De Santiago a Negreira. Camiño de Fisterra


588 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (1 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...

Quedamos ás nove da mañá na Carballeira de San Lourenzo, K0 do Camiño de frechas a Fisterra e Muxía (anque para min este camiño comeza na mesma praza do Obradoiro), pois a idea é facer a primeira etapa que remata en Negreira. A maioría xa fixo este percorrido en anteriores ocasións, polo que desta vez imos andar por un par de variantes sobre o camiño oficial propostas polo Jaime, un gran coñecedor de toda a contorna compostelana. Un percorrido de case 23 km, na súa maioría por chan de terra e sen ningunha dificultade que salientar, que se pode realizar pausadamente, gozando da contorna e da boa conversa, polas aldeas e lugares ata chegar a Negreira, xantar nos Arcos e vir de volta a Compostela no bus.

O son da Berenguela cantando as nove danos o sinal de saída; atravesamos a carballeira e baixamos cara a Ponte Sarela e de ahí a Sarela de Abaixo, onde é obrigado pararse e botar a vista atrás para despedirse das torres da catedral e da cidade… e a partir de aquí os quilómetros van marcando as aldeas, ou viceversa, K3 Moas de Abaixo, K4 Piñeiro, K6 Quintáns… e levamos como telón de fondo un completo e fermoso arco da vella! En Carballal facemos a primeira saída de pista, e teño que dicir que a opción elixida por Jaime é moito máis fermosa que seguir polo camiño, pois imos por vellos camiños de carro, evitando así o asfalto, que abunda nesta etapa.

Ao pasar pola Portela de Villestro saúdanos un vello coñecido, que sempre vemos ou coidando o gando ou apañando herba ou, como neste caso, falando cun veciño, pero sempre atento ao paso do peregrino para levantar a man e saudar desexando bo camiño!

E chegamos ao Alto do Vento, practicamente na metade do percorrido, así que parada na parrillada de mesmo nome á beira da estrada para un café mañanceiro… aunque algunha xa lle meteu un bo pincho de tortilla! E continuamos pero, en lugar de facelo polo trazado urbano do camiño por Ventosa e Augapesada, imos facer a segunda variante do día, tomando polas casas da urbanización de Aldea Ventosa e baixando por camiño e pista forestal ata a aldea de Capeáns e de ahí cara a Pousada por un fermoso bosque, pasando por algún muíño restaurado, e no que xa comezamos a ver sinais do camiño que ven de Noia, o Portus Apostoli, que nos iremos atopando ata chegar a Pegariños.

Á entrada de Pousada parámonos a observar dous muíños e xa na aldea, con vellas casas rehabilitadas, podemos comprobar se a hora do noso móbil é a correcta comparándoa co fermoso reloxo que nos atopamos na fachada dunha das casas… marca as dez hora solar! Ao saír de Pousada cruzamos a estrada CP-0203 para dirixírmonos, como di Jaime, “en costa parriba” á Ermida de San Xoanciño onde facemos unha pequena parada; aproveitamos para facernos unhas fotos baixo o pórtico da capela e para tomar forzas para o ascenso que nos queda e que nos levará ata a aldea de Pegariños… que nome máis bonito!

A pequena Ermida de San Xoanciño está como moitas do rural galego, sen campá, e na súa porta ten a inscrición coa data de construción e o seu promotor, ademais dun tremendo foco que desentona coa capela mesmo enriba da porta principal!… a quen corresponda, ese foco noooon! Fronte á igrexa hai unha fonte de rica e fresca auga e, a uns cen metros, nunha pequena explanada, o Cruceiro de San Xoanciño que serve de rotonda para os coches…

Xa en Pegariños, cunhas fermosas vistas do val da Amaía, atopámonos de fronte cunha casa que dispón de catro lacenas, ben feitiñas (mira que temos vido por aquí e nunca nos fixáramos nelas!), tamén hai fonte desde 1936 segundo nos lembra a placa enriba do cano, pero non está o día para refrescarse, así que seguimos ruta por unha pista de monte á esquerda que sobe ata atoparnos de novo co camiño a Fisterra.

No encontro co camiño a Fisterra comentara o Jaime en xullo do 2014 a súa sorpresa polo arranxo da costa que ven dende Mar de Ovellas, pois coidaba que a reparación íase esfumar coas primeiras choivas, e non lle faltou moita razón. Non hai cunetas anchas e profundas que conduzan a auga pola pronunciada costa, non hai aliviaderos da auga cara ao monte, non hai apenas peralte nas curvas, non hai cortes no firme do trazado para que a auga de superficie non colla forza e arrastre os áridos, non hai técnicos e políticos que non se deron conta que con sorte todo isto durará o que dura un inverno?… fixemos este camiño unha manchea de veces e para camiñar e biciclear estaba ben como estaba.

Estou seguro que sería mellor empregar os cartos na cuneta da estrada que leva ao alto de Carballo e facer unha beiravía destinada á circulación de peóns e bicicletas; espazo hai abondo para habilitalo, e así o camiñante que sobe ve os coches de fronte apartado da estrada, pero coido que iso é moito pensar e moito pedir… como tamén se bota de menos un contedor de lixo ao bordo da estrada asfaltada, unha vez chegado ao alto xunto a un banco de pedra (no verán, época de maior afluencia, este entorn0 está cheo de lixo e bolsas colgadas das polas das árbores).

Practicamente dende aquí ata Pontemaceira o camiño segue por asfalto. Sen dúbida o punto de referencia desta etapa cara a Negreira, e un dos paraxes máis interesantes que nos atoparemos no Camiño a Fisterra, é o paraxe natural que forma o río Tambre en Pontemaceira, un enclave dunha beleza singular. O río, a ponte medieval, os muíños, o Pazo de Baladrón… son un lugar estupendo para dar un bo paseo e gozar da beleza da contorna.

Este conxunto para mín é especialmente recomendado para quen gusta da fotografía, pois eu sempre me entreteño de máis neste labor, pero a fame xa se empeza a sentir e hai que liscar cara a Negreira. Cruzamos a ponte e a fermosa aldea, xa no concello de Negreira, que conserva todo o seu encanto, cunhas casas perfectamente integradas na paisaxe e na que o Suso nos conta que foi aquí onde veu as primeiras lacenas hai xa moitos anos, e onde quedou marabillado por esta forma tan peculiar de recolectar o mel en Galicia.

O que resta de camiño a Negreira facémolo lixeiros e lembramos a Ruta dos Tres Pazos, pola que nos guiara Manolo, antes de que se oficializara. Seguro que el tivo que ver nesta empresa! Antes de entrar en Negreira, aínda temos que pasar por diante do pazo da Albariña, que visitáramos naquela ocasión.

E a xantar caldeirada de bacallau na dos Arcos! Falamos do que nos gustou o camiño coas súas variantes, con todos os ingredientes necesarios para gozar do campo e da natureza. E despois dunha sobremesa ben agradable, fomos tomar un café e dar unha volta pola vila antes de coller o bus de regreso a Santiago. Mira ti como en nada se pode organizar unha ruta que nos deixou un gran sabor de boca… e que temos un país espectacular!



Galería

De Santiago a Negreira. Camiño de Fisterra