Monte Xiabre. Ruta Nocturna


799 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (3 votos, media: 4.33 de 5)
Loading...

 

Monte Xiabre. Ruta nocturna

Vilagarcía e a ría de Arousa dende o Monte Xiabre

  • Lonxitude: 13 km aprox.
  • Desnivel: medio (principalmente de baixada)
  • Dificultade: media-baixa

As valoracións sobre a dificultade están feitas para unha ruta diurna, a iso hai que engadirlle a dificultade que ten o camiñar pola noite. É imprescindible levar linterna e algún elemento reflector.

Saímos de Santiago a primeira hora da tarde e, logo de tomar o café en Catoira, o bus levounos ata o Alto da Granxa, no concello de Caldas de Reis, onde comezamos a ruta. O ascenso ata o mirador ten un tramo final forte por un cortalumes, pero compensa con creces o que nos agarda no cumio, polo que recomendo a subida.

A idea é chegar ao punto máis alto xusto antes do solpor e logo facer o descenso do monte xa de noite. O Xiabre é unha atalaia estupenda sobre a ría de Arousa e o val do Ulla, e dende él tamén se poden ver as illas Cíes ao sur (apreciamos o destello do seu faro, así como o da illa de Ons).

Un vento frío e forte acompañounos no cumio (Alto da Meda, 642 m), o que fixo que a nosa estancia alí non fose moi prolongada; con dicirvos que ata me tirou co trípode da cámara, e que non me permitiu facer unhas panorámicas como eu agardaba.

Como dixen, a baixada xa foi a escuras e tivemos que valernos das linternas (a de Belén era espectacular!), o que nos permitiu ver ata unha píntega no camiño, que debía andar ás miligochas ou ás miñocas. Como xa dixen noutra ocasión, camiñar nestas horas permítenos gozar da natureza noutro momento do día, a noite (e a de hoxe foi espectacular, cun impresionante ceo estrelado!), e no que fai que agudicemos máis os sentidos, e que polo día non nos decatamos tanto. A noite foi inmellorable para a andaina de hoxe.

Fixemos parada na Ermida de San Cibrán que, como moitas ermidas galegas, aséntase baixo unha vella carballeira acondicionada con mesas e unha fonte para o día da romaría que se celebra o domingo de Pentecostés, cincuenta días despois da Pascua. O conxunto complétao un cruceiro de bela factura, ao que non parei de fotografar aproveitando a luz das linternas.

Só queda chegar a Catoira de novo, tramo que facemos practicamente todo por pistas rodeadas de viñas e cruzando aldeas onde a pedra é o elemento constructivo dominante.

Esta fin de semana coincidiu co black friday, esta moda mercantilista anglosaxona que se a pronunciamos na nosa lingua non ten tanto glamour, venres negro! Para min, a acepción máis acaída do adxetivo negro é a de infeliz, por ver a esa xente, esa masa, que non sabe gozar do esencial da vida, como pode ser gozar dunha andaina como a que fixemos, ou que non sabe ser feliz co que se ten, desexando sempre o que non teñen e que moitas veces nin se necesita… e tamén fin de semana negra pois deixáronnos dous referentes da nosa cultura, Xosé Neira Vilas, o Balbino, e o veciño Xosé Chao Rego, que a terra lles sexa leve!

Máis información:



Galería

Monte Xiabre. Ruta Nocturna


3 comments

  1. Responder

    Víctor

    Curiosas fotos, Fran ¡ Saíron ben ¡ Mágoa dos chalecos que lle dan un toque raro.
    Creo que a actividade estivo ben, a noite ten algo máxico.
    O feito de non ter moita costume de camiñar pola noite tamén fai que se disfrute máis. Creo que todos sacamos parte dese neno que levamos dentro ¡ Moi interesante tamén a reflexión sobre o venres-neghro.

    Este sábado a ruta é ben diferente; vémonos polo Camiño dos Faros, si queredes ¡

    Moitas grazas, Fran

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*