Ribeira Sacra. Os Peares


705 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (2 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...
Ribeira Sacra. Os Peares

Igrexa de San Vicenzo de Pombeiro. Pantón

Que gañas tiña de volver facer unha andaina! Despois da “sequía” provocada polas alertas amarelas, laranxas… do mes pasado que, por outra banda, insisto que hai que respectar sobre todo con alertas de neve pois non hai que esquecer que a Natureza manda e pódenos poñer nun apuro ben serio; pero, por fin tivemos un regalo! un día realmente fermoso, coa primavera comezando a florecer, e que millor que ir camiñar pola Ribeira Sacra!

Hai dous anos iniciamos en San Estebo de Ribas de Miño o sendeiro da Ribeira Sacra do Miño polos concellos do Saviñao e Pantón, o PR-G162, que fixemos en tres etapas, e que remata preto de Guítara en Pantón (por certo, acadando Suso as 150 camiñadas coa USC!). Nesta ocasión botamos a andar onde rematamos esta última ruta e chegaremos ata Os Peares, onde se xuntan o Miño, o Sil e o Búbal (que sempre se esquecen del!).

  • Lonxitude: 22 km
  • Desnivel: medio-alto (de baixada, principalmente)
  • Dificultade: media-alta

O fermoso percorrido, sempre polo concello de Pantón, vai primeiro por zonas altas, e permítenos ter unhas boas vistas de toda a comarca. Cara ao leste, e diante dun fermoso mar de ovellas aposentado no canón do Sil, o Víctor descríbenos e sitúanos os cumios nevados de Manzaneda, Trevinca, os Aquilianos leoneses, e cara ao norte o Courel… Máis adiante a senda vai baixando cara o río Sil, e irse adentrando pouco a pouco nunha zona de altísimo valor ecolóxico e paisaxístico ata chegar á parroquia de San Vicenzo de Pombeiro. A partir de Penaveade, xa comezamos a ver os característicos viñedos en socalcos e, na outra beira do Sil, ao maxestuoso mosteiro de Santo Estevo, que visitaremos o próximo mes de abril.

Quero facer un inciso para comentar a anécdota que me lembra Belén, do que nos pasou na andaina. O conto foi que, pasada a aldea de Lornis, nun tramo fermoso de bosque demos cun valo, que supostamente debiamos saltar para seguir a andaina. A medida que nos achegabamos iámonos amoreando sen querelo ata que o grupo case non se movía; abraiados quedamos ao ver unha muller que andaba a traballar na súa finca coa fouce na man e explicando que, aínda que non tiña nada en contra dos sendeiristas, escolleramos unha propiedade privada (de feito, o track está modificado para evitar o paso pola finca), por onde non hai ruta sinalizada e que moito lle custara aos seus ancestros construír pedra a pedra os valos, polo que temía pola súa integridade. Todos sorrintes, non había quen non lle dese as grazas e vostede perdoe señora! pero é que ela non se esgotaba e cada grupo de 4 ou 5 volta a sermonearnos -con razón- pero facendo ter que agardar tempo e tempo a que todos deramos saltado como cabritos costa abaixo escapando da señora e da fouce. O último en chegar foi Víctor e, comentando entre risas temiamos por el, porque dende abaixo non se escoitaba nada e coa follaxe que rodeaba o entorno perderamos todo rastro del; logo apareceu e xa vimos que non viña só… Javi, o avogado, e Carlos, o médico, a cada lado coma escoltas. Aínda botamos unhas risas dende abaixo véndoos chegar ao carón do portelo que fechaba a finca Hnos. Ramón Piñeiro que, inocentes de nós, atravesamos con paso firme, adiante entre os valos, e máis apuro tiñamos ao ver a muller coa fouciña que certamente falaba moito e toda asisada pero iso si, sen soltala da man. Foi boa anécdota!

O tramo da ruta que vai de San Cosmede ata Cibrisqueiros (Pombeiro) é realmente fermosa (pódese facer de ida e volta dende Pombeiro): natureza en estado puro por un bosque de castiñeiros e carballos, que nos protexen do sol que temos hoxe, anque por desgraza combinados con especies invasoras como a mimosa (acacia), que veu a estas terras para quedarse.

Neste treito paga a pena facer unha parada para ver as dúas tumbas antropomorfas do Preguntoiro, que están relacionadas cun primitivo eremitorio de entre os séculos VII e VIII.

Chegamos así a San Vicenzo de Pombeiro, que xurde entre a paisaxe esta sorprendente e maxestuosa esta igrexa, antigo cenobio documentado desde o ano 935. Na actualidade só queda do antigo mosteiro a igrexa de finais do s. XII, de planta basilical de tres naves, con tres ábsidas semicirculares. Na fachada destaca un tornachoivas decorado con seis arquiños rematados en modillóns con cabezas humanas e figuras xeométricas. Tamén sobresae a porta sur moi historiada, solemne e fermosa, cun grande abucinamento nas arquivoltas. No seu interior consérvanse frescos e un retablo renacentista do s. XVI. A carón da igrexa está o edificio do priorado, actual casa reitoral, que foi levantado no s. XVIII, cando se derrubou o antigo mosteiro.

Contan as crónicas que Pombeiro foi o priorado galego que levou unha vida máis ordenada durante todo o Medievo, anque se deixou notar a crise de mediados do s. XIV e os visitadores constataban en 1392 os edificios semidestruidos e os oficios divinos malamente rezados, cualificando ao prior de apóstata, entre outras cousas, e denunciando que un dos dous monxes que habitaban o cenobio era concubinario, seguindo o exemplo do prior, quen de una concubina non est contentus, sed plures habet. Estamos a falar de Diego Fernández quen, a pesares do pouco canónico comportamento, durante o seu priorado comezaría a recuperación de Pombeiro.

Coa reforma alentada polos reis católicos a partir de 1487 suporá para Pombeiro, o mesmo que para outras casas bieitas, a súa desaparición e consecuente anexión a un mosteiro de maior importancia, neste caso ao de San Estevo de Ribas de Sil.

Dende Pombeiro, os últimos quilómetros para chegar aos Peares, facémolos por asfalto. Imos gozando de impresionantes paisaxes levando o Sil no fondo do val á nosa esquerda e vendo como supera o último encoro hidroeléctrico de San Pedro, antes de fundirse co pai dos ríos galegos, o Miño, o gran protagonista deste camiño que damos por rematado hoxe.

No remate da etapa, facemos os estiramentos nun miradoiro que é un agasallo para os sentidos, na confluencia dos ríos Miño, Sil e Búbal, unha fermosa triloxía acuática nun importante cruce de camiños. Os Peares é un núcleo de poboación repartido entre catro parroquias de catro concellos (Carballedo e Pantón da provincia de Lugo e Nogueira de Ramuín e A Peroxa na de Ourense), no que sobresaen as súas pontes de formigón e ferro, que aproveitamos para cruzar o Suso e mais eu, para achegarnos ata a desembocadura do Búbal e admirar dende alí as súas casas empinadas ou abigarradas do Torrón, mentres o resto quedou tomándolle a cervexa nos Tres Ríos.

Xa teño gañas de volver! (e creo que o farei pronto, pois para o mes hai programada unha xeira do Museo do Pobo Galego por este concello de Pantón… )

Bibliografía:

Pérez Rodríguez, F. (2008). Mosteiros de Galicia na Idade Media : (séculos XII-XV) : guía histórica. Ourense : Deputación Provincial de Ourense.



Galería

Ribeira Sacra. Os Peares


2 comments

  1. Responder

    Marivi

    Cambiaches de maquina?. A cor e distinta, maís “profunda”, moi fermosa paisaxe, moi fermosas fotos!!!

    • Responder

      Grazas Mariví! Pois sí, cambiei de máquina e estou moi contento con ela. Agora a ver se son quen de sacarlle partido…
      Bicos

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*