De Cádavos a Moimenta e o Trilho da Calçada – 20/05/2017


268 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (4 votos, media: 4.75 de 5)
Loading...
Preme nas imaxes para velas a tamaño completo

Póutega, Cytinus hypocistis, que relucía baixo a xesta que atopamos. É a primeira vez que vexo esta rareza de planta, cada día máis escasa

Visitamos o parque natural do Montesinho, situado no noreste de Portugal, preto do concello ourensan da Mezquita. O Parque Natural de Montesinho é un dos maiores parques naturais dos doce existentes no país veciño. Está situado na rexión de Trás-os-Montes, e cobre a parte norte dos municipios de Bragança e Vinhais, que forman parte da denominada Terra Fria Transmontana. Goza toda a zona dun interesante valor ambiental e paisaxístico e, segundo a revista National Geographic (n. 45, decembro 2004), “Ningunha outra área protexida expresa mellor o contraste das estacións como Montesinho” e, non sei como será nas outras estacións pero na primavera loce espectacular!

 Estivemos aloxados en Vinhais, no hotel Vinhais e a cea degustámola no restaurante Vasco de Gama, moi preto do hotel, onde nos ofreceron un menú a base de entrantes típicos da zona, carne de vitela e cordeiro grelhada e postres, moitos postres. Un espectáculo!

De Cádavos a Moimenta

Comezamos camiñando en Cádavos no concello da Mezquita, aínda dentro de Galicia. Á saída da aldea vexo un cartel que informa sobre o camiño ata o penedo dos Tres Reinos e a Ruta da Pana.

O camiño ata o Penedo dos tres Reinos, duns 3,5 km de percorrrido, vainos descobrindo unha variedade de paisaxes que vai ser unha constante ao longo do día. Soutos, carballeiras, terras abertas con plantacións de cereais, terras de pastoreo… e todo isto adubado cunha multitude de sons e gran variedade faunística.

A Fraga dos Tres Reinos é unha elevación montañosa que na época medieval era o punto fronteirizo entre os reinos de Portugal, León e Galicia; sitúase pois na fronteira, entre a freguesía de Moimenta, no concello de Vinhais (Portugal), o concello de A Mezquita, e o concello de Hermisende, na provincia de Zamora.

É un símbolo que permanece vivo na pedra e na memoria porque, a pesares dos límites administrativos, a realidade levou a continuar fomentando as relacións humanas e económicas a ambos lados da raia. Contábanos Carlos Casares na Marxe do 28 de agosto de 1992 en La Voz de Galicia “un episodio sucedido hai anos nas terras da Limia, onde meu tío exercía de médico rural. Unha mañá terrible de frío, auga e vento ó meu tío entroulle polo patio adiante unha grea fantasmal de homes mollados e aterecidos con barba de dÏas, moitos deles enfermos e con febre, e todos cheos de fame e miseria.

Eran portugueses que ían camiño de Francia. Un negreiro tiña comerciado con eles. Despois de cobrarllles un anticipo, tróuxoos dando tumbos e voltas polos montes, camiñando en forma de zig-zag, para que pensaran que a ruta era longa, pero sen avanzar máis de doce quilómetros en varios días. Finalmente situounos fronte ó canal de desaugue da Lagoa de Antela e díxolles que Francia estaba do outro lado.”…. Como lle desexaba Casares aos negreiros, ogallá gasten os cartos gañados en medicinas! Canta miseria!

A pesar de que hoxe en día os tres reinos que dan o nome á fraga xa non existen, a súa vella e secular designación mantívose inalterada. Alguén fai o comentario de que non hai restos de fraga ningunha, pois estamos ante un espazo diáfano sen ningunha vexetación arbórea destacable. Como corresponde aos dialectos galego-surorientais, o vocábulo fraga é un equivalente de penedo, rocha, con correlatos no trasmontano fraga. Fragua semella unha deformación popular. De ahí esta denominación.

Pola Fraga dos Tres Reinos pasaba a Ruta da Pana, ou Ruta Bragantiña, ten a súa orixe en Bragança, onde se cultivaba e tecía o liño en grandes produccións, que servían para facer pana. Para a súa comercialización, o liño tiña como destino Barcelona, onde se confeccionaba. Esta ruta partía de Bragança, pasaba por Vinhais, Moimenta e cruzaba a fronteira, entre os pobos de Cádavos e Manzalvos, onde existía unha aduana, moi singular, por ser o único paso fronteirizo do país adicado ao paso da pana. Hoxe séguese a utilizar esta ruta por peregrinos portugueses da zona para enlazar coa Vía da Prata.

Unha vez aquí pasamos “a raia” e só queda chegar ata a localidade portuguesa de Moimenta.

Sigo dándolle voltas á literatura e pregúntolle a María se Méndez Ferrín en Arraianos fai algunha descrición desta zona tan particular, e coméntame que no relato “Medias azuis” aparece así descrita esta terra onde viven os arraianos, e dúas mozas protagonistas deste relato…” Habitaban unha terra irta, montesa, fría, na que corría o corzo e se movían arrebaños de pericas, coma nubes soltas. Terra fría non dá pan. Por unha corga embaixo, cruzada polo carreiro mallado do lobo, caía o camiño pedrado en prácidos relanzos. Logo estaban as casas da aldea…”
Sen decatarnos, chegamos a Moimenta, onde decidimos xantar antes de continuar camiñando. A aldea semella deserta pois á hora á que chegamos fai pensar que os seus habitantes están botando a sesta…

Trilho da Calçada

  • Lonxitude: 7 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

O percorrido insírese no límite setentrional da freguesía da Moimenta da Raia, ofrecendo unha panorâmica da paisaxe raiana que se abre por enriba da serra da Coroa, encravada en territorio español. É un percorrido circular de cerca de 7 km que se desenvolve en función dos cursos do río Tuela e, secundariamente, da ribeira da Anta, o seu afluente. Antes de entrar nas abas deste val, discorre na vasta planicie que se estende a norte da poboación da Moimenta.

O primeiro punto de interese do percorrido é o miradoiro de observación. Dende este espazo, marcado polos afloramentos graníticos que durante séculos foron explotados para cantería, observamos o cobertor vexetal, constituido por matogueiras, xestas, uces, carqueixas, tomillo… O alcance da vista esténdese por todo o val do río Tuela e a serra da Coroa, ao sur. Comezamos a descender por un camiño pouco transitado ata o fondo do val do Tuela.

Xa no descenso, e pouco antes de chegar á ponte do Couço tivemos a gran sorpresa da xornada. Suso, Suso, mira que atopamos! Berramos chamando polo home que levaba anos atrás do que lle íamos ensinar. Achegouse apresuradamente subindo, pois xa estaba case na ponte, e ao chegar onda nós, apuntamos co dedo baixo unha xesta: Temos un achádego!

Dous pés de póutega, Cytinus hypocistis, relucían baixo a xesta que trataba de apartar María. Era a primeira vez na miña vida que podía ver esta rareza de planta, cada día máis escasa, segundo me contaron. As póutegas foron moi buscadas en tempos pola rapazada para chucharlles os zumes azucrados que disque deixan un certo regusto ao mel. Deron en ser chamadas, por iso, “mel do raposo”. Pero non é a única expresión que a nosa lingua ten para tan extraña planta. Suso dixo que en Sardiñeiro, polo Sixto, chamábanlle manteigheiras, e salta Placer dicindo que en Vila de Cruces chamábanas patas de vaca… e aínda hai infinidade de nomes: apóutegas, chuchameles, melgas, potas… e en Moimenta Maias!

Mira que fomos na busca dun tesouro en moitas rutas, e por fin atopámolo nesta terra fria que non da pan pero si ese doce e amarelo tesouro que se agocha debaixo das xaras e xestas!

Cruzamos o Tuela pola Ponte do Couço, que corre por un cauce granítico semellando que o val é aquí bastante encaixado, cuberto por ameneiros, salgueiros, freixos, chopos… e toca ascender polas costas do Alto de Parada, máis húmidas e frías que as que vimos de descender, atopándonos con pequenas matas de carballos, que nesta rexión chaman touças. Outra especie arbórea con presenza case constante ao longo do percorrido é o castiñeiro, con soutos que se ve que se aproveitan anualmente do seu froito.

ponte d’Ás Viñas é unha obra de arte de técnica medieval, que integra un antigo camiño, importante polo empedrado que vemos neste tramo. Cruzando o río novamente por esta ponte e iniciando a subida pola calzada dende onde observamos, no fondo do val, prados de regadío, moitos deles en proceso de abandono. En días solleiros como o de hoxe, non é raro atoparnos con réptiles como lagartos ou cobras, como a que se lle cruzou María, pois desaparecen á mínima percepción da presenza humana, meténdolle un susto no corpo que lle durou ata que chegou á Moimenta.

No último tramo, a subida a Moimenta discorre entre leiras muradas, onde se fan cultivos de regadío. Acubillámonos na sombra da igrexa matriz de Moimenta, baixo a advocación de San Pedro, onde damos por rematada a andaina, o que nos permite percorrela con calma e admirar esta obra arquitectónica, de inicios do s. XVIII, de inspiración manierista e barroca.

Aínda queda tempo para perderse un pouco e descubrir a propia aldea de Moimenta, apreciando a súa arquitectura, con fachadas de granito en case todas as casas.

Maís información sobre o Trilho da Calçada: http://www.icnf.pt/portal/turnatur/visit-ap/pn/pnm/pr7-calcad


Galería

De Cádavos a Moimenta e o Trilho da Calçada – 20/05/2017


4 comments

  1. Responder

    marivi

    Os bichiños estaban todos agardando a que lles fixeras a foto, mira o sapo como posa!!!!
    A fotografía do río é espectacular!!!, gustaríame poñela coma fondo de pantalla, falaremos

  2. Responder

    Rocío Ramos

    Cuánto tiempo hacía que no caminaba con vosotros y cómo lo disfruté….El sol, el parque, la compañía, las risas de la cena, las mariposas… Un gusto todo!!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*