Ruta de Maquino Largaño


1.369 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (5 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...

 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

A baixada dende Pombar é fantástica, inesquecible, permitíndonos ver de cando en vez o mosteiro de santo Estevo

  • Lonxitude: 16 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

O concello de Nogueira de Ramuín ten unha marabillosa ruta sinalizada, circular, que percorre os puntos de interese máis importantes do concello: bosques, aldeas, o Sil, San Estevo…. É a ruta de Maquino Largaño, que na lingua dos afiadores, o barallete, significa Camiño Longo, pois esta comarca é coñecida coma o berce dos afiadores-paragüeiros, oficio desempeñado de forma ambulante por toda Europa.

O barallete foi creado co fin de que os alleos ao oficio da “tarazana“, a roda de afiar, non entendesen as súas conversas, podendo falar libremente en calquera lugar e diante de calquera. Baséase no galego popular da zona de Nogueira, incluíndo palabras de uso cotián e outras propias do oficio de afiador.

O percorrido iníciase en Luíntra, capital do concello, ten un alto interese natural, cultural e paisaxístico, xa que pasa por varias aldeas do concello, zonas boscosas moi ben conservadas, pódese ver parte do canón do Sil e ao conxunto de mámoas da Moura.

Nesta andaina destaca a Necrópole de Moura, conxunto megalítico constituído por sete mámoas, panteóns funerarios construidos entre o 3500 a.c. e o 2000 a.C. e que constitúe un xacemento arqueolóxico de gran valor e interese. Unha mágoa o momento no que chegamos a velas, pois sorprendeunos unha forte chuvieira con saraiva e non nos permitiu admirar o conxunto como quixéramos, e houbo que seguir camiño de contado. A predicción do tempo non daba tanta chuvia para hoxe, pero a que daban chegounos toda xunta! É o que ten a primavera!

E chegamos á aldea de Paradela, dende onde temos unha vista espectacular do mosteiro de Santo Estevo e do canón do Sil. O momento non pode ser máis oportuno, pois unhas nubes á altura do mosteiro dánlle a este unha imaxe fantástica.

Continuamos para achegarnos ao mosteiro de santo Estevo de Ribas de Sil, polo que dende aquí comezamos a baixada a Ribas de Sil por un sendeiro de forte pendente, sombreado por un frondoso bosque. Afortunadamente, a chuvia parou e pérmítenos ir apreciando o bosque en todo o seu esplendor. Os castiñeiros, enormes, desgarbados, modelados en sucesivas podas ao longo dos séculos, continuan a dar cada outono o valioso froito da castaña. A baixada é fantástica, inesquecible, permitíndonos ver de cando en vez o mosteiro, ou a outra ribeira do río, como San Vicenzo de Pombeiro, que visitamos noutra fermosa ruta pola Ribeira Sacra o mes pasado.

A chegada a santo Estevo fixémola baixo a chuvia, polo que nos “apropiamos” dun dos lados do claustro renacentista dos Cabaleiros, para xantar ao seco, descansar un pouco e gozar do entorno. Que pensarían de nós, despois de instalarnos alí para comer… tíñamos que ter negociado un menú!

María cóntame que na baixada lembrouse do fragmento de Vicente Risco que lle evocan os soutos, en O lobo da xente:

Non sei que ten a natureza nestas encañadas fondas onde o sol entra pouco, que semella que se recolle en si mesma e fica calada, embora muda e todo, estea falando decote a todos os sensos do home…
O souto onde andaba o Ánxel era pecho e sombrizo, cuberto o chan de herba verde entre a que medraban gamóns, estralotes, póutegas e chouparros, flora das terras húmidas…

O mosteiro de santo Estevo é un dos máis importantes de Galicia. De orixe bieita, remóntase ao século VI, pero é no século X cando comeza a súa etapa de esplendor. Hoxe remodelado como parador de turismo, amosa aínda a nave da súa igrexa románica (séculos XI-XII), e os seus tres magníficos claustros de diferentes estilos arquitectónicos.

Tras o xantar, houbo tempo para visitar e fotografar os claustros e a igrexa. O máis fermoso para min, o máis antigo dos tres, o orixinal do templo, o “Claustro dos Bispos“. Data do século XIII e o seu estilo é moi similar ao da igrexa de Sar, en Santiago.

O terceiro, o “Claustro do Viveiro“, tamén renacentista, situado ao norte do dos Bispos, leva este nome “porque antigamente albergaba unha fonte xigantesca que ocupaba toda a superficie do patio. Era o vivero dos monxes, onde conservaban salmóns, lampreas, anguías e troitas que se traían vivas das pesqueiras do Sil e do Miño. Deste xeito, no mosteiro sempre había peixe fresco. Os cotos de pesca dunha ampla zona pertencían aos monxes, que ademais xestionaban os portos ou os pasos de barca, onde se cobraba aos camiñantes […]”, segundo os textos do panel existente no mesmo claustro.

Escampando e xa sen chuvia, deixamos Santo Estevo por un camiño de forte pendente, pero polo que seguimos a desfrutar do entorno, con bosques humanizados, no que o carballo convive co castiñeiro, creando frondosas fragas. Superada esta subida, a paisaxe volve ser ampla e o camiño é doado de facer, un paseo entre suaves lameiros mesturados con arboleda proseguimos cara Luíntra por fermosos corredores de bosque, chegando ao punto de partida case sen decatarnos.

Unha das rutas máis fermosas que levo feito neste ano. Seguro que nalgún outono volvo facela!



Galería

Ruta de Maquino Largaño


1 Comment

  1. Responder

    Margarita Gil

    Ruta fantástica a que fixemos o sábado pasado!! Mágoa ter perdido parte da espléndida paisaxe por precisar ir moi pendente de onde poñía os pés, non fora a esvarar!!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*