De Oia ata A Guarda


463 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (2 votos, media: 4.50 de 5)
Loading...
Preme nas imaxes para velas a tamaño completo

Despois de 18 km de andaina dende o Alto do Castro, en Oia, chegamos ata a localidade da Guarda, cunha fachada marítima que é unha das estampas máis características da Vila

Comezamos a andaina no Alto do Castro no concello de Oia. A ruta vai seguindo o cordal montañoso que, en paralelo á liña de costa, nos leva ata a localidade da Guarda todo o rato entre os 400 e 500 m de altitude e a menos de 2 quilómetros do mar. As vistas son fermosas durante todo o percorrido e alternan as zonas de piñeiros coas de monte baixo. En xeral os camiños son cómodos e bos aínda que hai algún tramo máis incómodo e esvaradío.

Datos técnicos

Comezamos a camiñar…

Despois de deixarnos o bus no mesmo Alto do Castro no concello de Oia, o que nos permitiu ir admirando na subida toda esta costa e, sobre todo, o porto de Oia e o Mosteiro de Santa María, no que xa estivéramos nunha anterior ocasión cando comezáramos alí a ruta ata Baiona pola serra da Groba.

Anunciábanse fortes chuvias para todo o día pero, afortunadamente, non chegamos a abrir os paraugas en todo o camiño… pero o que sí nos afectou foi a borraxeira que se instalou na serra, o que non nos permitiu admirar as paisaxes costeiras dende as distintas atalaias que hai ao longo do percorrido; unha mágoa pois este é o gran atractivo desta ruta, as vistas desta costa dende unha altura considerable.

Este inconveniente xa o experimentamos ao achegarnos ata o castro de Chavella, nada mais comezar o percorrido. A uns 477 m de altitude, o castro está pechado por unha gran muralla cara ao leste, o punto máis vulnerable, pois os outros lados están máis protexidos polas pendentes naturais, ata onde nos achegamos, e dende onde deberíamos ter unhas vistas de excepción sobre o porto de Oia e o Mosteiro, pero o día non estaba para poder admirar toda esta paisaxe costeira.

Este castro tamén é coñecido como o Castelo. Hai referencias medievais nas que o Castro de Chavella puido ser reempregado como torre ou faro para seguir controlando o territorio. Tal feito estaría totalmente xustificado pola existencia do mosteiro e polo claro dominio visual que o castro ten sobre el, pois a torre serían os ollos do mosteiro sobre o mar.

Continuamos camiño seguindo o cordal montañoso que, en paralelo á liña de costa, vai todo o tempo entre os 400 e 500 m de altitude. Pasamos polo Campo dos Corvos, presidido pola súa poza que serve de abrevadeiro para vacas e cabalos que andan ceibos por estes montes. As vistas deberían ser fermosas e espectaculares, pero a persistente borraxeira impídenolo comprobar. Aquí teño unha pequena conversa con Víctor e Elena, pois o lugar resúltame familiar; coido que cando fixemos a ruta dos muíños do Folón e do Picón e nos achegamos ata a costa, viñemos por este lugar camiño do val do Rosal; anque a eles non lles parece que pasáramos por aquí, coido que así o fixemos despois de repasar a fotos que teño daquela andaina. Un pouco máis adiante, unha tregua no tempo permítenos admirar a costa á altura de San Xián.

A primavera faise notar e camiñamos alternando as zonas de piñeiros coas de monte baixo onde vemos as xestas ou carqueixas no seu máximo esplendor. Ao longo do percorrido, sobre todo polo campo do Torroso, vexo varios piñeirais talados, nos que só quedou en pé algún que outro carballo; semella que aquí a comunidade de montes traballa e quere repoboar estes terreos con esta especie.

Pouco a  pouco imos descendendo en altitude, pero unha última dificultade se nos presenta antes de iniciar o descenso cara á Guarda. É a subida ata o Alto do Torroso (369 m). Ao irmos a menos altitude que durante a primeira metade da ruta a néboa permítenos ir adiviñando primeiro e, xa no alto, admirar na súa plenitude a paisaxe que se abre ante nós: á esquerda o amplo esteiro do Miño, o fértil val do Rosal e as terras de Portugal, e de fronte, cara ao sur, a vila da Guarda protexida polo monte de Santa Tegra, e toda a liña de costa polo oeste. Pagou a pena padecer todas as limitacións visuais que tivemos ao longo da xornada, por este regalo!

Entrando na vila da Guarda, fomos axudados por dous membros da policía local a cruzar a estrada 550 nun punto con pouca visibilidade, á altura da área de descanso. Parabéns polo servizo! Antes de chegar á costa cruzámonos con pequenos grupos de peregrinos que van cara a Santiago por esta variante do camiño portugués, cada vez máis transitado.
 
Só queda chegar ao porto por un paseo moi entretido, pasando polas praias de Area Grande e de Fedorento e aínda paga a pena deterse ante os restos da cetaria do Portiño, pois non hai que esquecerse que estamos nunha terra onde o marisco é protagonista, e a lagosta a súa raiña. En torno a esta costa da Guarda houbo varias cetarias, a maioría delas con concesións administrativas dende o século XIX, un patrimonio que hai que conservar e que nos fala do esforzo e da dureza do traballo no mar.
Con poucos produtos hai tanta unanimidade entre os escritores como coa lagosta. Julio Camba, Álvaro Cunqueiro ou Néstor Luján alababan este crustáceo, cunha carne preta e consistente que contrasta coa sutileza do seu sabor, lixeramente doce, e non quero nin pensar como estará esa receita de Picadillo, que elabora a lagosta con chocolate, aderezada con cebolas, allos, pirixel, viño de Xerez, sal, pemento e noz moscada… sen medidas, como adoitaba escribilas, ao criterio da cociñeira ou cociñeiro. Alguén se anima a preparala? Aquí un voluntario para probala!

A fachada marítima forma parte do núcleo histórico e é unha das estampas máis características da vila. Xérase coa tipoloxía das construcións de arquitectura mariñeira entre medianeiras, típica das rías baixas. Esta fachada está englobada no barrio da mariña e as súas edificacións máis antigas están situadas entre o paseo marítimo e a rúa Malteses. Polo seu colorido e variedade de formas é unha das paisaxes mais fotografadas e que mellor identifican a vila  da Guarda.

Tomando a cervexa e falando da ruta, concordo co Xerardo pois, malia a climatoloxía, fixemos unha ruta ben bonita, polo cordal, e por bos camiños, aínda que non poidemos admirar as fermosas vistas tanto sobre o mar como sobre o rio Miño. Sen embargo, pagou ben a pena e mesmo tivemos sorte xa que na andaina apenas nos choveu. Temos que voltar con mellor tempo para disfrutar das vistas!


Galería

De Oia ata A Guarda


4 comments

  1. Responder

    marivi

    Nalgunhas das “instantáneas” semella que vai sair a Santa Compaña, moita bruma….
    Apúntome á comida da langosta!!!!

    • Responder

      Grazas Mariví!

      Pero a pesares da néboa, pagou moito a pena… e é unha excusa estupenda para voltar noutra ocasión con mellor tempo… e probar a famosa lagosta, anque sexa á prancha!

      Bicos

  2. Responder

    Víctor

    Fran, qué sorte tivemos! Algunha previsión daba para esa zona 36 litros por metro cadrado….

    E, o máis importante. Canta razón levas…. na ruta do Folón e do Picón pasamos por algún dos tramos. Fixen a comprobación comparando os tracks… Canto tozudo hai por ahí! E bendita memoria a túa. Coido que non era fácil indentificar esas paisaxes sumidos na néboa…

    Noraboa unha vez máis polo documento (gráfico e escrito)

    • Responder

      Grazas Víctor!

      O da chuvia foi incrible, e máis cando lle comentaron a Xerardo que en Ponteareas estaba arrollando!

      A min pareceume que xa pasara por aquela poza, e ao chegar a casa botei man das fotos de aquela andaina e atopei algunha que fixen cando pasamos por ela (o tempo que padecemos non se diferenciou moito nos dous días), e tamén me lembro do comentario que fixeras un pouco antes de chegar á poza de que deberíamos ter unhas vistas espectaculares… por certo, algunhas fotros desta andaina dos muíños están aloxadas na Galería de imaxes da FUSCD (https://goo.gl/rfbY6I).

      Forte aperta!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*