De Carballiño a Pazos de Arenteiro e Leiro


5.450 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (2 votos, media: 4.00 de 5)
Loading...

Esta fin de semana fomos ata as Terras do Avia, para facer o Roteiro do río Arenteiro. A ruta comeza no Carballiño e remata en Pazos de Arenteiro, 14 km pero, como tiñamos gañas de camiñar, continuamos ata Leiro, 5 km máis.

Pena de non poder visitar o auténtico símbolo do Carballiño, o Templo da Veracruz, obra do arquitecto Antonio Palacios, pois chegamos co tempo xusto de tomar un café e xa de seguido iniciamos a ruta á beira do Arenteiro, no Parque Municipal do Carballiño, xusto ao carón do balneario. Un dos principais atractivos turísticos do Carballiño é  a súa condición de estación balnearia. As instalacións do Gran Balneario de O Carballiño datan do ano 1900. Coñecido como “a casa de baños”, é un elegante edificio acristalado dun andar cunha gran galería con vistas ao río Arenteiro e unha torre almenada de tres andares. Unha magnífica arboleda con carballos centenarios e faias forman parte da conservada contorna do edificio.

Aínda no Parque fluvial do Carballiño, pasamos fronte á piscifactoría, onde están instalados os primeiros paneis explicativos da ruta e, seguidamente, pola enorme masa granítica coñecida como Pena dos Namorados; sen saír aínda do parque pasamos á beira do cámping, cuns bungalows “inspirados” nas pallozas (supoño eu), ata chegar ao Muíño das Lousas, onde cruzamos unha ponte de madeira con templete e onde abandoamos definitivamente as instalacións  do parque fluvial. Comeza aquí un fermoso treito con escaleiras e pasarelas colocadas estratéxicamente para salvar unhas escarpadas zonas rochosas que flanquean o río que, como nos lembrou Víctor, hai que pasar cos cinco sentidiños, pois é un tramo moi técnico, e moi fermoso!

Máis adiante abandonamos momentáneamente a beira do río, unha vez cruzada a ponte da estrada a Pontevedra, pasando agora por camiños veciñais de montes que se intercalan con pequenas hortas ata chegar a Ponterriza, pequena aldea que nos dá a benvida, unha vez cruzada a ponte, cun pequeno hórreo á esquerda a un cruceiro ben curioso á dereita, pois non se trata dun cruceiro que destaque pola súa arquitectura, nin é magnífico polo seu estilo escultórico ou polo seu tamaño fóra do corrente. Se non fora polo seu pedestal, apenas chamaría a atención, pois hai esculpidas en releve unhas figuras, que son precisamente as que lle confiren a súa rareza e distinción. Disque se trata dunha representación puramente simbólica que se refire ás tres clases sociais da Idade Media: a nobreza, o clero e os servos. Os laterais están decorados con gravados de serpes. Pero a sorpresa non acabou aquí, pois ao saír da aldea encontrámonos con dous fermosos conxuntos de hórreos, supoño que comunais, moi ben conservados.

Deixamos hórreos e colmeas e adentrámonos nun fermoso tramo de bosque ata chegar a unha carballeira que hai na entrada de Moldes, onde está a igrexa nova de Moldes. Aquí atopeime coa casa de Chamoso Lamas (grazas Naza!), gran estudoso da arte galega. Neste lugar é obrigado subir visitar a igrexa románica de San Mamede de Moldes, que se eleva sobre o cumio dun antigo castro. Na capela lateral encontranse os restos do escritor Antón Losada Diéguez. Xa listos para seguir camiño, foi neste tramo o único momento da ruta onde nos choveu un pouco, xa que escampou antes de chegar a Paradela de Moldes.

En Paradela (creo que é onde ten a casa José Luis Cuerda), temos ante nós un profundo val, por onde baixan as augas do Arenteiro, ao que chegamos en permanente descenso a través dun tupido bosque, que nos levará ata a fermosa ponte medieval coñecida coma Ponte do Castro (Castro Cavadoso), onde volvemos cruzar o ruidoso Arenteiro, tras a que nos agardou a subida máis longa e prolongada da ruta. Unha vez arriba, chegamos á estrada na que hai que torcer á dereita e baixar un pouco polo asfalto ata chegar a Cimadevila, onde se ve á dereita o impresionante Pazo dos Mora. De aquí a Cabanelas uns 900 m de descenso. Cabanelas é un lugar de socalcos orientados ao sur, terra de viño tinto, non sí Suso? Destaca a igrexa e o seu cemiterio e aproveitamos o seu adro para comer e repoñer forzas, rodeados de paisaxe e nun extraordinario entorno moldeado pola actividade humana durante séculos.

De Cabanelas saímos rumbo a Pazos de Arenteiro. Logo dunha pequena conversa cuns veciños que estaban a traballar as viñas, e que tivemos que despedirnos apresuradamente pois o grupo non agardaba, metémonos por un espectacular camiño de baixada ata chegar á Ponte de Pazos de Arenteiro, onde agardamos para descansar un chisco e reagruparnos. Como xa fóramos en febreiro dende esta ponte, pasando polo pozo dos Fumes ata a Ponte da Cruz, xa no Avia, e a tardiña víñasenos enriba xa que íamos un pouco fóra de tempo, dirixímonos ata Pazos, onde chama a atención a espectacularidade das súas casas señoriais, pois había xente do grupo que non o coñecía.

A chegada a Pazos de Arenteiro foi sorprendente. Unha vez aquí, como aínda tiñamos folgos continuamos ata Leiro por un fermoso camiño entre bancais e aldeas abandoadas, o que supuxo camiñar 5 km máis. Como este tramo xa o fixemos a primeiros de ano, non fago descrición “pormenorizada” del, unicamente insistir na beleza do mesmo e remitirvos ao post que fixen daquela. Xornada completa e redonda!

Ah, deséxovos un bo Nadal, unhas inmellorables festas e un bo comezo para o ano entrante. Recibide unha forte aperta e os meus máis sinceiros saúdos!


Ver De Carballiño a Pazos de Arenteiro e Leiro nun mapa máis grande



Galería

De Carballiño a Pazos de Arenteiro e Leiro


1 Comment

  1. Responder

    Victor

    Unha zona abraiante, sempre. Tanto pola súa riqueza natural, a súa paisaxe, a súa arquitectura, a historia….

    Antes ou despóis voltaremos, xa que aínda nos quedan moitos tesouros naturais por descubrir alí.

    Víctor

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*