De Negreira a Santa Mariña. Camiño de Fisterra


234 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (2 votos, media: 4.00 de 5)
Loading...
Preme nas imaxes para velas a tamaño completo

O longo percorrido desta segunda etapa decidimos facela só ata Santa Mariña, e dedicar a tarde a coñecer a fermosa Fervenza de Chacín.

Datos técnicos

O longo percorrido desta segunda etapa, dende a conca do río Tambre á do Xallas en Olveiroa decidimos facela só ata Santa Mariña, xa no concello de Mazaricos, e dedicar a tarde a coñecer a fermosa Fervenza de Chacín, polo que deixamos de camiñar a última parte do percorrido, de Santa Mariña a Olveiroa.

Podemos diferenciar duas partes no percorrido de hoxe. A primeira parte da andaina, ata Vilaserío, discorre por bosques de folla caduca e é bastante rompepernas. A segunda, ata Santa Mariña, é máis suave e accede ao concello de Mazaricos por pistas de concentración parcelaria.

  • Lonxitude: 21,5 km
  • Desnivel: Medio
  • Dificultade: Media

Chegamos a Negreira sobre as 09,00 horas, e aparcamos no Campo da Feira ao carón do rio, hoxe non tiñamos aberto o bar Porto para tomar o almorzo, polo que fomos ao cercano bar panadería Rios, fronte ao pazo de Cotón; disque ten un dos mellores pans e empanadas que se cocen en Negreira, e seguramente sexa así, pois a barra que mercou Suso desapareceu rapidamente.

Comezamos a camiñar…

Sobre as 09,05 horas saimos do campo da feira cara ao Paseo Fluvial “Rio Barcala” (non sei se sigue polo río a fermosisima raiña do paseo fluvial, a garza real “Pepita”, ver non a vin). Esta vai ser a única variante que fagamos hoxe sobre o trazado do camiño, e recoméndoa pois así evitaremos andar bastante tramo polo asfalto da estrada. O sendeiro polo paseo fluvial está moi ben sinalizado, para que o peregrino que elixa esta opción non se perda e acabe sen problema na aldea de Zas, onde xa se continua polo trazado marcado polo Camiño. O que sí pediría ás autoridades que encargan estes carteis é que sexan respetuosos cos topónimos, pois chega a ferir ver continuamente Finisterre, Finisterre, Finisterre… como se o de fóra non soubese orientarse se se encontra escrito Fisterra!

Practicamente en todas as aldeas polas que pasamos (Zas, Rapote, A Pena, Vilaserío, Cornado, As Maroñas… ), atopámonos con lacenas nas casas, o que fai que o Suso tome boa nota delas. Non sei que vai facer este home con tanta foto! E tamén nos encontramos con Manuel, un mozo de 83 anos que dá gusto velo traballar na súa leiriña e co que tivemos unha conversa moi animada… quen me dera chegar aos seus anos con esa vitalidade!

Salvo a baixada final cara a Vilaserío, imos neste tramo inicial de máis de 12 quilómetros picando sempre cara arriba, pasamos por tramos verdadeiramente bonitos, anque algúns deles perderon o seu encanto ao estar “rebacheados” con zahorra onde antes, coas chuvias, tendían a encharcarse. A este paso, non tardarán moito en poñer farolas en todo o percorrido do camiño…

Pero tamén hai tramos por estrada, e longos. Pasados a igrexa de San Mamede e a súa reitoral e Piaxe, saímos á estrada á altura de Portocamiño pola que seguimos ata Cornovo. Ao carón da estrada, bosques e prados no val conforman unha paisaxe moi fermosa. Á saída de Cornovo, deixamos por pouco tempo o asfalto e chegamos ata unha pequena pasarela que nos permite cruzar o rego de Forxán e pasar polo paraxe do Altiño do Cotón ,que dá paso a un pesado tramo de asfalto de máis de dous quilómetros que conduce ata Vilaserío, onde facemos a parada grande do día no bar da aldea.

No tramo ata Vilaserío imos moi espallados e eu fágoo na compaña de Marga, que se atopa cunha das súas alumnas que vai camiño de Negreira a clase de alemán. Un encanto de moza… e de mestra.

Deixamos Vilaserío en grupos e continuamos pola estrada ata O Cornado, última poboación de Negreira. A partir de aquí a paisaxe vai ir cambiando radicalmente debido á concentración parcelaria. Un pequeno repeito e a súa posterior baixada por pista lévanos ata a estrada DP-5604, que seguimos pola esquerda por unha recén estreada beiravía de asfalto para os camiñantes, durante uns 400 metros. Deixámola pola esquerda e xa imos por pistas de concentración o que queda de etapa.

Adentrámonos xa no concello de Mazaricos e ao pouco chegamos ata a ponte sobre o río de Maroñas. Cruzámolo e entramos na parroquia do mesmo nome, saudándonos á entrada dous hórreos típicos desta zona. Xa non queda nada para chegar a Santa Mariña. Á altura do cruceiro temos a gran sorpresa do día, pois vemos que ven ao noso encontro o Manolo Figueira! Menudo sorpreson!

O Camiño segue á dereita en busca da estrada AC-400. Cruzámola con moito coidado xa que os coches van como centellas, ata chegar ao bar Gallego, ao pé do albergue e final do noso percorrido, onde nos agardan un par de empanadas de chocos e polbo, agasallo do Jaime e do Manolo, que devoramos cunhas cervexas ben fresquiñas. Agardamos a que cheguen todos e xantamos de seguido, pois a fame apreta!

Se queres ver unha descrición completa da etapa de Negreira a Olveiroa, a guía do camiño de Eroski Consumer é a máis acaída.

Fervenza de Chacín

Despois da sobremesa o Manolo levounos ata a Fervenza de Chacín, un deses lugares agochados e que pouca xente coñece. Fomos no coche ata a aldea de Vioxo e, dende alí baixamos ata a fervenza, a pesares de que está relativamente perto de Santa Mariña, pois o tempo do que dispomos non é moito.

A Devesa de Chacín contén recunchos cheos de maxia e de fascinante natureza e esta fervenza é un deles. Non debemos confundir este salto co veciño de Santa Leocadia que se atopa máis ao sur e noutro río diferente, pero que se localiza na mesma parroquia de Chacín. A fervenza de Chacín está formada no Rego do Casteliño, e localízase entre as localidades de Vioxo e Santa Baia.

Ao chegar ao fondo do val, tomamos un camiño de terra que sae a man esquerda. O camiño remata nun prado que haberá que atravesar con coidado ata chegar a un valo no outro extremo. Sorteamos o cercado pola parte de arriba e alí comeza un empinado carreiro que nos conduce ata o río. A fervenza ten uns 10 m de altura en rochas de gneis e está rodeada por un fermoso bosque de ribeira. A chegada á súa base foi do máis gratificante do día, queréndonos retratar todos en tan impresionante entorno e, por suposto, onde aproveitamos para facernos a foto de grupo. Moitas grazas Manolo!



Galería

De Negreira a Santa Mariña. Camiño de Fisterra


1 Comment

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*