Las Puentes de Malpaso


254 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (6 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...

Preme nas imaxes para velas a tamaño completoA ruta de «Las Puentes de Malpaso», como lle chaman nesta zona (supoño que terá algo que ver coa forma galega, tamén en feminino), comeza mesmo na localidade berciana de Molinaseca. Preparamos unha variante circular que permite gozar de variadas paisaxes: zonas altas con boas panorámicas e vales encaixados con bosques de aciñeiras.

Ten a ruta un enorme interese natural e paisaxístico, así como cultural, xa que o tramo de Malpaso é o antigo trazado do Camiño de Santiago para entrar en Molinaseca dende Manjarín. Este tramo, aínda que é moi fermoso, a día de hoxe está case en desuso polos peregrinos.


Comezamos a camiñar…

Recén chegados da viaxe, comezamos a camiñar a iso das once da mañá, e facémolo dende o principio da Rúa Real de Molinaseca (ou do final, segundo se mire), ao pé da fonte coa escultura do peregrino, ata chegar á Praza del Rollo, rodeada de casas típicas tradicionais, que nos saca do pobo cara ao Cerro de María González xa en contínua subida.

O ascenso faise un pouco duro, pero nada que non se poida superar cun pequeno esforzo. O camiño vainos amosando esqueletes de vellos castiñeiros que foron pasto dos lumes. Polas dimensións e polo porte das árbores, debeu ser un souto ben grande. Unha mágoa!

Neste ascenso, tiven un pequeno contratempo que se resolveu estupendamente. Un dos cristais das gafas caeume sen que me decatara ata pasado un tempo. Eu notaba unha visión borrosa pero non apreciaba a falta da lente ata que o comentei, e foi cando me advertiron que me caera. Rocío ofreceuse inmediatamente para regresar e ir buscala… e atopouna! Moitísimas grazas!

Ao gañar altura comezamos a ver a hoya berciana, destacando o Monte Pajariel e unha parte de Ponferrada (disque ese edificio negro que destaca na vila, representa a altura que chegou ter o escombro de carbón). O piñeiro de repoboación predomina nesta subida e, xa no alto, Víctor sitúanos e amósanos os distintos montes que se divisan dende esta posición… e chega Rocío coa miña lente. Bravo!

A partires de aquí, a paisaxe cambia. Castiñeiros, xaras, rebolos e arbustos de aciñeiras… estamos nun territorio de bosque mediterráneo, anque a seca está a afectar moi seriamente a esta impresionante paraxe.

Xa en descenso, chegamos á primeira ponte, a Puente Pequeña. Esta ponte é a máis curta das dúas pero a máis alta, pois permite salvar o río Pequeño a considerable altura, anque a vexetación impídenolo ver, pero semella unha construción moi sólida que sorprende polo lugar onde está enclavada.

Pouco máis alá chegamos á Puente Grande, que está sobre o Río Grande, que se xunta un pouco máis abaixo co Río Pequeño para formar a partir da súa confluencia o río Meruelo que é o que pasa por Molinaseca. Nas dúas pontes sorprende o esmerado da súa construción nun lugar tan alonxado de todo, tan afastado das rutas máis frecuentadas.

Ainda que hai quen quere remontarse ao tempo no que os romanos viaxaban entre Asturica Augusta e as minas de ouro das Médulas, a opinión máis estendida é que se trata de dúas pontes de orixe medieval, construidas para facilitar o paso aos peregrinos que baixaban desde Riego de Ambrós e El Acebo, ofrecéndolles unha alternativa a pasar por Molinaseca, pois os pasos por estas pontes conducen a Lombillo. Non sei como é a baixada dende estes pobos ata Molinaseca, pero sen dúbida que este trazado antigo do Camiño de Santiago paga moito a pena percorrelo polo entorno polo que discorre.

As pontes tamén teñen sona nesta bisbarra por outro motivo, pois preto delas morreu abatido en 1955 o guerrilleiro máis famoso de todas as montañas de Galicia e León, Manuel Girón, quen mantivo en xaque ás forzas da orde durante quince anos.

Aproveitamos este espazo tan fermoso para repoñer forzas e descansar da ruta e da viaxe. Descendo ata a beira do río para apreciar ben toda a ponte; a imaxe é dunha beleza e plasticidade espectacular, e non paro de tirar fotos!

Logo reemprendemos o camiño de regreso placidamente. Pasamos de novo pola Puente Pequeña e tomamos un sendeiro, entre aciñeiras e carballos que, logo dunha pequena subida, nos acompañarán no descenso, levando xa o río Meruelo á nosa dereita, que se adiviña no fondo do val, pois baixa oculto pola frondosa vexetación de ribeira.

Chegando xa ao final da ruta, camiñamos comodamente baixo chopos e castiñeiros que nos deixan entrever os primeiros tellados de Molinaseca coa impoñente igrexa de san Nicolás de Bari. Unha xornada moi gorentosa que clausuramos tomando unha cervexa ao pé da ponte romana e percorrendo toda a rúa Real, pola que entran milleiros de peregrinos que por aqui pasan camiño de Santiago.


Vídeo


Galería

Las Puentes de Malpaso


2 comments

  1. Responder

    Rocío

    Tendo en conta que o da lente tivo un final feliz, quedará nunha anécdota para recordar por moito tempo 😊

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*