Porto de Horcadas


464 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (4 votos, media: 4.50 de 5)
Loading...
Preme nas imaxes para velas a tamaño completo

A ruta comeza na mesma área recreativa de Horcadas. Un percorrido de tipo circular que nos leva ata os portos da zona, que goza de fermosas paisaxes e un alto interese natural. Fixemos o PR-LE 25 Puerto de Horcadas cun par de variantes, ao revés de como está deseñada e ascendendo tamén ata o Pico Hato.

Regresamos de novo a León, pero desta vez imos ás montañas do Alto Esla, na zona de Riaño, un dos lugares da Cordilleira Cantábrica máis fermosos para práctica do sendeirismo. Considerada como unha das portas de acceso aos Picos de Europa pola súa proximidade, destacan as paisaxes dos seus vales, os bosques e os seus cumios. Anteriormente, o grupo de sendeirismo da USC xa estivera nesta zona leonesa, en Posada de Valdeón, pero desta volta visitamos a antesala dos Picos.

Hai que madrugar, pois temos por diante unhas seis horas de viaxe, pero coido que paga a pena xa que imos con moitas gañas de facer rutas de sendeirismo pola zona. En principio, a idea que temos é facer catro rutas, todas elas cun alto interese natural e paisaxístico. Estivemos aloxados en Riaño, no hostal Sainz, en réxime de media pensión, polo que ceamos e almorzamos no hostal.

Antes de chegar, fixemos unha parada en Horcadas (Riaño), enclavado dentro do Parque Regional de Picos de Europa, que ocupa a parte occidental deste macizo montañoso. Logo de xantar na sua área recreativa as empanadas que encargou o Jaime aproveitamos para facer o PR-LE 25 Puerto de Horcadas, cun par de variantes, facéndoa ao revés de como está deseñada e ascendendo tamén ata o Pico Hato.

Datos técnicos


A ruta pódese considerar de dificultade media, aínda así hai que ter en conta que Riaño é unha zona montañosa, polo que hai que ter un bo estado de forma e estar habituado á práctica do sendeirismo.

Comezamos a camiñar…

A ruta comeza na mesma área recreativa de Horcadas (1125 m). É un percorrido de tipo circular que nos leva ata os portos da zona, que goza de fermosas paisaxes e un alto interese natural. Despois de pasar por un túnel baixo a estrada que conduce a Riaño, iniciamos pouco a pouco o ascenso tendo a primeira parada en La Retuerta, dende onde xa temos unhas vistas moi fermosas das serras calizas do entorno de Riaño.

O duro comeza agora. A subida pola Hoz de los Escalones discorre por un terreo empinado e irregular que vai forzando os nosos nocellos. O percorrido por este escabrosa Hoz discorre entre xestas enormes, bidueiros, salgueiros, capudres e, a pesares destas agradecidas sombras, algún acórdase da empanada que tomou hai pouco… e a calor fai o resto. Hai que tomalo con calma.

Ao final desta empinada costa, atopámonos coa primeira das tres fontes que veremos ao longo do percorrido, a fonte de La Prada. Mentres nos reagrupamos e tomamos o necesario descanso volvemos gozar de excepcionais vistas panorámicas do pobo de Horcadas e o Gilbo ao fondo.

Xa queda pouco para chegar ao alto do porto de Horcadas, dende onde se domina unha vista impresionante de Peñas Pintas e das características serras calizas. Coroando o porto chaman a nosa atención varios picachos de rocha vermella que xurden no medio do verde pastizal, son os Picos del Diablo, cara a onde nos diriximos co fin de coroar o Pico Hato, de 1749 m de altitude.

Comentounos Víctor que a ascensión está sendo moito máis sinxela nestas datas que cando veu el a preparala, pois ao non haber neve nin xeadas pódese subir facilmente. Na ladeira do Hato, sen sendeiro claro, cada un vai ascendendo por onde mellor o ve, pero sen ningunha dificultade.

No último treito para coroar o Hato o Víctor ten que botarme unha man, polos meus problemas de vertixe, pero esta decisión de subir compensa con creces pois as vistas son inmellorables.

Fotos de Jaime Arcay

O día non é moi claro pero, a pesares da pequena altitude en comparación con outros picos da zona, o Hato goza de boas panorámicas. Podemos distinguir perfectamente Carande, o pobo e o encoro de Riaño, picos tales como Peñas Pintas, Yordas ao norte, xunto cos primeiros cumios de Picos, máis lonxe os tres grandes da montaña palentina como son o Espigüete, Curavacas e Peña Prieta, así como o Jano e Jaido máis ao sur.

Esta ascensión ao Hato aumenta o grao de dificultade da ruta marcada no PR-LE 25, xa que implica facer uns 3 quilómetros a maiores e subir uns 200 m mais de desnivel (tanto de subida como de baixada).

Tras un pequeno descanso no cumio reanudamos a marcha. Na baixada, seguimos a gozar da paisaxe, vemos os Portos de Horcadas, por onde acabamos de pasar e ao fondo pódese ver algo do encoro de Riaño e boa parte da Cordilleira cos seus cumios algo nevados.

Especial interese ten o tramo de descenso e regreso ao pobo; primeiramente podemos ver restos de dous chozos e os seus respectivos redís de pedra; eran infraestruturas colectivas que utilizaban os pastores de Horcadas cando subían durante o verán para atender e vixiar o gando, pois este foi un pobo gandeiro que utilizaba esta zona do porto como pasto para o gando vacún entre xuño e mediados de agosto, cando era reemprazado por ovellas ata mediados de setembro.

Unha vez pasado o restaurado Chozo del Valle, mostra de como no pasado estes vales estaban máis frecuentados por gando e pastores, pero que na actualidade chega a ser complicado seguir polo que foron sendas de acceso, pois a falta de uso e a vexetación que as invade dificulta o paso, cruzamos xa pola Hoz Oscura, moi interesante dende o punto de vista xeolóxico.

A Hoz Oscura é un impresionante desfiladeiro oradado ao longo do tempo polo arroyo de Horcadas; de curto tramo, paso estreito e encaixonado entre elevadas paredes de rocha cuarcita… a verdade é que resulta moi agradable pasar por ela e, case sen dacatarnos, estamos xa nas Barcinielllas.

Non queda máis que seguir este bo camiño descendendo o val ata chegar a Horcadas, que cruzamos admirando o ben restaurado que está, sendo unha boa mostra de arquitectura popular, ata chegar á súa área recreativa onde finalizamos esta entretida ruta, unha ruta curta, pero intensa en canto a paisaxe.Agora toca chegar a Riaño, instalarnos e tomarlle unha cervexa antes de ir cear. Isto promete!



Galería

Porto de Horcadas


2 comments

    • Responder

      Pois si. A verdade é que levamos roupa para calquera eventualidade (ata paraugas), pero o tempo que tivemos estivo de cine. Mágoa ver todo tan seco, pois comentáronnos que este non foi un inverno típico desta zona con chuvias e nevaradas.
      Bicos

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*