Roteiros galegos

“Moitos amigos son paisaxe ó facérense terra e luz.             
Non hai camiño galego sen o ecoar de pasos amigos”
(R. Otero Pedrayo)

A finalidade deste blog xurde polo desexo de dar conta dos Roteiros organizados pola Fundación USC Deportiva a través do Servizo de Deportes da USC, sobre todo de Víctor que me animou a facelo e, en certo modo, ven ser como unha mostra de agradecemento a esta proposta tan ben levada por el e por María, Silvia, María, Mónica, Rocío…

Levo varios anos participando nas rutas (a primeira e de imborrable recordo foi a de Baldaio a Malpica, creo que alá por novembro de 2007), e pouco a pouco fun enganchándome nesta actividade e animándome a promocionala. O contacto coa Natureza, xunto co exercicio físico moderado, e a riqueza paisaxística do noso País reflíctese tamén na variedade de rutas que realizamos: hai sendeiros de media montaña, rutas de ríos, camiños de costa…

Dende o 2011, xa coa cámara de fotos en ristre, veño poñendo no meu muro do FB as reportaxes fotográficas de cada ruta feita para que os compañeiros de camiñada e amigos as lembren, e disfruten delas tanto como fago eu.

Este blog non aspira a ser unha guía de Roteiros por Galicia, pero nace coa finalidade de dar a coñecer a través das rutas de sendeirismo que facemos algúns dos lugares máis emblemáticos e fermosos da nosa Terra (como ben dí Carliños Vivimos na terra prometida!!!, o malo é que moita xente non o sabe nin o aprecia!). Entre eles, mosteiros e igrexas cunha longa tradición medieval e moderna, xacementos arqueolóxicos ou paraxes naturais de innegable beleza. Sen dúbida, a diversidade e beleza das zonas rurais ou costeiras é un dos atractivos, pero deterse a descansar nun bidueiral, pasar baixo unhas parras, ou parar a conversar cos paisanos das aldeas que cruzas son circunstancias que resultan moi gratificantes.

A idea é que cada itinerario inclúa unha pequena guía coas características e desenvolvemento do percorrido feito, o seu perfil topográfico e, fundamentalmente, coas fotografías feitas no percorrido.

Agardamos que vos guste.

6 comments

  1. Responder

    Víctor

    Sen dúbida, ésta será unha ferramenta estupenda para todos os que disfrutamos do sendeirismo. Un sitio de “obrigada” visita co que poder coñecer as marabillas naturais e culturais agochadas no noso país. Moitas grazas, Fran.

    Víctor

    • Responder

      Fran

      Moitas grazas! Isto anima, de verdade, anque as marabillas coñecémolas grazas a tí polas rutas que nos preparas

    • Responder

      Fran

      Grazas Julián. Non sei moi ben a que clasificación te refires; supoño que a rutas circulares, que empecen e rematen no mesmo punto e liñais, que empecen nun sitio e rematen noutro diferente. Supoño que será iso, non?

  2. Responder

    Encáname esta páxina. Gustaríame saber como me podo poñer en contacto contigo, Fran, para anotarme nalgunha dos teus roteiros.
    Saúdos

    • Responder

      Fran

      Ola Teresa:
      Contéstoche con moito gusto. Verás, esta é unha actividade organizada pola Fundación USC Deportiva e o Servizo de Deportes da USC. Eu son un mero participante da actividade, pero o que sí che podo dicir é que o pasamos moi ben e hai un ambiente marabilloso entre nós.
      Podes botarlle unha ollada á páxina do Servizo de Deportes da USC, pois xa están programadas as actividades de maio, e teñen unha pinta boísima.
      Alégrome de que che guste a páxina. Moitas grazas, e se tes algunha dúbida e che podo axudar, estarei encantado de facelo.
      Apertas,
      Fran

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*