Ruta de Penamá ou das Corgas


1.513 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (3 votos, media: 4.33 de 5)
Loading...

Ruta de Penamá ou das Corgas

Fantástica a ruta circular que fun realizar co amigo Alfonso, unha ruta que parte e remata no propio núcleo urbano de Allariz, ao pé das augas do río Arnoia. Alfonso está facendo rutas por zonas Reserva da Biosfera e a de Allariz, xunto cos concellos de Vilar de Santos, Rairiz de Veiga e A Bola, foi declarado pola UNESCO, no ano 1995, baixo a denominación Área de Allariz, e decidín acompañalo nesta andaina pois había ben tempo que non o faciamos xuntos.

Esta ruta de Penamá xa a percorrín hai uns catro anos, creo, coa familia sendeirista da USC, e xa non me lembraba moito dela. Por certo, a ruta chámana tamén das “corgas” en lembranza dos antigos camiños angostos de carro, que deixaba as súas rodadas marcadas na pedra, e que é moi patente en moitos tramos.

Despois de dar un paseo polo casco histórico da vila e admirar a súa monumentalidade, pois a visita ao casco urbano convértese nunha cita imprescindible xa que ofrece un bo estado de conservación (foi declarada Conxunto histórico-artístico en 1971), e resulta un pracer pasear polas súas lousadas e coidadas rúas, practicamente sen xente á hora que o fixemos.

Acudimos á Oficina municipal de turismo a concretar un par de aspectos do percorrido e  logo, comezamos a andaína seguindo o curso do rio Arnoia, o camiño permítenos gozar de contornas á beira do río, que abandonamos unha vez percorridos uns 2 km da senda, e comezamos a subida ata A Portela, San Martiño e Pumares entre frondosos bosques de castiñeiros, carballos e bidueiros, principalmente, que cubrían ata o cumio as abas dos montes. O treito final dende Penamá ata Paicordeiro é sinxelamente marabilloso!

É de destacar neste tramo o paso polo núcleo de San Salvador dos Penedos, con casas rehabilitadas como vivendas vacacionais ou de fin de semana, unha sorpresa no camiño na que paga a pena deterse un instante e botar unha ollada aos arredores. Na súa hermida, que atopamos pechada, albérgase a talla dun cristo románico crucificado de gran valor.

Aínda que tivemos un día con néboa, maís ou menos densa por momentos e que impediu tirar un maior número de fotos, as vistas dende as zonas altas son espectaculares.

O percorrido é duns 18,5 km, de dificultade moderada. Despois de Pumares hai un treito de aproximadamente 1 km no que a porcentaxe media chega ao 7% e sen sombra ningunha (aspecto que pode dificultar a marcha nos días que o sol pegue con forza). Por un despiste pasamos de longo unha desviación e tocounos ampliar o camiño ata chegar a zonas altas de pastoreo extensivo con abondosas praderías. Pagou a pena este treito feito a maiores pois fixemos a parada para xantar nun outeiro dominando todo o val do Arnoia. Creo lembrar que dende o cumio de Penamá albíscase media provincia, pero a néboa impediunos ver tanta extensión.

Foron en total 21 km de gran beleza todos eles.



Galería

Ruta de Penamá ou das Corgas


5 comments

  1. Responder

    marivi

    Decididamente as fotos das paisaxes de rio son moito máis “fotoxénicas”, as que lle fixeches ás gotas dauga son ¡preciosas!!!. ¿Onde está o lavadoiro do iuo e as frechas?. Bicos para o estupendo andarín e fotógrafo

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*