Ruta da Braña de La Seita


516 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (4 votos, media: 4.50 de 5)
Loading...
OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Baixando da Braña La Seita a Cuevas del Sil

Nesta fin de semana as terras leonesas do Alto Sil acolleron de novo unha gorentosa actividade do grupo de sendeirismo da USC… e prometemos volver alá polo outono! Que ben estamos por estas terras de Laciana!

  • Lonxitude da ruta: 13 km  aprox.
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media-alta (polo desnivel)

A idea era facer a Ruta da Braña de La Seita e de Zarameo, pero houbo que acortala polas condicións meteorolóxicas que nos atopamos monte arriba (polo que faríamos pouco máis de 7 km), deixando esta última braña para outra ocasión. As predicións para a fin de semana non son nada boas para os nosos intereses, pero impera o optimismo e iremos amoldándonos ao que veña, sen máis pretensións. Despois da longa viaxe, chegamos a Cuevas del Sil, no concello de Palacios del Sil, coa intención de facer unha pequena ruta de ida e volta, antes de ir a Villablino a aloxarnos e descansar.

Comezamos a ruta, pois, na localidade de Cuevas del Sil, ao pé da igrexa; cruzamos o Sil por unha ponte un tanto desfeita polo río, que baixa bravo, e reconstruida conservando un arco de medio punto e o resto de cemento; menudo bocinazo me deu un paisano co seu coche mentres eu facía fotos dende a ponte, vaia susto me meteu!

O camiño é moi doado. Logo de cruzar a vía do tren que discorre paralela ao río, seguimos a senda principal, imos remontando o val do río La Seita en constante subida ata chegar á braña que leva o seu nome. A maioría das vertentes ao Sil destas serras presentan grandes desniveis e fortes pendentes. Imos case todo o rato entre bosques de galería dunha extraordinaria beleza tamén no inverno e unhas paisaxes marabillosas ata chegar á parte alta, na que xa podemos divisar os cumios nevados, a pesares da pouca visibilidade que nos tocou ter hoxe.

O tempo non axuda moito, pois todo o percorrido andámolo baixo unha persistente e intensa chuvia. A cantidade de auga caída nestes días fai que varios tramos do camiño estean practicamente anegados, o que nos obrigou a decalzarnos para cruzar un torrente (salvo Xerardo e Jaime que o fixeron coas botas postas… ). Mentres o facemos, María lémbrase dunha cantiga moi acaída “Ou pasalo río/ou nono pasar, ou mollar o pe/ou nono mollar”; un dilema que fixo reparar nalgunha non mollar o pé e non pasar, ao ver que a auga é das que está fría fría e parece que vas sair sen os dedos dela!

Contoume Víctor que, días atrás cando preparou a andaina, este torrente non era máis ca un fío de auga… A forza coa que cae é importante e obriga a cruzar con coidado por mor de non esvarar e levar unha boa molladura.

Unha vez chegados á braña La Seita, decidimos regresar pois non nos fiamos do caudal do torrente de auga que tivemos que cruzar máis abaixo e temos medo de que baixe máis crecido cando regresemos da braña de Zarameo. Un tramo de pouco menos de tres quilómetros, que en condicions normais faríamos nun suspiro, levounos un bo tempo, polo dobre parón de descalzarnos para vadear o torrente. Deixaremos para outra subir ata a braña de Zarameo.

Vencelladas á ganadería tradicional, as brañas nacen da necesidade de rendibilizar o aproveitamiento dos recursos temporais como o pasto durante a primavera e o verán. Desde as brañas baixaban antigamente todos os días as brañeras co leite que entregaban nas leiterias. As cabanas das brañas, normalmente construcións rectangulares que ao principio se teitaban con palla de centeo e logo de pizarra, tiñan unha dobre finalidade, por unha banda recoller os xatos e a outra como vivenda para os brañeros/as.

Ao rematar a actividade en Cuevas del Sil o bus recolleunos e achegounos ata Villablino, pero antes de aloxarnos e darnos unha merecida ducha, fomos tomar algo quente e pasear un pouco pola vila, nada bonita, por certo. O Albergue Giner de los Ríos, de dez, o aloxamento ideal para gozar da contorna de Villablino, recoméndoo vivamente!



Galería

Ruta da Braña de La Seita


1 Comment

  1. Responder

    Víctor

    Unha mágoa que non poidésemos chegar á braña de Zarameo, pero non hai dúbida de que darse a volta foi a millor das opcións. Se o caudal do regato chega a subir máis…. a ver como cruzábamos ao baixar ¡

    A parte positiva de dar a volta nesta ocasión é que sempre podemos regresar e rematar o traballo ¡. Dou fé de que paga a pena.

    Saúdos e grazas ¡

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*