Ruta ao Lac d’Estom


346 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (3 votos, media: 3.67 de 5)
Loading...

Preme nas imaxes para velas a tamaño completoPara facer este percorrido achegámonos en autobús dende Luz-Saint-Sauveur ata a localidade de Cauterets. Un pouco máis arriba, en La Raillére, en torno aos 1000 m de altitude, comezamos a camiñar por unha ruta que é de ida e volta.

O sendeiro do lac d’Estom (1804 m) remonta o fermoso val do Gave du Lutour (gave é o nome que se lle dá aos torrentes nos Pyrénnées): bosques de pinos, claros e torrentes fogosos comparten o espazo para o placer dos sentidos. Anunciábase pra hoxe chuvia durante todo o día, polo que non pintaba nada ben a xornada, pero despois dos primeiros tramos e a medida que fomos ascendendo o día foi abrindo, quedando unha tarde espectacular.

Antes de comezar pudemos contemplar a famosa e interesante fervenza de Lutour que, a pesares de levar moita auga, co desxeo debe ser impresionante vela e escoitala. Dende aquí, e en forte subida, o camiño vaise metendo no bosque, por zonas moi sombrías, axudando a néboa a darlle un encanto especial ao entorno.

Máis adiante, á altura do parking de La Fruitière (1371 m), alternaremos o paso baixo enormes masas forestais, fundamentalmente de piñeiros, coa vexetación que vai desaparecendo e vainos introducindo nunha paisaxe espectacular, rodeados de enormes montañas rochosas, algunhas delas achégandose aos 3000 m de altura.

Unha das cousas que máis me chamou a atención nestas rutas é que teñen todos os camiños correctamente sinalizados e indicados con tempos aproximados de duración, algo que resulta realmente útil.

O itinerario vai todo o rato moi pegado ao río Stom, que cruzaremos nalgunha ocasión e remata no lago do mesmo nome. O camiño continúa ascendendo polo val de Lutour, e a 1552 m de altitude, crúzase o Gave du Lutour pola ponte de Pouey Caut, unha estrutura de madeira sen ningunha baranda.

Outra das cousas que me chamou a atención, ademais da enorme cantidade de xente subindo e baixando que hai por estes sendeiros, foi a envexable cultura que teñen por esta actividade de lecer que fomentan dende idades moi temperás, como a rapaciña que acompañamos dende esta ponte de Pouey Caut, de non máis de sete anos, que ía uns metros por detrás do seu pai, pois a nai e o irmán maior agardábanos ao pé do lago. Como nos comentou o pai, o cansanzo levábao na cabeza, non nas pernas… pero chegou ao lago como unha campioa!

A saída do bosque e a forte pendente anuncian a proximidade do Lac d’Estom; imos chegando aos poucos a el, e pequenas fervenzas sucédense unha tras outra, decatándonos que estamos nun marabilloso espazo natural. Malia que sexan 267 m de desnivel en 2 km (un 12% aprox.), o terreo rochoso complica un pouco a subida. Finalmente albíscase o Refuxio d’Estom, cando o camiño descansa por unha pequena chaira pola que o arroio faise oír coa abundante auga que verque o lago.

Non é de estrañar o asombro ao ver o Lac d’Estom (1804 m) rodeado de montañas, logo de realizar unha excursión rodeado de néboa e transcender as nubes para contemplalo. Aproveitamos para descansar e repoñer forzas… e sacar fotografías deste espazo marabilloso; non paro de facelas!

Despois de facernos unhas fotos de grupo, iniciamos o regreso polo mesmo camiño, xa cunha tarde esplendorosa, acompañados polo son das fervenzas e das nubes que comezan a deixarnos ver a impresionante altura destas formacións rochosas, como o Cabaliros (2334 m), xa chegando ao parking de La Frutiére.

Cruzamos de novo os bosques de piñeiros da mañá, pero xa cunha luz moi distinta… como cambiou a paisaxe nunhas poucas horas! Non nos resistimos a deternos de novo na ponte sobre a fervenza de Lutour e facernos fotos diante dela. Unha marabilla de xornada.

A ruta non tivo maiores inconvenientes, salvo a distancia e o desnivel. Os 838 m de desnivel que salvamos, tanto na subida como na baixada, non nos supuxeron maiores dificultades no desprazamento, que fixemos sen presas, pois pagou a pena facerlle caso a Víctor, cando nos falou da ruta coma «un sendeiro formidable nun ambiente moi pirenaico». A verdade é que é deses sendeiros que hai que ir saboreando.

Como remate, o bus deixounos na vila de Cauterets durante un bo tempo, que aproveitamos para percorrerla, e o seu fermoso mercado cheo de postos de queixos, sausissons, viños, doces e comida elaborada, todo cunha pinta exquisita; eu aproveitei para probar os queixos, pero gustábanme todos e non me decidía por ningún ata que me animei por un da zona, mezcla de vaca e ovella, suave, do que levei un pedazo. Creo que aos meus compañeiros de cuarto tamén lles gustou, pois papámolo nesa mesma tarde!



Galería

Ruta ao Lac d’Estom


Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*