De Santa Mariña a Dumbría. Camiño de Fisterra


424 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (5 votos, media: 4.80 de 5)
Loading...
Preme nas imaxes para velas a tamaño completo

Nova etapa do Camiño de Fisterra. Así que hoxe nos agrupamos en Santa Mariña coa intención de chegar ata Dumbría, parando á metade do camiño na fermosa aldea de Olveiroa, que normalmente é final de etapa se se quere chegar a Fisterra en tres días.

Datos técnicos


Unha nova etapa do Camiño de Fisterra, a terceira para nós. A semana pasada decidimos alongar un pouco o número de xornadas do camiño ata Fisterra, polo que unha vez chegados a Hospital imos continuar cara a Dumbría, quedándonos para despois da Pascua a etapa ata Muxía, que se vai consolidando aos poucos como unha das principais metas xacobeas; e dende ahí a  Fisterra nunha ou duas etapas. Así que hoxe nos agrupamos en Santa Mariña coa intención de chegar ata Dumbría, parando á metade do camiño na fermosa aldea de Olveiroa, que normalmente é final de etapa se se quere chegar a Fisterra en tres días.

  • Lonxitude: 23,5 km
  • Desnivel: Medio
  • Dificultade: Media

A ruta que estamos a percorrer é asequible para moita xente, incluso teño amigos que a fixeron con nenos de 6 anos, polo que para alguén habituado isto é unha anécdota, pero se non estás afeito custará un pouco.

Comezamos a camiñar…

Logo de deixar os coches en Dumbría e de que nos achegara un taxi ata Santa Mariña, un lugar en principio de paso, pero punto de partida para nós ao evitar a longa etapa Negreira-Olveiroa; o groso do grupo agardaba na de Victoriano tomando un café que, por certo, ten uns carteis anunciando a prohibición de descalzarse no local, igual aos que vin en Triacastela; unha vez preparados e recibidos cunha feble chuvia inicial, comezamos a camiñar un pouco máis alá das dez da mañá.

As Terras do Xallas polas que andamos conforman un territorio moi variado, no que podemos atopar contrastes de alto valor paisaxístico e un territorio fondamente humanizado: montes e vales, espazos agrestes e terras de cultivo, bosques mestos e abertas pradeiras, apartadas aldeas con explotacións gandeiras impresionantes… pero no que destaca o encoro da Fervenza, que interrompe o lento fluir do Xallas, formando un inmenso lago, tal como se nos amosa dende o monte Aro.

Desde o monte de Corzón podemos contemplar un conxunto de panorámicas moi ilustrativas desta riqueza paisaxística: Vilar de Corzón, A Picota, capital do concello, Lugarnovo, Sanfoga… ou os Montes da Ruña ao lonxe, pechando polo oeste o val formado polo río Beba.

Ao pé deste monte Corzón visitamos o conxunto parroquial de San Cristobo de Corzón; imos con tempo, o que nos permite percorrer o seu adro, practicamente pechado por nichos, no que destaca un sinxelo cruceiro e, sobre todo, unha espadana de sinxela estrutura, de dous vans, que aparece ao marxe da igrexa, algo moi inusual. O Jaime e o Jesu aproveitan para subir a ela e inmortalizarse baixo as súas campás cunhas cantas fotos.

O elemento principal é a igrexa, de orixe románica, con engadidos e reformas de épocas posteriores. O exterior é propio das construccións típicas do románico rural: ausencia de decoración na fachada, poucos vans e aparello de cantería de grande calidade. Calidade que tamén vemos na casa reitoral, de xenerosas proporcións, e que completa o conxunto.

Cruzamos o Xallas pola estreita pero magnífica ponte de Ponte Olveira, escenario de batallas napoleónicas, que nos introduce no concello de Dumbría. Hai que ter coidado ao pasar esta estreita ponte pois non hai moito espazo para os peóns… alguén comentou que estaba en proxecto facer un paso peonil sobre o río, cousa que sería un acerto, dada a cantidade de peregrinos que a cruzan cada ano, amén de ser unha mellora para a veciñanza.

Olveiroa

Olveiroa tomou un novo pulo neste século, grazas ao rexurdir da peregrinación cara a Fisterra e Muxía. Hai pouco máis dunha década o abandono da poboación e deterioración das construcións tradicionais eran patentes, como moitas das pequenas poboacións do rural galego, pero hoxe dá gusto ver como se está recuperando, a pesares de que a restauración é francamente mellorable.

Se estas terras do Xallas e Soneira se caracterizan pola abundancia de lacenas, das que levo falado en todas as entradas do Camiño a Fisterra, Olveiroa é o seu punto principal, pola abundancia que hai delas en case todas as casas.

Situada practicamente no punto medio do percorrido de hoxe, facemos unha parada no propio núcleo de Olveiroa, no mesón As Pías, onde aproveitamos para encargar o xantar para as tres ou catro da tarde pois, unha vez chegados a Dumbría, subiremos aos coches para voltar ata aquí a comer, pois ten un amplo horario de atención e o xantar é moi variado, e con prato do día por 12 € en sábado! O servizo e a atención de dez! Moi recomendable!

A pesares de que Olveiroa é unha zona moi recuperada e vive do Camiño, non me canso de insistir en que hai que consumir algo nos negocios da zona, pois así se axudará a que unha zona tan bonita como esta se manteña.

Ao pouco de sair pasamos por unha pontella que deixa atrás a aldea, antes de comezar a subir o monte Sino cara ao Logoso, a pontella de Agosto. Sinálanos Suso, e amósanos graficamente como unha sinxela cruz xira sobre o varal. Segundo lle contou o gran coñecedor destas terras Manuel Vilar, a cruz foi posta para lembrar o afogamento dun veciño de Buxantes que viña da Ponte Olveira, viña a cabalo e traía tamén unha vaca, pero atopáronse cunha forte enchente no regato e os cadáveres dos tres apareceron ao día seguinte aboiando no río Xallas.

Xa no monte Sino, cruzámonos de fronte cun gran grupo de camiñantes que están facendo o primeiro roteiro de Andainas Coñece a Costa da Morte “Olveiroa, río e pedra”; saudámonos con todos eles (ata había algún coñecido) por unha pista que nos vai amosando primeiro o pequeno encoro de Ponte Olveira, e logo un bonito tramo do Xallas cheo de rápidos; dende esta atalaia vemos, na outra marxe do río, a frondosa Devesa de Anllares, o segundo bosque atlántico máis grande da provincia, despois do Parque Natural das Fragas do Eume. Unha marabilla!

Antes de chegar ao Logoso, desviámonos do camiño para visitar a pedra cabalgada do Brazal, o desvío supón facer 200 metros máis de ruta, pero paga a pena! Deixamos atrás o río Xallas e agora acompáñanos por este treito a impoñente mole do Pindo, unha marabilla de paisaxe!

A Pedra do Brazal

A Pedra do Brazal, ou Pedra Cabalgada, está situada na ladeira do Monte Castelo, preto do Logoso. O Camiño pasa a escasos metros deste impresionante conxunto natural, pero non hai indicacións para os peregrinos que van camiño de Fisterra. Coñecendo o vandalismo que padece o Pindo, con pintadas e gravados nas rochas, un nunca ten claro se é mellor que siga no seu “anonimato” co afán de preservalo deste vandalismo, ou se indique claramente a súa situación para que sexa visitada e coñecida por quen queira achegarse ata ela.

O impresionante e curioso deste fenómeno da natureza é o imposible equilibrio en menos dun metro cadrado de superficie en que se manteñen dúas enormes pedras de toneladas de peso. Se algo atopamos característico na Costa da Morte son as formacións caprichosas e incribles como as que vemos no Pindo ou nos Penedos de Pasarela e Traba, ou outras como as que atopamos na ruta de Laxe a Camelle, onde admiramos enormes pelouros moldeados pola erosión da auga e do vento, que darán moito xogo á nosa imaxinación.

Queda chegar a Dumbría

Continuando chegamos a Hospital, lugar que toma o nome dun antigo hospital de peregrinos que foi destruído polas tropas napoleónicas. Neste punto, o camiño bifúrcase en dous, pola esquerda cara a Fisterra e de fronte cara a Muxía. Hai que decidir!

Nós optamos por este último, e só nos queda unha longa e prolongada baixada ata a capital do concello de Dumbría, indo pola beira da estrada ou por fermosos camiños que de cando en vez crúzana en varios tramos. Facémola sen moita pausa pois a fame comeza a apretar e agárdannos na das Pías para xantar…

De volta a Olveiroa

Xa en Olveiroa e logo do xantar estupendamente, damos un paseo pola aldea, admirando o seu patrimonio restaurado, e moi enfocado cara ao turismo, onde Suso nos vai amosando as distintas lacenas que hai nas fachadas das casas. Achegámonos ata a pequena igrexa de Santiago, cunha curiosa figura do santo na sua portada e, nunha especie de praciña que a precede, hai unha cruz sen imaxes, ben labrada e de considerable tamaño, que axuda a dinamizar e organizar o espazo da praza, xunto á que tamén hai un vello carballo e un conxunto de hórreos, coido que centenarios.

Cóntanos Suso, entre risas e vaciles, como no 2014 José da Carabela, un veciño encargado de ir botando os foguetes, pillouno ao pé da igrexa e pediulle solidariedade pois non había moitos feligreses para botar unha man e ir levando a santa dende aquí ata a capela de Santa Lucía, en torno á cal se celebra unha romaría o luns de Pentecostés rendendo culto ao poder curativo da santa sobre as enfermidades dos ollos.

Baixamos de novo ata a pontella de Agosto, onde temos aparcados os coches e ainda nos entretemos vendo como o Jesu se empeñou en sacar do río un enorme plástico enredado na vexetación, e non parou ata que o sacou da auga! Toca regresar pois o día xa non dá para moito máis, despedíndonos e quedando retomar as andainas para despois da Pascua.


Galería

De Santa Mariña a Dumbría. Camiño de Fisterra


2 comments

  1. Responder

    Sr. Ben Gunn

    Impresionante documento. O Suso coas chicas21 de Olveiroa sacando o santo a paseo… Avante Fisterra!

  2. Responder

    Marisa Castiñeira

    Qué bonito e interesante percorrido, as fotos marabillosas coma sempre!
    Grazas por compartir, aproveitaremos o artigo nas nossas clases de xeoloxía

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*