Ruta do río Seixo
Hoxe desprazámonos ata o concello de Cerdedo-Cotobade, no interior da provincia de Pontevedra, para percorrer a ruta do río Seixo. Sen dúbida, un itinerario fermosísimo deseñado por todo o val do río Seixo.
- Lonxitude: 14 km aproximadamente
- Desnivel: medio
- Dificultade: media
A ruta principia mesmo na localidade de Cerdedo, e ao pouco comeza a ascender polo monte. Unha vez no alto, a media ladeira da serra, podemos gozar dunhas vistas marabillosas de todo o val.
A paisaxe é moi fermosa e variada, xa que se pode contemplar o val do Seixo en toda a súa extensión. O camiño lévanos ata a aldea de Cavadosa, onde podemos ver as fervenzas do río. Aquí iniciamos o regreso, xa pola beira do río Seixo, entre fantásticos bosques moi ben conservados.
Durante este treito podemos ver varios muíños antigos, así como pequenas pontes centenarias. Pouco antes de subir a Cerdedo, rematamos a andaina cruzando a ponte de Santo Antón, de orixe románica.
A ruta non ten moitas dificultades, salvo a subida do comezo, pero en xeral faise ben e o camiño é bastante bo. En caso de haber auga ou lama, pode aumentar algo a dificultade da ruta.
Comezamos a camiñar…
Como a ruta é circular, pódese iniciar dende calquera punto, e nós fixémolo dende o mesmo núcleo de Cerdedo. Antes de comezar a andar tivemos tempo de dar unha volta pola vila e de admirar o conxunto arquitectónico da céntrica praza principal, adicada a D. Fernando García Leiro, cura de Cerdedo que exerceu tamén como mestre. A praza está presidida pola igrexa parroquial de San Xoán Bautista (s. XVIII). Diante da entrada da igrexa sitúase un estilizado cruceiro de máis de sete metros de altura e en moi bó estado de conservación. No mesmo conxunto arquitectónico atopamos a Reitoral, de estilo barroco, que na súa orixe comunicaba coa igrexa a través dun corredor, hoxe inexistente. O conxunto é moi fermoso e nótase que estamos nunha antiga terra de canteiros!
Foi capelán en Fisterra do 67 ao 70 e logo veuse para Cerdedo. Parece ser que no interior da igrexa de Cerdedo, un feligrés fixera unha capela a carón da entrada do corredor que comunicaba ca reitoral. Como vira que o retablo doutra capela e a entrada do corredor achicaban o espazo da súa, virou os veciños (fartos de facer carretadas de pedra para as obras) contra do reitor resultando o derribo…
O Suso estivo falando con don Luís, o cura párroco, e comentoume que foi capelán en Fisterra do 67 ao 70 e logo veuse para Cerdedo, aclarándolle o motivo de que xa non exista este corredor entre a igrexa e a reitoral. Parece ser que no interior da igrexa de Cerdedo, un feligrés fixera unha capela a carón da entrada do corredor que comunicaba coa reitoral. Como vira que o retablo doutra capela e a entrada do corredor achicaban o espazo da súa, virou aos veciños contra do reitor (fartos de facer carretadas de pedra para as obras); o cura non tivo máis remedio que aceptar os seus plantexamentos, que pasaban por eliminar o corredor e facer unha capela máis ampla.
Logo de agruparnos na praza, iniciamos un percorrido, que o facemos conforme ás agullas do reloxo, o que nos permitirá ter como primeira parada, logo de descender ata a ponte e praia fluvial do río do Castro, a aldea de Meilide. Un curioso e empedrado camiño desemboca na Capela da Virxe de Loreto (s.XVIII) e na casa que habitou no seu día Frei Martin Sarmiento. Imos por un tramo da ruta PR-G 69, que leva o nome do polígrafo.
De seguido acometemos a dificultade da xornada, pois temos que gañar altura ascendendo polos Montes do Seixo, que pertencen ao LIC Serra do Cando. Imos baixo árbores espidas apreciando o gran porte de moitos exemplares. Unha vez arriba, avanzamos por un cómodo sendeiro que discorre a media altura por amplos camiños o que nos permite gozar de espectaculares panorámicas do concello.
Chegados á aldea de Cavadosa, atopamos a uns douscentos metros río arriba unha fermosa fervenza con varios muíños. O espazo para admirala non é moi amplo tendo que facelo en pequenos grupos. O muíño máis grande encontrámolo neste entorno, e conta cunha parte dedicada á moenda e outra na que se desenvolvían actividades de serrería e ferrería.
Logo dun bo descanso, abandonamos a aldea de Cavadosa e iniciamos o regreso cara a Cerdedo adentrándonos por un camiño que pouco a pouco vai descendendo cara ao río, por fermosas paraxes de bosques autóctonos de carballos e castiñeiros, que acompañan ao río Seixo no seu percorrido no que atopamos algunhas levadas e pozas de auga, destacando o Pozo Sangüento, e numeros muíños agora en estado ruinoso. Este tramo é moi fermoso, pois o sendeiro discorre case todo o tempo pola beira do río, o que nos permite ir escoitando o son da auga en todo momento no que chama a atención a boa calidade da auga.
Mentres comentamos que esta ruta temos que repetila na primavera ou no outono, pois debe ser espectacular, case sen decatarnos chegamos á aldea de Cabenca, na que está a pequena capela de San Salvador (s. XVI)., e de seguido chegamos ao fermoso espazo de Santo Antón.
O conxunto de Santo Antón consta da Capela de Santo Antón (s. XVI), fronte á que se sitúa un cruceiro duns 6 m de altura, que contén, pola parte dianteira do pedestal, un peto de ánimas. O crucifixo é curioso, pois polo anverso represéntase a Cristo crucificado mentres que polo reverso se distingue un peregrino con báculo, cabaza na man dereira e o neno Xesús na esquerda. O conxunto complétase cunha calzada pola que accedemos á fermosa ponte románica do s. XIII.
Só nos resta chegar ao punto de partida, á praza, á que chegamos tras superar un lavadoiro tradicional, subindo polo barrio Torrente a través dunha fermosa calzada medieval empedrada.
Sen dúbida algunha a ruta do río Seixo no concello de Cerdedo-Cotobade é unha das sorpresas do que levo andado este ano.
Precioso roteiro, afeado eso sí polo clásico” peche de finca con somier”, ¡¡¡ é que non temos, teñen, millor dito, arreglo!!!. Bicos