Do Faro de Corrubedo ao Castro de Baroña


12.219 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (Non hai valoracións)
Loading...

Castro de Baroña

 

O faro de Corrubedo
co seu ollo largasío,
ai amor, púxome medo.
Triadas no mar e na noite
Bouza-Brey, Fermín, 1980, Obra literaria completa, Santiago: Edicións do Cerne
 

Que gañas tiña que comezaran as rutas de sendeirismo da USC!. E pola cantidade de fotos que saquei creo que incluso tiña más mono do que eu cría. A verdade é que a ruta foi unha marabilla e todo axudou: o reencontro coa xente, a paisaxe, o día… E fomos facer un percorrido que enlaza perfectamente coa que pechamos a tempada en xullo de Noia a Porto do Son, para ter así feito o norte costeiro da península do Barbanza.

Antes de comezar a andaina fomos visitar o dolmen de Axeitos, na parroquia do mesmo nome, no concello de Ribeira, e lévanos ata o castro de Baroña en Porto do Son, todo pola costa, cruzando diferentes e numerosas praias.

O dolmen de Axeitos (A Pedra do Mouro) é un dos máis antigos, máis grandes e mellor conservados de Galicia e xunto co de Dombate é un dos exemplos de maior monumentalidade e importancia patrimonial de vestixios megalíticos en Galicia. Está datado entre o 4000 e o 3600 a.C. Na actualidade este dolmen atópase situado nunha zona verde totalmente cercada, con amplos xardíns, bancos e mesmo algunha mesa de pedra (moito cambiou o entorno dende a última vez que fun!). Trátase dun monumento funerario megalítico, levantado en época neolítica e composto por oito grandes laxas de granito fincadas na terra formando unha planta poligonal sobre a que se apoia outra laxe horizontal de 4,5 por 3,5 m; aínda conserva dúas das laxes que conformarían o corredor de entrada e apenas se conservan restos do túmulo de terra que adoitaba cubrir este tipo de construcións.

Logo desprazámonos ata Corrubedo para tomar o cafeliño e dar unha volta pola vila, que ven de celebrar as festas do Perpetuo Socorro. Dende Corrubedo podemos admirar o gran anfiteatro areoso do Parque Natural que abrangue as formacións dunares máis impresionantes de todo o país galego. A mañá está preciosa e xa teño gañas de poñerme a camiñar!

Desprazámonos xa ata o cabo de Corrubedo, estribeira final dos montes do Barbanza, onde iniciamos o percorrido dende o seu faro, indo en dirección norte ata o castro de Baroña. A ruta é eminentemente costeira, o que nos permitiu disfrutar da beleza deste tramo da nosa costa, cruzando praias, coídos, cabos… pasando por zonas dun altísimo interese natural como os diferentes complexos dunares e lagoas.

As paisaxes son fermosas durante todo o percorrido e é moi salientable o bó estado de conservación das praias. É indubidable que esta parte do Barbanza é dunha singular beleza que hai que saber conservar. Supoño que onde case sempre sopra o vento e o mar ferve anunciando temporais permitiu manter este tramo da costa case virxe e fóra da presión inmobiliaria que padecemos en moitos puntos da nosa costa, anque algunha edificación habería que derrubar, porque eses famosos 500 m de marxe para edificar eu non vexo que os respeten ningures (doen os ollos ver esa casa sobre a praia de Baroña, por exemplo).

Non menos fermosa é a toponimia das praias, cabos, enseadas… así sucédense a Enseada e Punta de Valieiros, Punta Laxe Brava, Praia de Espiñeirido, Enseada de Recabeira, Praia de Seráns, de Areas Longas (Xuño), As Furnas, de Río Sieira, de Queiruga, do Dique e a de Baroña, que no tramo máis próximo ao castro é nudista e, ao dicir dos “expertos”, proporciona un bronceado que non ten parangón pola gran cantidade de iodo que proporcionan estas augas.

Só quero deixar un pequeno apunte sobre o castro de Baroña, referido aos traballos de consolidación que se están a facer nel, que son máis ca un lavado de cara pois, na campaña arqueolóxica deste ano saíu á luz a arquitectura orixinal do xacemento. Coido que esta restauración realizada no segundo castro máis visitado de Galicia (non o esquezamos), corre o perigo de ser un acto simbólico se non ten continuidade, e debe ter como finalidade a súa posta en valor. Tamén creo que os visitantes temos que interiorizar esta rehabilitación feita respectando moito máis que ata o de agora o xacemento.

En fin, unha ruta fascinante pero esgotadora (non vos imaxinades o que cansa andar pola area!), e como comentou Rocío longa, pois comezámola no verán e rematámola en outono, xa que na tarde deste sábado 22, exactamente ás 16.49 horas, comezou o outono. Xusto ese instante coincide co paso do Sol polo punto Libra ou equinoccio de setembro, é dicir, cando o astro rei atravesa o ecuador celeste dende o hemisferio norte cara ao sur.


Ver De Corrubedo a Baroña nun mapa máis grande



Galería

Do Faro de Corrubedo ao Castro de Baroña


9 comments

  1. Responder

    jagoro

    Hola Fran, buenos días a tod@s!

    Por fin se ha dado el pistoletazo de salida y con una ruta preciosa! Guía sorpresa, playas inmensas en las que dejamos huella, día de sol perfecto, pasarelas para “desfile” del grupo y recordatorio de nuestra “flor nacional” 
    Enhorabuena por las fotografías, impresionantes panorámicas.

    La próxima ruta…el Monte Pindo…nos vemos en nada!

    Un abrazo,
    Jana

    • Responder

      Fran

      Grazas Jana bs, alégrame que che guste a entrada e, sí, parece que imos ter unha tempada moi “intensa”.
      Un saúdo.

  2. Responder

    Mariví

    Cada vez me lo pones más difícil. ¿que son “coídos”. Preciosas las fotos de las huellas, unas poquitas más del castro me hubiera gustado. Pero todas preciosas. Bicos. Mariví

  3. Responder

    Víctor

    Vaia fotos..¡ Que preciosidade..¡ A verdade é que a zona é unha marabilla…

    Agardo que este sábado disfrutemos no PIndo polo menos o mesmo que o pasado. O tempo parece que vai acompañar..¡

    Vémonos¡

  4. Responder

    Marta

    Cando en Corrubedo ía de volta cara ao autobús chamoume a atención unha casa. Dei a volta para ver a fachada e recordei que un arquitecto inglés se construíra unha casa en Corrubedo. Non recordaba o seu nome pero púxenme a buscar e a casa é de David Chipperfield.
    Noraboa polo blog e por estas fotos tan chulas.

  5. Responder

    Nesta marcha acabei coas pernas feitas un cristo… o perigo de ir nun día de moita calor en pantalón curto.

    O que si e certo é que andar por unha praia de varios quilómetros en completa soidade e con bo tempo é algo impensable nos tempos que corren. Unha delicia, pareciamos hobbits paseando pola Comarca 🙂

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*