Nacemento do Miño. Serra de Meira e A Pastoriza


13.397 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (2 votos, media: 4.00 de 5)
Loading...

Nacemento do pai Miño, no Pedregal de Irimia

Comezamos a andaina no concello de Meira e rematámola no sur do concello da Pastoriza, na área recreativa de Baltar. Parte do sendeiro, no tramo da Pastoriza, está sinalizado e forma parte da rede galega de sendeiros homologados, o PR-G-153, e ten un alto interese paisaxístico e natural.

Qué gañas tiña de ir a Lugo! E nada máis e nada menos que ás Terras de Miranda (Riotorto, Vilanova de Lourenzá, Abadín, Meira, A Pastoriza e Mondoñedo). As Terras de Miranda están documentadas xa desde o século XVI, malia que o concello como tal desapareceu trala reforma administrativa de 1833.

Na ruta deste sábado fixemos unha parada previa na Facultade de Veterinaria para recoller a unha persoa de Lugo, o que me fixo lembrar, xunto con Celia, a miña estadía no vello Colexio Universitario. Por certo, a ver se se anima a esta actividade maís xente de Lugo!

Xa en Meira, e logo dun rápido café, fun visitar apresuradamente o mosteiro de Santa María de Meira. Cunqueiro dicía que máis de media vila fora construída coas pedras deste mosteiro cisterciense. A fundación de dita comunidade por parte dos Condes de Samos está datada en 1143. Na igrexa, que conserva a traza habitual da arquitectura do císter, destaca o rosetón da fachada principal. Xunto co templo, de época medieval consérvase un tramo dunha porta e unha parte no claustro renacentista.

Logo, desprazámonos no autocar a 3 quilómetros de Meira, para iniciar o percorrido no Pedregal de Irimia, onde nace o pai Miño. O longo e caudaloso río Miño nace aquí (343 Km de lonxitude), na Serra de Meira. De todas as fontes das que o Miño se abastece, é a do Pedregal de Irimia a máis destacada por altitude (620 m) e singularidade: unha incrible formación rochosa periglacial esténdese ao longo de 600 -700 metros en forma de funil que impide ver a auga ata o termo destas.

Un río con tantos pulos
non pode nacer non chan;
ten que nacer nunha serra
grávida de maxestá.
(Avelino Díaz)

A ruta foi, en xeral, suave e levadeira e vai seguindo o curso do río entre paisaxes moi amplas e relaxantes, pasando por numerosos puntos de interese como Meira, vila que volvemos atravesar e á que volveríamos ao final da andaina a dar conta da merecida cervexa, antes de regresar.

Xa na Pastoriza, chegamos á lagoa de Fonmiñá, onde tradicionalmente, críase que o pai de tódolos ríos nacía nesta lagoa, malia que na actualidade sábese que o fai na veciña Meira. A fonte, cunha extensión aproximada de 350 m², é un afloramento de augas vinculado a procesos cársticos. Para constatar este nacemento fluvial: un grupo escultórico do Deus Breogán feito por Magín Picallo e Manuel Mallo no ano 1969 e un cruceiro.

A parada para xantar fixémola ao pé da mesma igrexa de San Salvador de Crecente, e ao seu abrigo porque o frío estivo presente durante toda a ruta, pero para o que íamos moi ben preparados.

Xa de camiño, en Baltar fomos visitar un dos castros máis fermosos da zona, o de Saa. A diferenza de Viladonga non foi escavado, pero recoñécese perfectamente na paisaxe. Atopei neste blog máis información sobre o Castro de Saa, sobre todo porque ten un vídeo explicativo. Logo tamén pasamos pola ponte vella de Miñoto.

En Baltar está tamen unha área recreativa ao carón do Miño, onde rematamos a ruta. Hai un paseo ata os muiños de Anllo e no tunel que leva a auga ata estes muiños disque estiveron escondidos moitos republicanos durante a guerra civil.


Ver Nacemento do Miño. Serra de Meira e A Pastoriza nun mapa máis grande



Galería

Nacemento do Miño. Serra de Meira e A Pastoriza


9 comments

  1. Responder

    Víctor

    Fermoso día e fermosa reportaxe. Da moito xogo a zona de Terras de Miranda. Un día deste haberá que ir, subir á serra e baixar ata o Eo.

    Tiñas razón, Fran, na igrexa fixeches a millor das fotos..¡

    Moitas grazas¡

    • Responder

      Fran

      Grazas a tí polo comentario sempre moi gratificante! Por certo, parece que nos comunicamos máis por este medio que nas camiñadas, como tí vas sempre diante e eu sempre detrás!
      Tómoche a palabra no de facer máis camiñadas por estas terras. De feito, nun dos paneis informativos do principio (creo que onde estaba a aula de natureza), había unha ruta duns 20 km por toda a Serra de Meira, que tiña moi boa pinta, dende o Pedregal ata o Corno da Órrea.

    • Responder

      Fran

      Grazas polo comentario! Tes razón,a min gustoume sobre todo a amplitude da paisaxe, esas panorámicas que relaxan un montón!
      Por suposto que nos vemos na seguinte!

  2. Responder

    Mariví

    Qué bonito Fran, estiven en Meira hai tempo e gustoume moitísimo. O nacemento do rio tamén impresiona porque non é nadiña e logo ¡mira como se pon o Miño!

  3. Responder

    Celia

    Como ben dís Fran, foi un día de recordos (foron 13 anos os que pasei en Lugo), un día para disfrutar (non hai mais que ver as túas fotos -por certo, non me canso de mirar a da igresia de Meira feita polo burato da porta- ¡qué arte|) e, como non, un día para rir grazas a os que contaron chistes na viaxe de volta a Santiago. En fin, todo inesquecible.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*