De Camelle a Cabo Vilán. Camiño dos Faros


478 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (6 votos, media: 4.83 de 5)
Loading...

Datos técnicos da ruta

Seguimos a percorrer o Camiño dos Faros. Comezamos a andaina en Camelle, onde rematamos a etapa anterior. O percorrido lévanos por Arou, Area Lobeiras, Porto de Santa Mariña, enseada do Colludo, Monte Veo, enseada do Trece, praia da Balea e alto da Pedrosa ata cabo Vilán. Hoxe trátase dunha etapa fácil  e sinxela pero inclúe algúns dos puntos máis especiais de todo este camiño: o Cemiterio dos Ingleses, a duna de Monte Branco e o faro de Cabo Vilán.

Pero a andaina de hoxe tamén ten unha particularidade, pois hai xustamente dez anos que o grupo de sendeirismo da USC fixo este mesmo tramo, pero ao revés, de Vilán a Camelle, tal como me comenta Suso, e que ten gravada aquela ruta como “unha das dez mellores” seguramente axudada polas condicións de inverno e do estado da mar tan espectaculares que tiveron. As fotos pasoumas Suso e decidín facer unha comparativa coas de hoxe.

O porto de Camelle, inverno de 2007. Foto de Suso

 

Comezamos a camiñar…

O punto de partida en Camelle facémolo no espigón, diante do museo ao ar libre de Man, lugar no que Man, Manfred Gnädinger, realizou ao longo dos anos un xardín-museo, único xardín mariño de esculturas no mundo. O Prestige levaba xa máis dun mes botando chapapote cando el morreu e a súa obra en pedra, labrada á beira do mar, sufría a destrución do mesmo xeito que tantas praias da costa. Quen o coñeceu di que Man se deixou morrer de pena, ao ver a destrución do lugar que escollera para vivir corenta anos antes. A obra que persiste na actualidade non representa o seu estado orixinal, devastado por mor do vandalismo e das últimas catástrofes climatolóxicas da zona, e as obras expostas esmorecen baixo o abandono.

Desde alí tomamos unha senda que percorre toda a costa ata Arou. Dende a saída do porto de Arou percorremos por unha senda costeira a Enseada de Xan Ferreiro que remata nun mirador na Punta Percebeira, desde o que temos unha vista privilexiada de todo Arou, tendo aos nosos pés a Praia de Lobeiras, unha pequena praia situada nesta contorna salvaxe, cunhas poucas lanchas e unhas casetas de pescadores que afean bastante o entorno… e onde está o sillón máis bonito do mundo! No entorno da praia vemos rocas e entrantes que foron testemuña muda de moitos naufraxios nestas costas.

Case sen deternos, continuamos cara o porto de Santa Mariña. A paisaxe pola que imos é espectacular, lembrándome ao treito que hai entre Traba e Camelle: pedras agrupadas que forman espazos únicos, pequeños coídos espectaculares… unha manchea de rocas, cada unha co seu nombre: O Pelouro, Os Boliños, Os Portiños, Pedra do Sal…

Despois de tanta beleza albiscamos o porto de Santa Mariña, bastante retirado, cun espigón que protexe as embarcacións menores que hai fondeadas e unhas chabolas feitas de calqueira maneira e sen nengunha orde, o que o convirte nunha paraxe francamente mellorable. Ordenar este tipo de instalacións por parte de Portos de Galicia con arreglo ao entorno debería ser prioritario. Detémonos a falar un pouco cun mariñeiro que está a cortar o cebo para o polbo, fundamentalmente xurelos e bogas (como cheiran as condenadas!), e que nos fala do duro que é o traballo no mar, pero que non o cambiaría por nada… e tamén apreciamos unha gran actividade ao longo desta costa: percebeiros, pescando con canas, pescando mariolas, de escaso interese pesqueiro… pero creo que a empanada delas está de fábula!

Saindo do porto de Santa Mariña xa divisamos o Monte Branco, pero nós non o imos subir. Víctor explícanos os motivos desta decisión cando chegamos ao seu pé: Estamos nun espazo de altísimo interese natural e paisaxístico, Quizáis é o punto máis importante do Camiño dos Faros dende o punto de vista medioambiental. Todo o monte en sí é unha duna, unha duna rampante, un dos mellores exemplos de duna rampante da Penísula Ibérica, e unha das máis altas de Europa con máis de 150 metros de altura. Quere isto dicir que o vento empurra a area monte arriba, dende abaixo, e considera acertadamente que o paso de grupos numerosos por ese enclave pode afectar de xeito moi negativo ao ecosistema, xa que no descenso pódense arrastrar enormes cantidades de area cara abaixo alterando o labor que fai o vento.

A caramiña dá a finais do verán, un froito branco que parece unha perla

Tamén pode repercutir sensiblemente na flora que coloniza diferentes zonas da duna, como a caramiña (corema album), que dá nome a Camariñas, unha planta que se adapta perfectamente a estas condicións extremas, hoxe en perigo de extinción. Por iso, apostando pola medicina preventiva, mellor que a curativa, decidimos sairnos do trazado orixinal do Camiños dos Faros (creo que xa non vai subir pola duna), e rodear o Monte Branco, pegados ao mar, por un sendeiro de pescadores, que leva aí anos e que minimiza de xeito considerable o impacto sobre a duna. Este tramo é curto, de certa dificultade, e pode ser vertixinoso polo que compre prestar atención, pero non maís que outros polos que xa pasamos no Camiño dos Faros, e ademáis ten unha enorme beleza. Deste xeito tamén aforramos desnivel, tanto de subida como de baixada.

Unha vez bordeado o monte chegamos á enseada de Trece; o percorrido, aínda que vai todo o tempo pegado á costa, ten variedade de paisaxes que son dunha extraordinaria beleza: cantís, coídos, praia…. polo que decidimos facer parada para xantar e descansar sobre unhas rochas enriba do mar case ao final da mesma, tendo para nós sós todo o monte Branco, destacando a súa enorme língua de area que sube monte arriba (quero insistir na súa importancia e na súa conservación por ser a formación xeomorfolóxica máis importante do concello de Camariñas), e a enseada e ás nosas costas o Cemiterio dos Ingleses. Unha marabilla!

E aquí estamos, entre o Cabo de Tosto (ou de Trece), onde se sitúa o cemiterio, e Cabo Veo, contemplando a Enseada do Trece, o inquietante escenario da traxedia do Serpent, un espazo de litoral salvaxe que hai que disfrutar e preservar.

Creo que non hai case ninguén en Galicia que non oira falar nunca do Cemiterio dos Ingleses, un austero pero evocador recinto de pedra granítica, case perdido nun dos lugares máis bravos desta costa, que lembra por que é chamada da Morte. Poucos cemiterios haberá no mundo máis afastados do mundanal ruído que o Cemiterio dos Ingleses.

Cemiterio dos Ingleses no inverno de 2007. Foto de Suso

Os frecuentes naufraxios fan que todo o litoral estea plagado de cruces e historias de barcos afundidos e mariñeiros afogados ante a violencia do mar. O lugar é un monumento de recordo a todos os náufragos desta costa, foron 8 os naufraxios na zona e 245 as vítimas que cobrou o mar pero a más fatídica foi a do cruceiro torpedeiro HMS Serpent, nos baixos de Punta Boi en 1890. Durante os días posteriores á traxedia, o mar foi devolvendo os corpos dos 172 homes do Serpent. O cura de Xaviña axudado polas xentes do pobo deron sepultura aos corpos no chamado Cemiterio dos Ingleses moi preto do lugar do naufraxio.

O almirantazgo inglés agasallou ao pobo de Camariñas, en agradecimiento polo seu comportamento, cun barómetro (instalado nunha casa, enriba do porto de Camariñas), ao cura de Xaviña cunha escopeta, e ao alcalde cun reloxo. Nos sucesivos anos do naufraxio, cada barco inglés que pasaba por esta costa, disparaba unhas salvas en honor aos homes que pereceron nese naufraxio e lanzaban unha coroa de flores.

A partir da traxedia do Serpent, iniciáronse unha serie de reformas para mellorar a navegación neste litoral, como a construción do novo Faro Vilán, pois o Faro Vello de 1854 manifestouse claramente inútil, que se nos amosará unha vez bordeemos Punta Boi, dende onde contemplaremos por primeira vez o mítico Cabo Vilán.

Camiñamos agora por pista cómoda, que nos permite ir vendo a nova paisaxe, sempre co faro presente no que queda de percorrido. A contorna é impresionante. Fronte a el, o illote de Vilán de Fora, o vento, presente case todos os días, esculpe as rochas dos arredores formando figuras das máis variadas formas.

O grupo de sendeiristas da USC no 2007 ante o cabo Vilán. Foto de Suso

En 1896 inaugúrase na súa ubicación actual o primeiro faro eléctrico de España, supoñendo unha notable melloría para a navegación. O edificio que servía de vivenda para os fareiros e as súas familias está separado da torre por un túnel pechado de escaleiras. Visiteino hai moitos anos e subín ata a linterna, pero na actualidade só se pode visitar o museo, onde veremos antigas ópticas e outros elementos da historia do faro, un centro de interpretación dos naufraxios, a sala de exposicións e unha cafetería.

Unha vez completada a visita ao faro e admirar o seu entorno, un dos puntos claves deste Camiño dos Faros, iniciamos o regreso deixando ás nosas costas un fermoso solpor. Un día para enmarcar!

Como en percorridos anteriores, baseámonos na completa descrición que fai da etapa de Arou a Camariñas o Camiño dos Faros, ao que hai que agradecer a promoción desta fermosa zona. Déixovos tamén o enlace ao himno camariñán por excelencia, esta vez interpretado por Luar na Lubre e con imaxes desta  fermosa zona que percorremos hoxe.


Vídeo


Galería

De Camelle a Cabo Vilán. Camiño dos Faros


2 comments

  1. Responder

    Eduardo

    Muy interesante el reportaje. Gracias por compartirlo, las fotografías son realmente buenas. Espero poder realizar esta ruta en breve

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*