Pola ribeira do Tambre


703 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (2 votos, media: 4.00 de 5)
Loading...
De Pontemaceira a Tapia

O Tambre dende a fermosa ponte gótica, a chamada Ponte Vella

Este domingo Manolo Figueira tiña pensado sorprendernos levándonos a camiñar por unha ruta espectacular en Pino de Val, pero como a previsión do tempo non é moi boa e, como dí el, para esa ruta fai falta que o tempo sexa moi, moi bó… quedará para outra Manolo, para a primavera por exemplo!

  • Lonxitude: 10 km aprox.
  • Desnivel: baixo
  • Dificultade: baixa

Cambiouna logo por outra moi bonita pola ribeira do Tambre, de aproximadamente uns 10 km moi cerca, máis abrigada, e que algúns de nós xa a fixemos aló polo 2012 nos roteiros da USC, cando percorrimos o Tambre dende Sigüeiro ata Negreira en varias etapas.

Así que nos desprazamos ata Pontemaceira en Ames, para camiñar río arriba ata a praia fluvial de Tapia. Unha ruta moi bonita e moi cómoda de facer, sen apenas desniveis, e unha boa proposta para facer con nenos no verán, por iso de que hai que levar coidado xa que se esvara nas pontes e nas pedras. Ruta moi recomendable!

Iniciamos a andaina xunto sobre as 10 da mañá en Pontemaceira, na beira de Negreira, diante da capela de san Brais, onde o camiño a Fisterra cruza o Tambre na fermosa ponte gótica, a chamada Ponte Vella, levantada a finais do século XIV, restaurada no século XVIII mantendo a estrutura medieval de cinco arcos, o central oxival, e mais dous aliviadoiros, e que aínda hoxe soporta incomprensiblemente tráfico rodado… pero a pesar diso é un lugar imprescindible, dos que hai que coñecer en Galicia, pois conserva un interesante conxunto de arquitectura popular e pódese gozar dunha paraxe natural de gran beleza.

A previsión do tempo cumpriuse practicamente ao cen por cen, pois tivemos chuvascos durante toda andaina, algún deles bastante forte, alternando con algo de sol; iso sí, a temperatura non foi excesivamente baixa, como se prevía.

O final da ruta establecémolo na área recreativa e fluvial de Tapia, na que aproveitando o leito do río hai acondicionada unha zona de baño, con áreas de céspede, merendeiro… Tamén se pode gozar da beleza da contorna realizando algún paseo, como fixemos, pois o tempo empregado na andaina foi pouco o que nos permitiu achegámonos ata a capela da Madalena, coa súa fonte milagreira para a gorxa e eccemas.

Ah! E non falei nada do motivo da xuntanza… pois o de ir camiñar hoxe era a excusa perfecta para ir a Casa Ruso, en Óns, onde os propietarios, Manuel e Pepita, téñennos preparado un soberbio cocido para uns poucos e un non menos excelente polo de curral para a maioría…

Xa estamos rivalizando co tema do xantar… Entrantes: ovos encapotados, mexillóns, empanada e chipiróns, Prato principal: cocido ou polo de curral, Postres: leite frito (que quita o sentido!), filloas con mel, con nata, con crema, con chocolate… regado todo con tinto Mencía e Rioja, convertendo o xantar no colofón dunha agradable velada. Por suposto, Manolo outra vez de dez! Moitas grazas!



Galería

Pola ribeira do Tambre


2 comments

  1. Responder

    Manuel Figueira

    Moitas grazas Fran¡¡¡, as fotos coma sempre insuperables¡¡¡, e un gran pracer considerarche un amigo e poder camiñar, ainda que sexa pouco, o teu carón¡¡¡

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*