Ribeira Sacra do Miño. PR-G 162 II

Ribeira Sacra do Miño

Neste marzo pasado remataba a entrada da primeira andaina pola Ribeira Sacra do Miño expresando as gañas que tiña por facer a segunda parte do PR G-162, pois deixárame unha grande sensación pola fermosura de andaina fixemos. Pois se daquela expresaba isto, non vos podedes imaxinar a que fixemos hoxe! hai que percorrela, é das rutas que hai que facer sí ou sí, e se é no outono moito mellor e quizáis con chuvia aínda máis máxica…

  • Lonxitude da ruta: 14 km aprox.
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

Como comentei máis arriba, en marzo deste ano comezamos a facer o sendeiro homologado PR-G 162, que se inicia en San Estevo de Ribas de Miño e remata en Atán. A ruta é liñal, duns 36 km, pensada para facer en duas, tres ou catro etapas e discorre acompañando o descenso do río Miño polos concellos de O Saviñao e Pantón e avista enfronte os de Chantada e Carballedo. Naquela ocasión fixeramos o primeiro tramo dende San Estevo ata Mourelos, e hoxe continuamos dende Mourelos, ata Ribeiras de Miño e de ahí, xa fóra do sendeiro, ata o castro de Ortelle. Deixaremos para o ano que ven o terceiro e último tramo ata Atán.

Nada máis comezar o descenso cara ao río xa nos mergullamos entre carballeiras e soutos centenarios que aínda conservan a folla con amarelos e marróns fermosísimos. Eu creo que estaban agardando por nós antes de deixar caer a folla para pasar a invernía… e o noso paso faise aínda cunha débil néboa que fai que vaiamos por un lugar máxico. E de repente, estes tons ocres dan paso a unha paisaxe cun mosaico de bermellos, verdes e amarelos nas vides espectaculares. Esta vai ser a tónica durante toda a ruta, a alternancia de soutos, carballeiras e vides nos descensos e ascensos que faremos. En fin, contemplar as vides descendendo ata o río nesta época do outono é un espectáculo único e ir apreciando marabillado como o seu cultivo foi deseñando a paisaxe da Ribeira Sacra.

O outono é un dos momentos do ano que convidan a disfrutar do campo polos cambios cromáticos que se aprecian nel. Estes cambios prodúcense porque a medida que avanza o outono, os días vanse acurtando e as árbores van recibindo menos luz solar. É o aviso para prepararse para o inverno e, paseniñamente, a clorofila vai desaparecendo das follas e con ela a súa cor verde vaise convertendo en amarelos e alaranxados.

E chegamos ata a beira do río. En A Cova, está a praia fluvial máis acondicionada da Ribeira Sacra lucense, polo que é moi recomendable desviarse e facer un pequeno descanso nela, un auténtico remanso de paz. De regreso, Carlos Acuña e máis eu prendemos a falar cun paisano que estaba a reparar os socalcos das sús viñas e ademais de comentarnos de como fora a colleita deste ano, díxonos que recolleitara máis de doce mil quilos de uva! Mágoa que teñamos que seguir pois o home e nós tiñamos unhas gañas de falar…

Un dos grandes tesouros desta zona son os seus viños, coa uva mencía como protagonista, unha variedade autóctona de orixe milenaria, que os “nosos” Jóhanna e Helmut aprecian como aqueles romanos que hai máis de dous mil anos o bebían na metrópole. As viñas están dispostas nun sistema de socalcos de pedra que salvan as fortes pendentes (nalgunhas zonas, próximas ao 100%), e que chegaron a acuñar a expresión de viticultura heroica. En Europa, tan só o 5% da superficie adicada á viticultura está catalogada como viticultura heroica, e que en España só se pode empregar na Ribeira Sacra, que aglutina a dúcias de adegas baixo a súa denominación de orixe. A mecanización do traballo é polo tanto complicadísima: algunhas viñas teñen carrís para trasladaren as cestas e caixas na vendima, pero case todo o traballo faise a man. Por certo, unha mágoa non poder visitar as Adegas Moure, pois parece que non tiveron moito interés en amosárnola, a pesares de estaren avisados con tempo.

Dende o mirador de A Cova apreciamos a grandiosidade do Cabo do Mundo (en Galicia tamén temos cabos terra adentro!), así chamado porque aquí o Miño forma un cabo cun espectacular meandro. A vista é inmellorable cos socalcos dos viñedos dourados e medio tapado polas nubes baixas que nos acompañan durante toda a xornada.

Seguimos camiño e atopámonos con outro dos elementos que definen esta zona: o Románico. A igrexa románica de San Martiño da Cova, do antigo mosteiro da orde de Santo Agostiño, construída entre os séculos XII e XIII consérvase na súa totalidade, aínda que con elementos decorativos sinxelos: a porta principal amosa un arco de medio punto con dúas arquivoltas e a ábsida está dividida en tres partes por dúas semicolumnas. Está nun lugar privilexiado, nunha pendente rodeada de viñedos e con vistas sobre o Miño, fronte ao Cabo do Mundo. É inevitable achegarse a admirar a arquitectura románica desta igrexa.

Continuamos cunha chuvia persistente, o que nos obriga a facer unha curta parada en Arxuá para repoñer forzas, de pé baixo os paraugas ou a cuberto en palleiras ou pendellos, e uns poucos tiveron a sorte de toparse cunha veciña que os acubillou na súa casa, agasallándoos con viño, bica… qué marabilla andar por estes camiños!

Só nos queda o ascenso ata o final desta etapa, duro, en Vilar de Ortelle, por un tramo onde nos apartamos do percorrido do PR-G 162, pois estaba previsto chegar a este punto polo castro de Ortelle, dende onde hai unhas vistas impresionantes sobre o Miño, pero as condicións meteorolóxicas e o estado do terreo aconsellaban tomar unha vía alternativa.

Unha das rutas que ten que ingresar no meu top ten imaxinario, sen dúbida, polo seu altísimo valor natural,  pois é espectacular en paisaxe e natureza, cultural ligado ao viño, pois o camiño transcorre entre viñedos e zonas de bosque, e patrimonial (castros, románico … ), en fin, teno todo! Agardo que o terceiro tramo que nos falta por facer supere a estes dous… difícil!

Ruta do val do río Aviouga

4 comentarios sobre “Ribeira Sacra do Miño. PR-G 162 II”

  1. As cores son fermosas dabondo, a paisaxe parece nalgunhas das fotos “o bosque do lobo”, a néboa ten moita culpa diso, pero a foto de tódolos paraugas xuntiños é total!!!!

    1. Grazas Mariví! A verdade é que a paisaxe foi abraiante! e tés razón coa foto do paraugas pois a mín tamén gústame moito.
      Bicos e ata o sábado…

  2. Asociacion Veciñal do Saviñao

    Moitas gracias polo comentario e pola promoción . A terceira etapa vaivos gustar , é máis salvaxe . Non deixedes de visitar o miradoiro e a fervenza de Augacaída .A primavera é tamén unha boa época .
    Si precisades calquer información sobre a zona ( hostelería , trasporte , alternativas , etc ..) non dubidedes en contactar con nós .Saúdos

    1. Da gusto ver que os promotores do sendeiro se preocupan polos visitantes dese xeito! Moitas grazas polo ofrecemento, pero a ruta está preparada, e se hai algo de última hora, descoidade que contactamos. Moitísimas grazas, de verdade.

      Cando queirades promocionar a ruta, podedes contar con nós para divulgalo!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio