Ruta de ascenso ao pico Miravalles


4.735 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (1 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...

FM1305Miravalles146Fermoso percorrido que nos leva ao alto do pico Miravalles (1.969 m), onde gozamos dunhas estupendas vistas.

Tiña ilusión por realizar esta ruta, pois para min era o primeiro “ascenso” a un cume, e en Ancares! Anque pasei un fin de ano hai moitos anos… en Degrada e subimos pola noite ata o Albergue de Ancares e Tres Bispos, este ascenso ao Miravalles foi o meu Himalaya, e non sei cando volverei a ter a oportunidade de repetir.

Logo da estupenda cea, o almorzo tamén foi completo: torradas, marmelada, manteiga e biscoitos e madalenas de castañas con café con leite, cacao…. pois había que coller forzas para enfrontarnos ao Miravalles. Saimos en coche desde o Centro de turismo rural Valle de Ancares, que nos deixou a pouco máis de 1400 m na mesma estrada, onde iniciamos a ruta, un pouco antes de chegar ao Porto de Ancares, chamado Alto de Balouta polos do lugar.

Como dicía, comezamos o ascenso por un sendeiro que tomamos dende a mesma estrada, pola ladeira sur da Serra Bruteira. Cun día totalmente claro, pudemos gozar dunhas impresionantes vistas, primeiro sobre o val de Candín e despois, unha vez chegados ao alto, sobre o val de Balouta e toda a serra. O itinerario alterna tramos de monte baixo -as carqueixas aínda mantiñan a súa cor púrpura- con pequenas zonas boscosas, alfombradas de lirios, e algún que outro neveiro na súa primeira metade.

As que non se sentiron con forzas para o ascenso ata o Miravalles e eu, polo meu medo ás alturas, quedamos a uns 200 m do cumio, contemplándoo en toda a súa maxestuosidade e tamén, ao abrigo da ladeira sur, a inmensidade da serra.

A maioría, comezou a curta pero intensa ascensión ao Miravalles, pois tiñan que salvar máis de 200 m. de desnivel, observándoos na lonxanía os que optamos por quedar aos pés do ascenso (os da famosa opción B). Creo que no cumio tiveron sesión de fotos feitas por uns amables asturianos que viñan de coroalo un pouco antes ca eles, ademáis de admirar os Ancares en todo a súa magnitude. A vista desde alí debe ser grande. O Cuiña (1.987 m), o Mustallar (1.924 m.), a comarca de Cervantes. O resto de cimas de Ancares (Cuerno Maldito, Tres Bispos, Penarrubia). A montaña de Laciana, a Serra de Gistredo e o Macizo das Ubiñas. Ademáis divísanse vales na provincia de León: o de Ancares, o da Grandela que leva a Burbia…

Qué fermosos son os Ancares! Eu creo que se cumpriu o soño dalgún membro do grupo que agardou con ansia a chegada deste día.

Unha hora despois, unha vez descenderon, xa agrupados e logo dun pequeno descanso e de tomar un pequeno refrixerio, que nos deu novos folgos para afrontar o último esforzo de chegar ata o Porto de Ancares (1640 m). O calor e luminosidade do día converteuse en pouco tempo en frío e unha néboa que cubriu a montaña rapidamente.

Logo de abrigarnos ben con roupa adecuada, comenzamos a camiñar, cada quen ao seu ritmo pero agrupados; anque o descenso non presenta dificultade en condicións normais, sempre que se leve coidado, tivemos tramos pola cordal, polas xestas, polos neveiros (que algunha aproveitou para disfrutar coa neve), pero nos que estivemos axudados permanentemente por Víctor e Rocío (e Juan!), coma sempre de dez!, que contaban con que houbese menos neve á baixada ata o Porto de Ancares, polo que houbo que variar un pouco o regreso.

A pesares de non poder disfrutar das vistas neste treito de regreso, a min veume ben que houbese néboa pois a sensación de vértixe non a tiven en ningún momento. Hai certo desnivel a descender pero non é excesivo. A ruta realmente paga a pena, pois , insisto, as vistas dos Ancares son espectaculares.

Teño entendido, non sei se é certo, de que a actual A-6 inicialmente proxectouse para que pasara polo Porto de Ancares, pero que debido ás grandes bolsas de auga que hai baixo o Cuiña (1987 m), os enxeñeiros determinaron que este non era o millor traxecto para a autovía. Manda carallo!

Chegamos ao Porto de Ancares, onde nos adardaba o bus e, logo de estiramentos e mudarnos e de facer parada en Vega de Espinareda, iniciamos camiño da casa con pouco máis de tres horas de viaxe por diante.

Non cambio o día de hoxe, e a fin de semana que pasei, por nada! Os Ancares son un deses sitios aos que, nada máis chegar, sabes que has volver. É simplemente, un lugar precioso.


Ver Ruta de ascenso ao pico Miravalles nun mapa máis grande



Galería

Ruta de ascenso ao pico Miravalles


2 comments

  1. Responder

    Victor

    Eu descoñecia esta ruta de ascenso ao Miravalles. Foi unha recomendación de Jorge, o xestor do centro de turismo rural… e que acerto tan grande ¡¡ Pareceme un xeito moi orixinal de subilo.
    Que aventura baixar ata o Puerto Ancares entre a néboa….

    Saúdos¡

  2. Responder

    Belén

    Fran a primeira foto da vella merece ser exposta…gárdaa para a vindeira exposición. Son todas boísimas, pero botámoste de menos no cumio do Miravalles…falta un cachiño do Himalaya por percorreres e debes facelo noutra para pechar o círculo. Por certo, pillo a indirecta no comentario…podo resistirme a todo menos a tentación que diría Oscar Wilde… 🙂

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*