Ruta do río Bardoso

Ruta do río Bardoso

Tiñamos programada esta ruta para o venres 27, pero por diversas causas houbo que adiantala a hoxe. A idea é chegar a Cumiáns, parroquia de Montemaior, no concello da Laracha, e achegarnos ata a casa familiar dos avós paternos de Belén onde nos agardan os seus curmáns Chucho e María José, que nos teñen preparado un programa moi completo, no que imos combinar o coche coa andaina.

Santa Margarida de Montemaior

Por raro que poida parecer fomos puntuais e antes das 9:30 xa estabamos camiño do santuario de Santa Margarida de Montemaior, un templo de estilo neorrománico (s. XIX-XX), situado nun amplo espazo libre no que se atopa unha frondosa carballeira. A xulgar polos agradecementos de curación que lle atribuen á santa nas paredes do templo, o ano de 1862 debeu ser dunha actividade milagreira espectacular! sarna, herpes, lamparones… todo foi curado nese ano!

No Catastro do Marqués de la Ensenada, ordenado por Fernando VI en 1752, xa se fala deste lugar destacando que “Hay un hospital llamado de Santa Margarita, que sirve de Guarida para los Pobres, que por allí transitan, […] y junto del está una Hermita, donde se halla colocada la imagen de Santa Margarita”, o que nos indica que xa daquela era un importante punto de peregrinación e que xa existían tanto a capela como o hospital de peregrinos, hoxe convertido en centro sociocultural.

Tamén nos achegamos ata a fonte milagreira de dous canos, a menos de 50 m da igrexa, na que nos comenta Chucho que non se recorda vela nunca seca, á que acoden os devotos a mollar os panos para facer as ofrendas.

Ruta do río Bardoso

Subimos aos coches para desprazarnos ata a capela de San Roque, unha capela de pequenas dimensións que afortunadamente atopamos aberta, pois hoxe hai misa e estana limpando. O interesante da construción é o pequeno adro situado na cabeceira, dende onde se fai a misa no día do santo.

Regresamos á casa onde nos teñen preparado un café quentiño que fai moita falta, pois o día está fresco, a pesares de lucir un espléndido sol. María José sorpréndenos cun biscoito que está espectacular e, nin que dicir ten, que desapareceu da mesa ao pouco.

Ruta do río Bardoso 

Comezamos a camiñar…

E xa sen moita pausa comezamos a andaina cara o roteiro do río Bardoso. Quédanos moi cerca da casa e xa saimos dela a pé; ten nas súas inmediacións un total de once muíños, moitos deles abandonados e sen restaurar. No Catastro do Marqués de la Ensenada aparecen censados 19 muíños e 4 batáns na parroquia de Montemaior, unha das mostras de arquitectura popular que máis abonda na nosa paisaxe e que nos fala do importante valor económico e social da Galicia rural. A verdade é que estamos a dar un agradable paseo, xa que a ruta non ten ningunha complicación e imos case todo o tempo por camiño, salvo a de vadear o río pois o percorrido ten forma de oito.

  • Distancia: 6,2 km
  • Dificultade: Baixa
  • Desnivel: Baixo

A importancia do muíño é tal neste concello que a casa reitoral de Golmar, a 3 km de onde estamos, alberga o Centro de interpretación dos muíños da Costa da Morte. Son muíños de rodicio que empregan a forza da auga para mover as moas e producir a fariña. Os muíños de maquía pertencían a unha soa persoa que moía para outros a cambio dunha parte da moenda, ou maquía. Coméntanos Chucho que os muíños de parceiros, que tamén os hai, pertencían a varios veciños en uso mancomunado.

Ruta do río Bardoso 

Cumiáns

Antes de xantar, achegámonos a visitar a capela da Nosa Señora de Cumiáns, de gran sinxeleza e pequenas dimensións, onde Chucho aproveita para comentarnos a importancia histórica e relixiosa de Montemaior, ccomo o demostra o número de capelas e igrexas que estamos a visitar.

Logo, xa na casa, Chucho amosounos a propiedade dos seus avós e a súa contorna, conformada por un muíño e unha antiga fábrica de curtidos. Alí puidemos ver o muíño moendo millo en perfecto estado, e xa despois na parte da fábrica –da que está a restaurar o tellado do secadoiro das peles- coñecer todo o proceso da curtiduría, do que deu conta detallada, e con el aprendemos moito sobre as ferramentas, materiais empregados para tinxir e coidar a pel (mesmo merda de can) e o proceso de curtido. Nun futuro, se cadra, o destino de todo ese material que tan ben conserva Chucho, é o Museo do Pobo Galego, pois é un oficio artesanal que dá boa conta da súa importancia para os nosos ancestros.

Ruta do río Bardoso 

Ademais vimos os hórreos e o prado onde están as ovellas e uns años aos que alimentou con leite de biberón, xa que contou que as ovellas non os identifican como fillos propios e por iso non os aleitan. Daba gusto velos xantar e case mesmo nos ía apetecendo a nós o cocido que nos agardaba. Na lareira anexa estaban a cociñarse os grelos que foron os reis do xantar que nos preparou María José, cocido de grelos da súa horta, precedida de empanada de bacallau da Panadería Vázquez da Silva, todo acompañado por viño tinto e seguida dunha ben boa sobremesa: outro biscoito caseiro feito por ela, filloas con azucre e café ademais de augardente para quen quixera.

Ruta do río Bardoso

Mosteiro de Soandres

Despois da sobremesa na que Chucho nos amosou diferentes documentos relativos a facturas e impostos que conserva tamén da fábrica ben curiosos, algúns de hai dous séculos, e información sobre o mosteiro que queríamos visitar pola tarde, acercámonos ata o Mosteiro de Soandres. Datado no século XI, resulta ser un dos poucos exemplos ben conservados do gótico en Galicia, se ben a súa orixe é románica. Non puidemos admirar o fermoso claustro interior da casa reitoral anexa ao templo, do século XVIII.

Caión

Non podiamos rematar a xornada sen achegarnos ata Caión, o único enclave mariñeiro deste concello. O motivo é visitar o Arquivo da Pesca, que abriron para nós, o que nos permitiu coñecer a historia desta vila mariñeira, facendo un percorrido por diferentes épocas a través dunha exposición permanente aberta ao público. O Arquivo atópase nun edificio singular, literalmente integrado no mar, que alberga, ademáis da exposición permanente, o arquivo histórico, un espazo para actividades, sendo tamén a sede da Confraría de Pescadores.

Ruta do río Bardoso

En Caión hai deseñada unha pequena ruta a pé pola vila, que nós non fixemos por falta de tempo, que sae da praza principal, a praza Eduardo Vila Fano, ata o Santuario de Nosa Señora dos Milagres, un percorrido de 2,5 km no que é obrigado deterse a admirar o pazo dos Condes de Graxal ou a igrexa parroquial de Nosa Señora do Socorro, de estilo renacentista, onde se garda a imaxe da Virxe dos Milagres, patroa da vila, excepto na semana da romaría que se traslada ao seu santuario. Non queríamos deixar Caión sen achegarnos ata el, camiñar polo seu adro, admirar a ermida, de estilo barroco e gozar das vistas da vila e da costa que a rodea.

Sen dúbida unha xornada que soubo a pouco e que xa ameazamos con volver, pois quedáronnos lugares do interior deste concello que quero visitar como esa pedra de avalar, a Pedra da Cabirta, da que nos falou Chucho Souto, gran coñecedor deste concello. Moitas grazas por todo, Chucho! Foi unha sorte contar con el, que coñece o seu concello como a palma da man, para ter un primeiro contacto coa Laracha.

Ruta do val do río Aviouga

3 comentarios sobre “Ruta do río Bardoso”

  1. Margarita Gil

    Unha reportaxe magnífica, coma sempre doutra banda!! Realmente espectacular o día, a paisaxe e vós! Mágoa non ter podido ir… Teríamos feito das nosas Belén máis eu, pero non saiu como se pensaba… Outra vez será!

    Noraboa por tan fermoso documento, un bico a todos!

  2. Botóusevos de menos, pero Chucho está disposto a acollernos de novo Marga…, boíños fomos si si…temos a nosa celebración conxunta pendente. Habemos repetir! Bicazos!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio