Ruta da Brañina


505 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (3 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...
O camiño polo que transitamos é fermosísimo. Atravesamos un bosque mixto atlántico que é un espectáculo.

O camiño polo que transitamos cara á Brañina é fermosísimo. Atravesamos un bosque mixto atlántico que é un espectáculo.

A ruta comeza en Rabanal de Abajo, a 3,5 km de Villablino, polo que se pode facer perfectamente dende esta vila. É unha ruta esixente, con forte desnivel, tanto de subida como de baixada. Transcorre entre unha das zonas boscosas máis interesantes da bisbarra debido á extensión da mesma e o seu estado de conservación. Ten un alto interese natural e paisaxístico

  • Lonxitude: 13 km
  • Desnivel: forte
  • Dificultade: media-alta

Saímos de Rabanal dende o mesmo cartel anunciador da ruta, abrigados, pois a temperatura baixou con respecto a días pasados e, ademáis, imos camiñar pola zona máis umbría do bosque. A primeira parada facémola para achegarnos á Fervenza do Pimpanón. No camiño hai un fito de pedra que marca unha pequena senda de ida e volta que sae á nosa dereita, que nos leva ao primeiro dos muiños. Eu quedo agardando. Desde aí, hai un estreito carreiro con algún tramo de forte pendente, que transcorre pola marxe do río e que conduce á parte superior da fervenza. Polo que comentou Xerardo, hai que ter moito coidado neste treito e ao asomarse neste punto, pero pola foto que me amosou, si que paga a pena o desvío.

Xa de volta, continuamos remontando o río que baixa á nosa dereita, ata que chegamos a unha ponte, que cruzamos a pesares de que parece un pouco inestable e esvaradiza, e tomamos a senda da dereita, a máis ancha. Coido que este entorno da ponte é un fermoso lugar, no que están os Muíños de Rabanal, que non visitamos pero que paga moito a pena ver, segundo comentan desta ruta en Rutinas Varias, un blog que recomendo seguir vivamente, pois ten un coñecemento desta terra enorme e no que me baseo para escribir esta crónica. Parabéns polo traballo!

O camiño polo que andamos ata a Brañina é fermosísimo. Mágoa que o ruído dun helicóptero que sube e baixa polo val nos distraia desta marabilla. Anque non percibimos fume ningún, intuimos que se trata dun incendio, do que vemos sinais ao chegar ao cumio. Afortunadamente non debía ser moi grande, pois chegaron unhas poucas viaxes ata o encoro das Rozas ao longo da mañá para sufocalo.

Andamos por un bosque mixto atlántico que é un espectáculo. Ademáis coincídenos cando empeza a incidir a luz solar no noso percorrido, producindo imaxes marabillosas. Pero hai que remontar máis de 400 m de desnivel en menos de dous quilómetros… e a humidade que hai no entorno fai que suemos por todos os poros, a pesares de ir pola zona umbría.

E chegamos á Brañina. Trátase dun lugar ben fermoso. Hai un bo grupo de cabanas, que só conservan as paredes de pedra, sen tellado (antes das lousas cubríanas con centeo). É unha mágoa que non estea ben conservada esta braña, pois estaría á altura das mellores brañas da zona como a de Buenverde, La Seita ou Zarameo, por exemplo. Eu coido que esto é debido a que ata aquí non poden chegar os coches, e ao ser inaccesible a xente non foi quen de mantelas. Non entanto é un lugar máxico que paga a pena visitar.

A gandeiría foi a base principal e tradicional da economía do Alto Sil. Anque se practicase certa agricultura (centeo, liño, patacas e hortalizas), o seu destiño era o autoabastecemento. A riqueza gandeira estivo constituida fundamentalmente polo gando vacún. Non faltaba gando cabatsunu (equino), necesario para percorrer estes montes e escobios (gargantas), nin tampouco o gando ovino.

Logo de chegarmos aos poucos, facemos un merecido descanso mentres nos reagrupamos, pois levamos máis de 600 m de desnivel nas pernas. A paisaxe dende aquí sobrecolle pois sínteste aillado e moi lonxe, alá abaixo, da civilización. Non paro de tirar fotos na braña, a verdade é que non parei de tirar en todo o camiño que levamos de ascenso, pois foi abraiante… e parece que vou continuar!

Deixamos atrás o bosque e seguimos ascendendo por un entorno máis aberto, pasando pola fonte La Cantarina e cruzando o regueiro Brañina, que nos acompañou en case toda a subida, case no seu nacemento ante un bo grupo de bestas (gando cabatsunu), que nin se inmutan ante a nosa presenza.

Xa gañada esta altura, facemos un pequeno treito sen moito desnivel que nos permite ir admirando todo o val polo que ascendemos; logo, atravesamos unha zona con vexetación máis ben escasa, sen arbolado, chegando ao cabo ao collado de Trasmundo, co pico Corona del Cuerno (1756 m) á nosa dereita. As vistas que aparecen ante nós son impresionantes! Depois de marabillarnos un bo rato, iniciamos a baixada cara ao Chanu a Escrita, non sen antes ter unha parada obrigada pola presenza no camiño dun garañón medio desafiante que non se daba apartado!

E seguimos baixando sen deixar de admirar todas as abas cheas de bosque case sen interrupción ata o Refuxio da Escrita, un refuxio de pequena construción, e situado nun bonito enclave, que está en boas condicións, polo que decidimos facer aquí un descanso e aproveitar para xantar as nosas últimas provisións neste bonito lugar. Que gañas teño de comer un bocadillo de xamón cunha cervexa ben fría!

A parada é pequena pois temos que chegar con tempo para emprender viaxe cara a Santiago. Primeiro atravesamos o Chanu a Escrita (Llano a Escrita), a 1501 m, un camiño practicamente chan.

Pero a baixada que iniciamos a partir de aquí, ademáis de acometela con coidado polo forte desnivel, vai ser outro regalo da ruta. Imos por un camiño que nos leva, descendendo aos poucos, pola aba da montaña rodeados por abundante arbolado, ata que comezamos a ver á esquerda o Encoro de Rozas, moi minguado, cada vez desde menor altura, o que indica que xa queda pouco: chegar á estrada xeral, camiñar un pequeno tramo por ela e pechamos a andaina no mesmo punto de Rabanal onde nos deixara o autocar pola mañá.

Último día de estadía por terras lacianegas e con que broche de ouro nos agasallou o Víctor! Anque as catro rutas que percorremos foron fermosísimas, pois creo que fixo unha boa elección. Parabéns pola preparación das estupendas rutas que nos marcamos! Seguro que volvemos a Laciana, Babia… hai para escoller onde se queira!



Galería

Ruta da Brañina


2 comments

  1. Pingback: Ruta a la Brañina desde Rabanal de Arriba. Info, fotos, mapa y track

    • Responder

      Grazas RitunasVarias por recomendarnos, a verdade é que a ruta foi un auténtico descubrimento grazas a vós. Seguiremos en contacto. Forte aperta!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*