De Cangas de Onís a Covadonga


316 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (4 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...

Preme nas imaxes para velas a tamaño completoDatos técnicos


Esta ruta é a última etapa do GR 105, tamén coñecida por Ruta das Peregrinacións, que vai desde a case descoñecida capela de Covadonga en Oviedo ata o Santuario de Covadonga. Non sei como serán as etapas anteriores, supoño que fermosas, pero esta última é un pésimo camiño para aqueles que teñan como único obxectivo a peregrinación. A pesares do bo estado dos camiños, o desnivel acumulado, e sobre todo a cantidade de lameiros cos que nos atopamos no último treito, xa en descenso, coido que non é unha boa opción para aqueles que queren ir de promesa a Covadonga. Iso si, toda a ruta ten un alto interese paisaxístico e natural excepcional. Unha marabilla!

É un percorrido que vai pouco a pouco cambiando de paisaxe. Comeza xunto á ponte romana de Cangas, en forte subida, ata chegar ao Parque nacional dos Picos de Europa, rematando no santuario de Covadonga. Non é aconsellable realizar esta ruta sen GPS pois, a pesares de estar sinalizada, hai puntos ao longo do percorrido nos que te podes desorientar.

Comezamos a camiñar…

Para enfrontármonos a estes últimos quince quilómetros do GR-105 madrugamos, e fixemos madrugar á posadeira do albergue da Casa de la Montaña en Avín (Onís) para que nos dera o almorzo, pero aínda así o tempo botóusenos enriba ata que nos deixou o bus en Cangas.

Comezamos así a andaina ao pé da ponte sobre o Sella, o puentón, unha ponte medieval á que se lle engadiu en 1939, no centro do o seu gran arco central, unha gran Cruz da Vitoria, símbolo de Asturias, coincidindo co regreso da imaxe da virxe de Covadonga desde París trala guerra civil.

Nada máis sair de Cangas afrontamos unha dura subida, xa cunha calor importante, practicamente ata o pobo de Següencu. Subimos entre un mar de nubes que pouco a pouco vai desaparecendo e permítenos admirar impresionantes panorámicas, destacando as que miran cara ao Parque natural de Ponga, co seu impoñente Tiatordos, no que estivéramos en marzo do ano pasado.

Ao chegar a Següencu agradecemos infinito cambiar a auga que levamos pola que sae da fonte na que nos refrescamos, presidida pola imaxe da santina coa seguinte lenda “Bendita es La Reina de nuestras montañas que tiene por trono La Cuna de España”. Ahí queda iso!

Continuamos o percorrido por pistas entre pradeiras cercadas para os animais, anque un xa non sabe se estes teñen que estar dentro ou polos camiños como nolos atopamos máis dunha vez. Unha gozada! O forte calor non impide que vaiamos apreciando ao longo do percorrido como vai cambiando pouco a pouco a paisaxe, ata que entramos no Parque nacional dos Picos de Europa.

O Víctor reúnenos, coido que en El Paseru, un punto perfecto para explicarnos a paisaxe que se abre ante nós e que coñece case como a palma da man: os Picos de Europa. Situados na parte central da Cordilleira Cantábrica, a súa proximidade ao mar fai que sexa pródigo en accidentes xeográficos de gran interese. Está dividido en tres partes, o macizo Occidental ou Cornión, o macizo Central ou dos Urrieles, e o macizo Oriental ou de Ándara. Nós temos diante o occidental, onde destaca a Peña Santa, que cos seus 2596 m de altitude supera en 110 m á seguinte cima de este macizo, a Torre de Santa María ou Torre Santa de Enol (2468 m). Os ciclistas do grupo, Xerardo e Raúl, divisan dende aquí a temible recta de La Huesera, a rampa máis dura do ascenso aos Lagos, con tramos de entre o 12% e o 15%. Só pensar no ascenso e coa calor apretando sinto que hai que moverse xa!

Os últimos cinco quilómetros, a baixada cara ao santuario, resultaron máis penosos do previsto e houbo que tomalo con calma. O sol, o desnivel que tivemos que afrontar, unido a partes do terreo moi húmidas, encharcadas, e profundos lameiros, tiveron a culpa. Como dicía Margarita, esta baixada vai ser unha referencia cando afrontemos outra parecida, pero difícil de igualar. Despois de descansar un pouco e tomar algunha cousiña para darnos forza (a min só me entraron dúas pezas de froita que levaba), seguimos o noso camiñar ata que divisamos Covadonga.

Toda a tranquilidade que tivemos por estes montes esfumouse ao chegar ao Real Sitio de Covadonga, pois ver o gran número de coches e xente que por alí pululaba (case me lembrou a Santiago), fixo que a visita ao santuario fora feita a escape; síntoo, pero entre a calor sofocante que tiñamos e o pouco tempo que tivemos para visitala, só deu para achegarnos ata o santuario e logo tomar unha cervexa (e media máis compartida co Xerardo), antes de iniciar o regreso a casa, pois agardábanos case cinco hora de autobús.

De volta no bus, imos contemplando algunha das fermosas contornas montañeiras polas que transitamos e admiramos pola mañá e que nos deixou cansos, pero con bo sabor de boca ou, ao chegar a Arriondas, pola beira do Sella ateigado de canoas, polo que remáramos o día anterior. Realmente foi unha fin de semana bonita, pois permitiume afondar máis no coñecemento de Asturias e manter ou estender as relacións persoais cos nosos compañeiros de fatigas… pagou moito a pena este desprazamento!



Galería

De Cangas de Onís a Covadonga


Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*