Ruta do val do río Aviouga


509 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (3 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...
Ruta do val do río Aviouga

O val do Aviouga goza dun excelente estado de conservación a nivel natural, así como unha grande variedade de paisaxes

Imos desta vez ata o concello de Ibias, outro dos tesouros naturais de Asturias, onde fixemos un par de rutas verdadeiramente recomendables. Estivemos aloxados en réxime de media pensión no Hotel Cecos, moi preto de San Antolín, un hotel rural moi confortable e con boa oferta gastronómica. Moi recomendable.

  • Lonxitude da ruta: 15 km aprox.
  • Desnivel: Medio
  • Dificultade: Media-baixa

Despois da longa viaxe e antes de instalarnos no hotel, fomos realizar a ruta. O percorrido comezámolo na parte baixa do val, nas proximidades do lugar de Seroiro, aldea na que podemos observar interesantes mostras de arquitectura tradicional. É impresionante ver a intensa actividade agrícola e gandeira que hai neste primeiro tramo do val, sobre todo na aba de enfronte, pois a maioría das praderías que rodean a Pradias están perfectamente traballadas. Tamén chama a atención a elaborada restauración das casas respectando o entorno. Un luxo para a vista.

Cando nos adentramos, o val vaise estreitando. Imos a media altura e podemos apreciar o fermoso desfiladeiro das Peñas del Infierno, onde o río forma ao seu paso unha fermosa foz que se pode percorrer seguindo un carreiro sinalizado, ou como se descolgan ata o río as enormes penas e os canchales dos picos veciños. Nós só imos percorrer parte deste val por un cómodo camiño, que vai de oeste a leste, cun itinerario de ida e volta, pero dada a beleza da paisaxe esta circunstancia é de agradecer.

Cóntanos Víctor como o val do Aviouga goza dun excelente estado de conservación a nivel natural, así como unha grande variedade de paisaxes. O Aviouga nace en Muniellos (e a súa canle verte ao río Ibias moi preto da confluencia deste co Navia). Na cabeceira do val atópase un dos lugariños máis illados da comarca, Valdebueyes (Valdebois), que pertence á vertente occidental da reserva natural integral de Muniellos. Está rodeado de cumios e serras que superan con creces os mil metros de altura, o que fai que no inverno sexan copiosas as nevadas.

Saliéntanos o seu alto valor natural tanto polos seus bosques como pola presenza de mamíferos: xabaríns, corzos, e tamén algún exemplar de oso pardo. Algún deles tense desprazado ata a zona da Fonsagrada, xa en Galicia. De feito, algún estivo polo camiño no que andamos, pois comentounos que cando veu preparar a ruta, atopouse con excremento de oso, o que me recorda tamén a gran cantidade de albarizas que se poden ver neste val que, supoño se encherían de trobos aproveitando as sobreiras que hai, así como outra vexetación autóctona como castiñeiros, érbedos, etc., a pesares de apreciarse certa repoboación de coníferas.

O cercano bosque de Muniellos é un dos máis representativos bosques de carballos do norte peninsular ocupando centos e centos de hectáreas. Ao ser unha zona de reserva compre pedir un permiso especial para poder visitalo xa que só se permite o paso de 20 persoas ao día. Haberá que ir aló!

Non estivo nada mal para comezar a fin de semana… agora a instalarnos no hotel e ir dar unha pequena volta por San Antolín antes de cear. Mal momento para estar de réxime cando vexo a variedade de primeiros, segundos e postres que nos ofreceron… que lle imos facer!

 



Galería

Ruta do val do río Aviouga


3 comments

    • Responder

      Grazas Pepe! Xa me parecía que debería ser ese o nome, pois en Carnota hai un Vadebois (imaxino que haberá máis), que debe ter a mesma orixe. O lugar, fermoso, fermoso!
      unha aperta

  1. Responder

    Pepe

    O que me estraña é que a ruta non se prolongue ata as brañas do Pedroso, unhas casiñas de pedra no “canchal” da Serra da Candaosa. Non cheguei alá pero teño visto fotos.Grazas polas fotos…e pola web! Saúdos

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*