Monte Oribio


617 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (5 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...

Datos técnicos da ruta

Regresamos ao monte Oribio, unha impresionante montaña situada na serra do mesmo nome entre a comarca de Samos e O Courel, preto de Triacastela. Para elo, tivemos que madrugar un pouco máis do habitual pois agárdanos pouco máis de duas horas de viaxe dende Santiago. O cumio do Oribio acada os 1442 m de altitude, o que permite que sexa un miradoiro estupendo no que se poden observar amplas e fermosas panorámicas.

A ruta, que non está sinalizada, é longa e ten moito desnivel, tanto de subida como de baixada, con algún tramo pedregoso e empinado, aínda que en xeral, e salvo tramos curtos, vai por camiños cómodos.

Mosteiro de Samos

Antes de comezar a camiñar, fixemos parada en Samos onde, ademáis tomar o café de rigor, fun estirar un pouco as pernas e admirar o seu impresionante mosteiro de San Xián, do que xa se ten noticia dende o s. VII. Nesta ocasión conformeime con ver o seu exterior, pois visitámolo máis detidamente na última andaina que fixemos por estas terras, anque non me resisto a volver a lembrarme da sua biblioteca.

Dicía naquela visita que se vos parades a ler a historia do convento, fálase da “desgraza” que supuxo para o mosteiro a desamortización de Mendizábal de 1835, coa maioría dos libros trasladados a Lugo pasando a formar parte do primitivo fondo da Biblioteca Pública, xunto cos de outros conventos suprimidos da provincia. En cambio, pásase de puntillas cando se fala do pavoroso incendio de 1951 (provocado na destilería… a saber que andarían facendo!), e que destruiu a metade dos libros, unha perda irreparable, que non recibe ningún tipo de ton pexorativo no relato, e aínda manteñen na actualidade que, respecto dos fondos antigos, dista moito do que foi antes da desamortización. Por certo, coido que “colaboraron desinteresadamente” na súa reconstrución presos políticos… En fin.

Na andaina, o Alfonso lembrouse dunha historia que eu xa tiña esquecida. Na rúa Orillamar da Coruña había (non sei se segue habendo) un pequeno local no que facían queimada. O sitio da queimada era particular e típico para ir cando eramos mozos e para levar a alguén de fóra. Non había ningún cartel que o anunciase, só un letreiro na porta que puña “a 400 metros está el cementerio y a xxx está el sanatorio de Conxo”. O local era un verdadeiro garito: escuro, cunha gramalleira da que colgaba un caldeiro no que facía a queimada e o “mestre de cerimonias” recibía ao persoal que ía tomar a brebaxe con túnica, longas barbas e un casco con cornos tipo viquingo. Houbo unha época que era un sitio de cuasiculto pola súa rareza e por tanto adoitaba ter bastante xente.

A persoa que botaba o esconxuro tamén dicía as bienaventuranzas do tipo de Bienventurados los wikingos que tienen los cuernos postizos. Bienaventurados los romanos que no tienen pelos en el pecho
Porque están depilados hasta los cojones, etc.; nun momento determinado do esconxuro facía referencia aos freires de Samos digamos que con pouco cariño, citando unha débeda que tiñan con el e que nunca saldaron. O ruxe ruxe di que despois do incendio de Samos de 1951, na reconstrución das zonas que arderon, interviñeron prisioneiros de guerra a cambio de redención de penas, xunto con artesáns sen condea. Polo que parece, os pagamentos a estes últimos non foron tan axustados a dereito como deberían ser e algunha persoa saiu escaldada do negocio. Os tempos tampouco eran para reclamar. De feito a inauguración da reconstrución fíxose coa presencia de Franco. Outra versión que se contaba, con menos encanto ca anterior, era que o oficiante era un antigo monxe que deixou os hábitos, non satisfeito coas súas vivenzas monacais. Sexa verdade ou mentira, a historia ten o seu aquel e o home sempre incluía esa cita sombría aos monxes de Samos como parte da liturxia da queimada…

Pero o concello de Samos non é só o mosteiro e o Camiño Francés, e nel encontramos unha paisaxe, salpicada de fermosas vistas, pobos en harmonía co seu entorno… e boa proba delo é a ruta que imos facer hoxe.

Comezamos a camiñar…

Comentaba en decembro de 2012, cando subíramos ao Oribio dende Triacastela, que era unha xoia case descoñecida, e parece que segue a selo, pois moitos dos que nos acompañaron era a primeira vez que oiran falar del, e coido que quedaron marabillados ao comprobar que é un dos nosos tesouros naturais e paisaxísticos que hai que preservar. Supoño que xa estará abandonada a idea de sementar viraventos por este monte, iso sí, ían estar decorados con motivos xacobeos! (este Fraga tíñache unhas ideas moi paveras).

Comezamos a camiñar preto de San Cristovo do Real por un pequeno tramo de estrada que nos leva ata Nande. Ao pasar pola aldea parece que están agardando a que pasemos uns dez ou quince mozos coas súas motos, pois uns quilómetros máis arriba interromperíanos a marcha, tendo que abeirarnos para que pasaran dunha vez.

Xa había tempo que non atopaba aos do motocross andando polos roteiros… menos mal que estes non nos chamaron madrileños do carallo como na ruta do Río Pequeno, cando o Suso lles chamou a atención.

Co seu paso por onda nós, pregunteime se terían permiso para facer esta actividade pois, segundo a Lei de Montes, Art. 88 e Art. 128 m), serán penalizadas as actividades relacionadas co tránsito motorizado, sen estar contemplados nun instrumento de ordenación ou xestión forestal ou sen contar coa preceptiva autorización nos termos sinalados no artigo 88 da presente lei. Nos montes incluídos na Rede de Espazos Naturais Protexidos de Galicia […] as autorizacións serán competencia, nos mesmos termos, do órgano competente en materia de conservación da natureza… Insisto. Terían permiso?

Despois desta pequena interrupción, e de que se renovara o aire do forte cheiro a gasoliña que deixaron as motos, continuamos o prolongado ascenso co seu runrun ainda presente por un tempo; a medida que subimos de cota vanse abrindo cada vez máis claros no bosque, deixándonos as árbores ver cada vez mellor a paisaxe que se abre ante nós, capitalizada fundamentalmente pola veiga de Sarria e a zona de chaira na que está asentada a maior parte deste concello.

Acadar o Alto dos Torrentes é o reto da xornada, pois subiremos uns 300 m de desnivel en, aproximadamente, 2 quilómetros de distancia. Pode resultar dura para persoas pouco habituadas ás típicas costas de montaña, pero non deixa de ser iso, unha costa de montaña, polo que hai que afrontala con ánimo… e a por ela!

Achégase o momento de repoñer forzas cunha breve parada na caseta forestal que hai instalada no Alto dos Torrentes (1376 m), e fixémolo como pudemos, pois o vento zoaba ben, polo que o refrixerio foi breve para non arrefriarnos. Isto non impediu seguir admirando a paisaxe, xa que desde aquí as panorámicas son moi amplas. Case podemos tocar cos dedos o Monte das Lampas, por exemplo e, segundo me sinala Víctor, un pouco máis lonxe tamén divisamos o Monte Capeloso (1598 m), situados entre O Cebreiro e O Courel e aos que xa temos subido. Máis ao sur todo o cordal do Courel, no que adiviñamos o Piapaxaro medio tapado polas nubes… unha gozada!

Seguimos a nosa andaina cara ao Oribio, máis relaxados, pois imos por pista forestal cunha pequena baixada que nos servirá para tomar alento antes da última subida, non tan dura como a que vimos de facer. Quedan case dous quilómetros de distancia, o obxectivo está moi preto e xa só temos que  superar os últimos 100 metros de desnivel para acadar o punto xeodéxico do mesmo Oribio. Isto está feito!

Tivemos moita sorte co día que eliximos para vir ata aquí, cunha visibilidade bastante aceptable, anque non nos permitiu distinguir as chemineas das Pontes, ou os montes de Asturias, e os de Portugal, con Cabeza de Manzaneda a medio camiño que, disque se alcanzan a ver en días despexados. Aproveitamos para gozar do inmenso val que se abre ante os nosos ollos, e vemos case aos nosos pés como o monte acompaña durante un bo treito aos peregrinos do Camiño Francés que ven descendendo dende o Cebreiro e o Alto do Poio cara a PasantesRamil e Triacastela. Tamén como a canteira a ceo aberto medra cada vez máis, unha mágoa.

Pero esta imaxe non impide que esteamos nun lugar precioso, marabilloso e ideal para botar un bo intre gozando dese silencio e esa calma que transmite a montaña, a pesares de non ter nós ese recollemento, pois entre fotos e localización e identificación de lugares disfrutámolo igualmente. Como ben nos comentaba Víctor, hai que aproveitar ben estes momentos que aquí non se sube todos os días!

Iniciamos o descenso de regreso ao punto de partida, primeiro polo tramo que empregáramos na primeira vez que subimos dende Triacastela aló polo 2012 e logo, progresivamente, imos perdendo altura primeiro por pistas forestais e máis abaixo por unha corredoira que discurre entre prados, grupos de castiñeiros e muros de pedra, que nos indican a proximidade de Nande, pola que volvemos pasar xa sen moteiros, antes de chegar ao bus que nos agarda un pouco máis abaixo.

 

Aínda temos tempo de facer unha nova parada en Samos, onde teño tempo para mercar un par de caixas de bizcoitos de Samos pois, como digo e fago case sempre que vou camiñar, hai que aproveitar para consumir algo nos negocios da zona, pois así axudaremos a que unha zona tan bonita como esta se manteña.



Galería

Monte Oribio


1 Comment

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*