Sendeirismo na Pobra do Brollón


11.861 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (2 votos, media: 4.00 de 5)
Loading...

Ponte de Barxa de Lor, paso do Camiño de inverno cara a Compostela.

Fermosísimo percorrido por este concello do sur de Lugo, situado no límite xeográfico da serra do Caurel.

  • Lonxitude : 20 Km aprox.
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

Este sábado fómonos ata a Terra de Lemos, e máis concretamente á Pobra do Brollón, un concello cunha superfice de 174 Km², pertencente ao partido xudicial de Monforte. Debía ser día de mercado pois ao chegar estábanse instalando varias polbeiras ambulantes e xa daba ganas de agardar a que tiveran o primeiro polbo cocido! pero houbo que contentarse co café mañanceiro.

A pesares de que hai varias rutas deseñadas e sinalizadas, fixemos un percorrido que nos levou dende a capital municipal ata Barxa de Lor, e dende aquí ata Salcedo, final do traxecto. As paisaxes son moi variadas: montes, ríos, altos cumios… polo que a ruta ten un altísimo interese natural. Destaca neste aspecto un tramo de 3 km á beira do río Lor.

Non é menor o seu interese cultural e etnográfico xa que pasamos por aldeas, unhas pouco poboadas e outras abandoadas literalmente, unha auténtica desgraza que estamos a padecer no noso país. Da mágoa ver o censo de poboación do concello, con parroquias de 35 ou 40 habitantes (e supoño que case todos envellecidos). Por certo, que fermosas son estas casas con muros de cachotaría e tellado de lousa!

Testemuñas da riqueza mineira do ouro encóntranse espalladas por todo o concello da Pobra do Brollón. Desta importante riqueza da conta o antigo complexo mineiro da Lama, que ten orixe romana, constituido pola mina do Medo e o castro da Lama. O que se ve da mina, o Medo, é unha excavación alongada formada por dúas pequenas fonduras xustapostas e abertas polo método de ruina montium, como o demostra a forma de dentes de serra do bordo superior do lateral da corta. A mina foi traballada arrincando de arriba a abaixo capas sucesivas de lama. O castro encóntrase aos pés da corta e está sen escavar.

Logo de percorrer un pequeno tramo que coincide co Camiño de inverno a Compostela, que entra en Galicia por Valdeorras, chegamos á Ponte de Barxa, onde fixemos parada para xantar e repoñer forzas. A verdade é que non houbo millor sitio para facelo. A ponte consta de tres vanos de formas e dimensións diferentes. O arco maior está no extremo meridional, é de medio punto, lixeiramente apuntado e ten unha luz moi grande, de máis de vinte metros que non é doado encontrar nas pontes antigas do noroeste.

E quedábanos o millor da ruta! Logo de volver un pouco sobre os nosos pasos, percorremos un pequeno tramo río arriba, uns tres quilómetros do Lor (as troitas e anguías deste río gozan de grande renome). A ruta segue agora franqueada por xestas, amorodos, sobreiras… por certo, neste concello atópase a Sobreira de Santiorxo, árbore varias veces centenaria, un regalo para os sentidos, ten un diámetro de case 3 m e un perímetro de 10,80 m (a 125 cm do chan). As abraiantes dimensións do seu tronco son consecuencia dunha enfermidade que padece, facendo que o tronco se fure polo medio. Haberá que volver e ir vela, 10,80 m de perímetro!

E a subir! Queda o máis duro da ruta, e para min tamén o máis fermoso, uns tres quilómetros de ascenso que hai que levalo paseniño, pois a calor apreta e algún de nós, no último tramo do ascenso tivo que parar para recuperar folgos, pero chegamos sen novidade a Salcedo, o noso punto de chegada. Datos do Suso:  subimos durante 3055 m unha pendente do 10.2 %, pasando dunha altura, no quilómetro 13, de 311 m a 617 m no quilómetro 16,55. Ahí é nada!

Salcedo conta con igrexa parroquial da segunda metade do s. XVIII, fortemente reformada posteriormente. Ten unha torre cadrada, adosada a un dos laterais da nave, cun fornelo que contén a imaxe de Santiago Peregrino. A verdade é que é un lugar moi fermoso pero, como dixen máis arriba, con moitas casas que están caendo, que chocan coa remozada casa de turismo rural A Salanova e a Cantina de Julia onde nos distribuimos, despois dos perceptivos estiramentos guiados por Rocío, para tomar unhas merecidas e reconfortantes cervexas e facer unhas pequenas compras.

Ruta do val do río Aviouga


Ver Sendeirismo na Pobra do Brollón nun mapa máis grande



Galería

Sendeirismo na Pobra do Brollón


8 comments

    • Responder

      Fran

      Grazas Rocío! As túas do FB tamén son moi boas. Gústame a dos cans con esa pose maxestuosa. Falando de cans, vouche enviar unha que espero que che guste.
      Apertas

    • Responder

      Fran

      Grazas mil! As túas tamén son moi boas. Gústame moito a do Portal número 1, e agradezo o teu enlace pois para min son un complemento perfecto ás poucas que colgo, e axúdanme a ter outra visión da rutas. Reitero as grazas. Apertas.

  1. Responder

    Víctor

    Espero que vos gustase a ruta. Eu, coincido con algo que comentaba Suso o outro día: creo que pode estar no Top Ten das rutas feitas ata o de agora. E iso que a sequía non axudou, xa que a paisaxe podía estar moito máis rechamante se houbese condicións normais.

    As do mes que ven, en Esgos e Xistral tampouco decepcionarán…

    Grazas polas fotos, Fran.

    Víctor

    • Responder

      Fran

      De haber ese Top Ten eu tamén a incluiría (insisto no último tramo), pero, a verdade, vai resultar moi difícil elaboralo. E aquí teño que insistir nas acertadas eleccións que fas das rutas. Anque eu vou de sorpresa en sorpresa, na miña balanza creo que pesarían máis as do interior que da as costa (igual é porque a temos máis próxima e pateada).
      Tés razón co da seca, que se me esqueceu comentalo no post. Para nós é moi doado camiñar nestas condicións pero non é normal en febreiro ir de manga curta e pasando as calores que pasamos.
      Vou pensar no do Top Ten. Ah! que tal onte na Illa?

      • Responder

        Víctor

        Sobre o Top Ten… dende logo que sería moi difícil elaboralo. Eu podo decirche 10 ou 12 rutas que están ahí, nos primeiros postos, pero en cales??? É como cando a un lle preguntan: ¿cal é o teu prato favorito?. Eu nunca sei contestar, jajajaja.

        O da seca comeza a ser preocupante. Eu xa vou meter unha botella chea de auga na cisterna do baño. Así, cada vez que fago uso dela aforro 1,5 litros… ahí queda a miña proposta ¡

        Na Illa, pasámolo moi ben, mala visibilidade ao principio do percorrido, pero o día foi abrindo E non soprou no nordés da outra vez.

        Apertas

  2. Responder

    Hola Fran, sen dúbida fixestes unha ruta moi fermosa, e ademais igual que a nós, acompañouvos un tempo perfecto. Tomo nota da ruta para un futuro. Vótalle un vistazo á que fixemos nos o Domingo e que subimos hoxe creo que che gustará.
    Unha aperta dende “caminandoporgalicia” e ata a próxima
    Vémonos nos camiños

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*