópase nas parroquias de A Picoña e San Xurxo do Concello de Salceda de Caselas, parroquia de Cans do Concello de O Porriño e barrio de Couso (parroquia de Guláns) do Concello de Ponteareas. Tratase dunha ruta lonxitudinal de 12,83 km aínda que se pode aproveitar o trazado do Sendeiro das Greas GR-58 para realizar un percorrido circular.

A ruta iniciase no Alto do Confurco e ascende pola beira do regueiro de Couso onde se atopa a fervenza da Galomeira e se poden visitar varios muíños. Estes muíños foron restaurados no ano 2008 e en varios deles tamén se recuperou o mecanismo de moenda. Dende aquí a ruta ascende ó pobo de Couso onde discorre entre leiras e casas para, pouco a pouco, chegar ó monte comunal de Couso e subir entre masas de piñeiro cara a área recreativa de San Cibrán.

Unha vez no alto de San Cibrán, onde se pode aproveitar para tomar un descanso, a ruta descende cara a parroquia de Picoña e discorre paralela en moitos tramos ó río Caselas, que presenta en varios puntos unha rica vexetación de ribeira e varios muíños. O sendeiro percorre o fondo do val onde se sitúan a maior parte das casas e se atopan varias construcións interesantes: lavadoiro, antigas escolas, muíños e peto de ánimas.

Dende o fondo do val o sendeiro ascende de novo cara os montes do comunal de San Xurxo e vaise afastando das leiras e das casas para volver a discorrer entre masas de piñeiros e eucaliptos nas que se atopan restos de varias cortellas, muíños e pozas.

Despois de rematar a Ruta dos Montes de San Cibrán na Área recreativa das Conforcadas, e co fin de facer o percorrido circular, ascendemos ao Faro de Budiño polo GR 58-3 Sendeiro das Greas (Ruta dos Penedos), onde xantamos na zona da escola de escalada.

Entre chaparrada e chaparrada percorremos os poucos quilómetros que nos faltan para chegar ao punto de partida, en Cans, onde rematamos esta chuviosa pero moi agradable xornada. Son ao redor de 22 quilómetros co cal, contando o tempo da comida, rematamos sobre as 16:30-17 horas. Logo dun viño do condado cuns pinchos e unha fabadiña na de Herminia, regresamos a Santiago tan contentos.

Hai que repetila!

Imagen_GoogleEarth



Galería

Ruta dos Montes de San Cibrán e o Faro de Budiño


5 comments

  1. Responder

    Victor

    Ruta interesante e de paisaxes fermosas.
    Como non aproveitáchedes para facer algo de escalada no Budiño? Eso sí, antes de paparse a fabada, claro ¡¡

    Que ben o pasades, con pachanga de balompé e todo ¡¡

    Eu tomo nota dese percorrido co voso permiso, claro está.

    • Responder

      Fran

      Grazas Víctor!! Pois claro que sí, xa que creo que paga a pena facela no futuro (polo menos tela na reserva); agora, o da escalada non che é para min! 😉
      Apertas

  2. Responder

    Mariví

    ¡Qué fermoso o peto de ánimas!! e o remate coa fabada supoñemos que ¡espectacular!. As fotos, aínda que escasas esta vez, amosan un bonito e aproveitado roteiro. A seguir que os que non roteiramos aprendemos moitísimo, moitas grazas!!!

    • Responder

      Fran

      Ola Chus,

      Grazas polo piropo! Eu son o autor de Roteiros Galegos e un mero participante das actividades de sendeirismo da USC, ás que acudo regularmente. Se te queres informar e participar nelas (ao que te animo), mándoche uns enlaces para que poidas estar ao tanto.

      Neste primeiro, está o calendario de rutas a facer neste curso 2013/2014. Todas son fermosas, pero recoméndoche especialmente as de varios días (algunha fin de semana, en Semana Santa e en Xullo):
      http://www.usc.es/gl/servizos/deportes/santiago/actividades/natureza/rutascurso.html

      Para saber como inscribirte, adxúntoche o enlace ao Servizo de Deportes da USC, onde te poderán informar de calquera cuestión relativa a esta actividade (http://www.usc.es/gl/servizos/deportes/index.html).

      Por outra banda, se tés Facebook, hai unha páxina, Natureza Fundación USC Deportiva
      (https://www.facebook.com/natureza.fundacionuscdeportiva?fref=ts), que te informa da ruta máis inmediata que se vai facer (fotografías, track… ).

      Finalmente dicirche que, ademáis de poñer as rutas que fago coa USC, poño algunha que fago pola miña conta ou con amigos, como esta última dos Montes de San Cibrán.

      Agardo terte aclarado e axudado no tema, e agardo que te animes e veñas con nós a coñecer Galicia!

      Unha aperta.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*