Ruta de La Foz de la Escalada


402 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (5 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...
OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Xa de regreso da Foz de La Escalada, camiño de Taranes

Este é o noso último itinerario no parque natural. Unha ruta cortiña pero moi intensa que comeza no mesmo hotel Casona de Mestas, onde estivemos aloxados, e lévanos ata aldea de Tanda, cos dous primeiros quilómetros por asfalto, e acompañados polo río Taranes, que desemboca no río Ponga mesmo diante do hotel.

  • Lonxitude da ruta: 10 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media-baixa

En  Tanda collemos un antigo camiño que nos aproxima ata a Foz de la Escalada. Este camiño comunicaba antigamente a zona de Ponga coa zona de Redes. Fixemos un percorrido pola Foz gozando da súa paisaxe. Quizais esta ruta, xunto coa de onte por Amieva, sexa a máis espectacular das que fixemos. No percorrido deste tramo apreciamos a forza da Natureza e a precaución e atención que hai que levar en todo momento, pois apreciamos perfectamente os restos de desprendementos de pedras e aludes recentes.

A entrada na foz facémola cun aire do norte xélido, pero o ir entre estas paredes co atronador son do río, déixanos nun estado de admiración permanente, e lémbrame que este era o paso dos veciños de Taranes e Tanda para chegar ao contiguo parque de Redes, despois de acadar os 1700 m de altitude, tal como leo nun panel instalado en Taranes onde dí que a ruta a Tiatordos (1951 m) comeza alí, en Taranes, ruta onde nos atopamos coa escalada, camiño de pedra que da acceso ao porto de Taranes, abrindo a comunicación entre os portos de Caso (Orlé).

O camiño pola foz baixa cheo de auga, froito do desxeo destes días, polo que decidimos parar e regresar ao val do río Taranes. Antes de regresar a Tanda pasamos por Taranes, un dos pobos máis fermosos de Ponga.

En Taranes visitamos a súa igrexa parroquial, construida en 1778, e o conxunto etnográfico composto por numerosos hórreos perfectamente conservados. Os muíños de auga son outro elemento da cultura popular de gran importancia nesta localidade, así como as casonas Corralada, que destaca polo seu porte exterior e a súa ampla galería, e Plaza del Sol, modelo de casona de corredor, no que destaca a carpintería con decoración de bolas, esvásticas, rosetas e zapatas talladas con espirais e cabezas de abano. Na arquitectura popular de Ponga era frecuente utilizar os carozos do millo entablillado nos tabiques interiores e exteriores.

Só nos queda acometer os 3 últimos quilómetros, pero a beleza da estrada pola que camiñamos (e o pouco tráfico na mesma) fai que sexa moi levadeira e agradable. Aínda tivemos tempo de contemplar uns rabos de cabalo e fotografar os mexacáns ou o froito do visgo (muérdago) que María “a botánica” me amosou.

Logo de chegar ao hotel, onde fixemos acopio de queixo Los Beyos, que nos conseguiron Jorge e Nieves, un pequeno queixo autóctono desta zona e un dos máis representativos de Asturias; elaborado de xeito artesanal con leite de cabra, vaca ou ovella (eu trouxen un de vaca e outro de cabra), ten un sabor forte e aroma agradable. Por certo, foron uns días nos que Nieves e Jorge estiveron atentos a todo, moitas grazas pola vosa hospitalidade!

Unha vez aseados e despois de xantar na terraza do hotel desfrutando da paisaxe, iniciamos o regreso a Galicia, vendo xa no horizonte un ceo gris que se converteu en chuvioso no último tramo da viaxe… é o que ten vivir no Noroeste!



Galería

Ruta de La Foz de la Escalada


Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*