De Muxía a Fisterra. Camiño de Fisterra


203 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (3 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...

Preme nas imaxes para velas a tamaño completoEstamos a piques de comezar o epílogo do percorrido que iniciáramos en Santiago en xaneiro deste ano, aproveitando os sábados que tivéramos dispoñibles a maioría do grupo que decidimos acometer o camiño a Fisterra.

Como coido que xa deixamos claro que a idea era camiñar paseniño, sen presas, este tramo costeiro non ía ser menos, polo que decidimos acometer en dúas etapas a chegada ao cabo, facendo en Lires o punto de chegada da andaina de hoxe, e de saída da seguinte. Para o relato, ímonos basear nos escritos que ten o etnógrafo Manolo Vilar, natural destas terras e gran coñecedor das mesmas.

Chegados a Muxía, adicámonos a agardar uns polos outros mentres almorzamos no restaurante A Marina, un bo punto de encontro, abarrotado de mariñeiros e camiñantes coma nós. Como a etapa de hoxe non é longa, tomamonolo con calma, pois quedamos para comezar a andar ás 9:30 e non o fixemos ata as dez.

  • Distancia: 14,5 km
  • Desnivel: Baixo
  • Dificultade: Baixa

De Muxía a Lires

Unha vez todos xuntos, percorremos as rúas interiores da vila camiño do Coído, tristemente célebre por aquel fatídico naufraxio do Prestige que afectou á costa galega, sendo un dos entornos máis afectados esta costa muxiá, e que aínda hoxe temos presente.

Pronto chegamos á estrada que nos leva ata a praia de Lourido que tamén nos amosa outra pegada do Prestige, a construción dun vangardista parador, asinado por Alfonso Penela, na aba do monte que da á praia. Parece que desta vez hai cartos e retomáronse as obras no edificio.

Deixamos á dereita do camiño a fonte do Bico, na que fan parada os camiñantes que veñen de Fisterra; imos pola pista que ascende ata a aldea de Xurarantes, onde nos detemos a falar con algún veciño, non hai presa… pero hai que chegar ata o Facho de Lourido, a cota máis alta desta etapa. Chaman a atención por esta zona os pés dos hórreos, que semellan cogumelos pétreos.

Como é normal, pola época na que andamos, o camiño xa empreza a estar moi transitado e os camiñantes cos que nos cruzamos cara a Muxía son maioría. Dá a impresión de que somos os únicos que imos cara a Fisterra!

Imos por pistas, cruzando estradas e admirando esta paisaxe rural a medida que pasamos por MorquintiánGuisamonde ou Frixe. Morquintián está asentada na ladeira do Monte Faro e o camiño vai polo límite entre a zona de monte e os terreos de cultivo e pasando pola parte alta da aldea. Dada a importancia deste lugar, como sostén Manuel Vilar, o camiño debía pasar por diante da súa igrexa, con elementos románicos na súa fachada e nos canzorros, pero hoxe Morquintián perdeu ese protagonismo e as casas habitadas non chegan á media ducia e a imaxe que predomina é a do abandono e de casas comidas polas hedras do esquecemento.

E chegamos a Vaosilveiro, ao río Castro. Ata o outono de 2010 os peregrinos debían salvalo por uns trancos de pedra postos en 2000 pola Xerencia de Promoción do Camiño; pero construíron unha ponte, pouco agraciada por certo, que salva este punto conflitivo. Manuel Vilar fálanos da toponimia nesta zona que fai clara referencia ao cruzamento no pasado do río en barca como Agra das Barcas ou Agra de Tras das Barcas Vellas.

O Suso facilítame unhas fotos da sua peregrinatio antes de estar construida a ponte. O paso non era doado, pois o Castro é un río de réxime pluvial, o que fai que oscile o seu caudal por mor das precipitacións, e podías atoparte con algunha sorpresa á hora de pasalo…

Cruzamos a ponte sobre o río cabilando como debería ser facelo daquela, pois as pedras para facilitar o paso semellan estar sempre cubertas de auga e fanse perigosas para pasar. Supoño que cairía máis dun. Aínda así, coido que coa ponte este lugar perdeu parte do seu atractivo natural e evocador.

Na outra beira xa entramos no concello de Cee, e só queda subir ata Lires, unha aldea asentada nunha ladeira ao fondo da minúscula ría do mesmo nome e mirando cara ao areal de Nemiña e o monte Nen. Lires foi das primeiras aldeas en preocuparse por mellorar as condicións de vida dos seus veciños e o aspecto externo da mesma. Así, foi das primeiras aldeas en canalizar a auga ás casas, en mellorar os camiños interiores e en apostar polo turismo como alternativa á actividade agraria. Aquí hai xa máis de corenta anos que se abriu unha casa de labranza para o turismo e hoxe ten varios establecementos para acoller aos visitantes e peregrinos.

Nós aproveitámonos desta infraestrutura e damos por rematada a etapa de hoxe no restaurante do albergue As Eiras.

Logo de xantar, ainda percorremos a pequena ría de Lires para achegármonos ata a praia de Lires, algunha para darse un baño e outros para gozar das vistas de Nemiña, praia onde o poeta Eduardo Pondal escoitaba á fada Rouriz e estudaba o latín, pero nós, dende a terraza do chiringuito, optamos por un bo dixestivo… que fermosura!

De Lires a Fisterra

  • Distancia: 17,5 km
  • Desnivel: Baixo
  • Dificultade: Baixa


Quédanos un último treito para completar esta ruta e citámonos de novo nas Eiras nun sábado de agosto, pois hai gañas de rematar este tramo costeiro. Saimos tarde de Lires percorrendo en baixada a poboación, deixando atrás o templo de Santo Estevo (principios do s. XVII), santo “avogoso pas almorranas”, e acometendo a subida a Canosa por bos tramos sombríos, onde nos cruzamos na estreitez do camiño cunhas cantas vacas que ían camiño dos pastos. Non todo van ser peregrinos!

Ao pasar Canosa, xa no alto, queda ás nosas costas un camiño que vai dar á desembocadura do río Castro, xusto na praia de Lires. Segundo nos conta Manolo Vilar, este era un camiño que facían a pé os marineros de Fisterra cando viñan ata aquí a coller cangrexo para a pesca do polbo e os labradores co carro para buscar area á zona denominada As Pedras Miúdas.

O camiño lévanos entre fentos e cuberto de piñeiros ata Padrís. Á nosa dereita temos a inmensidade do Atántico que o podemos sentir e cheirar e, por momentos, ver, porque o camiño vai pola parte alta destes montes que na súa caída cara ao mar forman os cantís desta costa, pola que está trazada unha das rutas costeiras de sendeirismo máis fermosas que temos, o Camiño dos Faros.

A praia de Rostro dende Suarriba

En Padrís, coa praia de Rostro á nosa dereita o Suso saca peito pois xa estamos na súa casa, na parroquia fisterrá de Sardiñeiro. Atravesamos unha serie de aldeas por pistas de concentración ou estrada de asfalto que, segundo nos comenta Suso, abriron os veciños, non haberá corenta anos, pois non agardaron a que a administración llela fixese. A estrada non tiña outra finalidade que cruzar as agras nunha liña case recta, facendo unha curva pronunciada para buscar a ladeira na que se asenta Suarriba.

Castrexe, Suarriba, Buxán, Rial, Hermedesuxo… e DuioSan Martiño de Duio. A igrexa, xunto ao Camiño, é barroca de 1717 e está composta dunha soa nave con sancristía encostada. O nome de Duio remite á lendaria cidade de Dugium, mergullada baixo as augas por non dar creto á mensaxe do Apóstolo, na que só se salvaron dous bois e que foron a enterrarse no mar, coñecidos hoxe como os baixos dos Bois de Gures.

Duio aparece tamén citado no relato fundacional da lenda xacobea, o Códice Calixtino. Mandados pola raiña Lupa, ata aquí chegaron os discípulos de Santiago para solicitar licencia ao legado de Roma e poder enterrar ao Apóstolo, segundo cita o Códice Calixtino do século XII.

Mar de Fóra

A partir de Duio, apartámonos do camiño oficial que leva a Fisterra e continuamos a nosa andaina cara ao cabo pola Ínsua, o que lle deu unha dificultade engadida pois, a pesares de que comezamos a camiñar en Lires con chuvia, rematamos cunha calor abafante, e costa arriba… pero a chegada ao km 0 e o entorno do faro compensa todo o esforzo e celebrámolo con moita alegría! Lémbrome dos que comezaron o camiño e fixeron algunha das etapas connosco, e que hoxe non puideron acompañarnos, pero ao fotografarnos no mojón é como se estivéramos todos. Avante Fisterra!

Tomo un parágrafo de Manolo Vilar para pechar esta entrada e este camiño: Fisterra é o que o seu nome encerra: o fin da Terra, o punto que pon fin ao trazo dunha liña antes de que se dilúa no horizonte. E este punto no horizonte pon fin a unha realidade tanxible e permite todo o imaxinario e irreal. De aí tamén a atracción histórica que exerceu Fisterra, situando aquí mitos e lendas que hoxe seguen tendo atractivo para milles e miles de peregrinos que chegan ata este punto onde o sol mergúllase cada día no mar, algo que chama a atención e que fixo colocar aquí un templo para adoralo, algo que non pasa de ser tan só un mito, pero dá corpo á aparición de novos rituais que se pensa son de sempre.

  • Vilar Álvarez, Manuel. O Camiño a Fisterra. [Vigo] : A Nosa Terra, [2006?]
  • Vilar Álvarez, Manuel. El camino al fin de la tierra. [Santiago de Compostela?] : Asociación Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de los Caminos Jacobeos, D.L. 2010


Galería

De Muxía a Fisterra. Camiño de Fisterra


1 Comment

  1. Responder

    Marivi

    Pois eu estou a facer as miñas rutas por Cuenca, está todo seco pero a cidade está linda linda!!!. Veña, a seguir roteirando para que eu siga a aprender e disfrutar coa lectura das vosas “aventis”.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*