Ruta da Cubela

Ruta da Cubela
A Cubela é unha península que obriga á canle do río Sil a dar unha pechada e espectacular curva que compón unha paisaxe absolutamente salvaxe, e que neste punto forma un meandro que se retorce buscando un paso entre os montes. Unha fermosura!

Desta volta imos ata Ribas de Sil, concello situado no sur da provincia de Lugo, e pertencente á comarca de Quiroga, partido xudicial en Monforte de Lemos, para facer un dos sendeiros homologados da Ribeira Sacra: o PR-G 180, A Ruta da Cubela, unha fermosa ruta sinalizada que nos permite adentrarnos na Ribeira Sacra.

Datos Técnicos


O itinerario, que é circular, comeza na aldea de Castro de Abaixo e vai subindo entre enormes soutos ata chegar ao pobo de Torbeo. Aquí comeza o descenso ata o lugar de A Cubela e regresa ao comezo pola beira do río Sil. A paisaxe é espectacular e moi variada.

Moi salientable é tamén a biodiversidade, xa que a zona é rica en flora típica mediterránea. Fixemos unha pequena variante do sendeiro oficial, para camiñar máis polo souto e alongar un pouco a ruta.

  • Lonxitude: 16 km
  • Desnivel: medio (forte nalgúns puntos)
  • Dificultade: media

Comezamos a camiñar…

Logo de deixarnos o bus á beira do Sil, ao pé do viaduto de Augas Mestas, iniciamos a andaina ata Castro de Abaixo por unha estrada cuberta por un bosque moi tupido de vexetación, no que chaman a atención uns exemplares de sobreiras espectaculares. Esta vai ser unha constante ao longo da ruta, onde as paisaxes características do Canón do Sil amosansenos en toda a súa beleza ao longo do percorrido, bordeado dunha variada flora autóctona.

Ruta da Cubela

Outra característica coa que nos imos atopar é co abandono poboacional das aldeas. Tanto en Castro de Abaixo como en Moreiras de Abaixo, aldeas que están dentro do enorme souto baixo o que imos camiñar, apréciase como van esmorecendo, con moitas das casas en ruinas.

Ruta da Cubela

A subida polo sendeiro que cruza o souto con castiñeiros centenarios ofrece un dos mellores momentos da ruta, de ahí que variaramos un pouco o trazado do sendeiro oficial, para camiñar máis polo souto e alongar un pouco a andaina, no que atopamos auténticos xardíns de abrótegas en flor. Coméntame María que nalgunhas zonas chámalles fodóns, posiblemente porque esa denominación se parece á latina (Asphodelus albus).

Ruta da Cubela

Poucas árbores prestaron tanto servizo ao home como o castiñeiro. En Galicia tanto o seu froito como a súa madeira aproveitáronse desde antigo, pero pese a esta utilidade, no último século a poboación de castiñeiros diminuíu de forma notoria en beneficio de piñeiros e eucaliptos.

Os soutos centenarios galegos están, na súa gran maioría, abandonados e improductivos, ainda que neste polo que camiñamos semella ter un plan de rexeneración pois vense plantacións de novos exemplares, xunto coas podas dos máis vellos.

Ruta da Cubela

O ascenso facémolo paseniño e, camiñando baixo a súa sombra, ao pasar por un sequeiro María lémbrase do fragmento do conto O lobo da xente, de Vicente Risco, que describe perfectamente o que estamos a contemplar:

O souto onde andaba o Ánxel era pecho e sombrizo, cuberto o chan de herba verde entre a que medraban gamóns, estraloques, póutegas e chouparros, flora das terras húmidas…
Os soutos tenen un cheiro de seu. O cheiro dos soutos é un cheiro especial, e non é o da amenta acochada non sei onde, nin do fiollo, nin das escornacabras; eu coido que é a sombra dos castiñeiros a que cheira a fresco, cheira a silencio encalmado… É un silencio onde se oen caer as follas secas, como hai un mes se oían caer os ourizos regañados…
As chancas do Ánxel, ao triparen esmagando as follas cobrizas e douradas, molladas no chan, facían un ruído apagado. Andaba xuntando as follas ás moreas para estercar de que estiveran curadas.
Un veciño pasou aló enriba pola verea, e berroulle dende o valado:
– Ai Ánxel, ¿seica estás a secar as castañas?
– Estou.
– Pois recóllete pronto e atranca ben, non che vaia vir o lobo da xente.

Unha vez arriba, en San Lourenzo, unha anciá con gañas de falar sáenos ao encontro. A verdade é que a súa casa está nun lugar ben fermoso e cunhas vistas espectaculares. Parece que non dá creto ao ver tanta xente e, despois de ter unha pequena conversa con ela, despedímonos que ten que ir facer a comida.

Ruta da Cubela

Ruta da Cubela

Estamos practicamente no punto máis alto da ruta e, de aquí ata o núcleo de Torbeo, a uns dous quilómetros, imos por unha estrada que nos permite ir admirando a paisaxe cara ao Canón do Sil.

En Torbeo achegámonos ata a súa igrexa de Santa María. Segundo o panel informativo que hai ao entrar no adro, a igrexa pertenceu ao antigo priorato dos frades de San Bieito, de transición do románico rural galego ao oxival, polo que se pode datar nos finais do século XII ou comezos do XIII. Conserva a súa planta primitiva con pequenas adicións, como a sacristía, con bóveda de crucería no muro S. e ménsulas no N., ou as dúas capelas laterais, do s. XVII, moi reducidas, que pretenden darlle aspecto cruciforme á igrexa. Coido que ten unha pía bautismal moi fermosa. Mágoa non poder admirar o seu interior.

Ruta da Cubela

Facemos unha boa parada, o que nos permite percorrer con calma o seu exterior, destacando a ábsida cuns fermosos capiteis zoomorfos. O adro está practicamente ocupado polos nichos do cemiterio, polo que o percorrido exterior para admirar a harmonía do conxunto é bastante limitado. Unha mágoa.

Ruta da Cubela

Abandonamos a igrexa de Torbeo e retomamos a ruta polo Pazo da Casa Nova e, ao pouco, o Alfonso móstrame unha desas tendas-bares de aldea que se resisten a morrer nas que se comercializaban todo tipo de produtos, coas vellas estanterías cargadas de historia, aínda con calzado, canas, pinceles, petacas, tecidos ou ferramentas, e que eran os locais de xuntanza das tardes dos domingos.

Esta visión faime lembrar á tenda da miña avoa na Coruña, Casa María Antonia, que logo rexentaron os meus pais, con claros recordos aos aromas da infancia. A primeira impresión, forte, dábaa o bacallau, as enormes follas de bacallau e de marucas colgadas do teito. Por entón eu odiaba este peixe (ese bacallau con coliflor do Nadal era horrible!), e hoxe é un dos meus pratos favoritos; pero o cheiro daquel bacallau da tenda non me resultaba desagradable, ou daqueles arenques dourados tan ben ordenados nos tabales e de cheiro penetrante… Coido que hoxe o bacallau non cheira como cheiraba aquel, nin ten aquel aspecto! Tamén había sensacións gratísimas: as especias. Poucas, claro, onde predominaba o penetrante aroma do comino, que se vendía mesturado con outras sustancias baixo o nome de “especias para callos”. Encantábame abrir o bote onde se gardaban!

Lembranzas de épocas pasadas. Tardaron en desaparecer, pero acabaron por verse desprazadas, primeiro polos supermercados, logo polas grandes superficies e, a outro nivel, polas tendas especializadas, as “delicatessen“… Non as boto de menos, é a verdade, pero si que as añoro, pois forman parte da miña infancia.

Ruta da Cubela

Os primeiros compases do camiño lévannos por monte baixo e nada se interpón entre nós e o horizonte, de modo que as vistas son excepcionais. Abundan agora as flores brancas e amarelas, as das uces, xestas e toxos, que invaden e colonizan boa parte do que foron prados e terras de cultivo, moi bonitas en primavera pero que nos falan do que foi fértil e hoxe é monte impracticable, unha vez máis consecuencia da terrible despoboación. Máis abaixo comezaremos a ver os primeiros érvedos… e comeza o espectáculo do arrecendo a lavanda.

Ruta da Cubela

Desde as alturas dos montes que nos rodean ata as beiras do río hai unha diferencia media de 400 m. En breve comezamos a descender ata a Cubela, observando que este desnivel non foi obstáculo para que os seus habitantes mantivesen relacións comerciais e culturais con outras zonas. Nalgúns casos, coma no da Pena Tallada, fíxose necesario abrir á man un camiño pola pedra para permitir o paso de carruaxes e o gando.

Ruta da Cubela

A Cubela é unha península que obriga á canle do río Sil a dar unha pechada e espectacular curva que compón unha paisaxe absolutamente salvaxe, e que neste punto forma un meandro e se retorce buscando un paso entre os montes. Unha fermosura!

Ruta da Cubela

Logo de atoparnos de súpeto co meandro da Cubela continuamos o noso percorrido baixando, acompañados sempre do arrecendo a lavanda, ata chegar á aldea da Cubela, xa por estrada, onde imos parar para xantar e repoñer forzas. A maioría das vivendas da aldea, apenas un puñado de casas de pedra separadas por ruelas moi estreitas, están restaurándose mantendo o encanto das vellas aldeas e, segundo nos conta unha veciña que vive pola semana en Monforte, e emigrada trinta anos no País Vasco, chegan a ser uns dezasete veciños nas fins de semana.

Ruta da Cubela

A partir da Cubela o camiño avanza escoltado polo Sil á nosa esquerda e abas tapizadas por unha espesa capa de lavanda, uces, xestas… vexetación que ven cobrando protagonismo desde que iniciamos o descenso cara ao río, e na outra beira comezan a verse nas súas abas os viñedos cultivados en socalcos que producen algunhas das variedades de uva máis cotizadas: mencía, treixadura, garnacha…

Ruta da Cubela

Ruta da Cubela

Tan só cinco quilómetros de percorrido para chegar de novo a Castro de abaixo por un itinerario que transcorre entre xestas e bosque mediterráneo, e coas mellores vistas do río e o cheiro a lavanda. Está claro que nesta andaina de hoxe o protagonista, ademais da vista, foi o sentido do olfato!

Ruta do val do río Aviouga

4 comentarios sobre “Ruta da Cubela”

  1. “Tan só cinco quilómetros de percorrido para chegar de novo a Castro de abaixo por un itinerario que transcorre entre xestas e bosque mediterráneo, e coas mellores vistas do río e o cheiro a lavanda. Está claro que nesta andaina de hoxe o protagonista, ademais da vista, foi o sentido do olfato!”
    … e a asusencia de voces e ruídos estraños, o silencio da natureza roto só polo canto dos paxaros, mentres percorres ese camiño que bordea en pronunciado noiro a beira do río Sil.

  2. Se vas á tenda da praza, a do bacallau, inda poderás oler un pouquiño a túa nenez, soamente un pouquiño, nada que ver co aquelo do que che lembras!!!!. As paisaxes preciosas; a lavanda non veñe un pouco temprana?

    1. O de pasar por Bermúdez claro que o fago, e ainda lle merco de vez en cando, pero tés razón, nada que ver. En canto á primavera, non entendo nada, pois por Riaño era todo moi tardío, mentres que aquí atopamos todo en plenitude de cores, olores… está todo moi revolto.
      Bicos

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio