De Cabo Vilán a Ponte do Porto. Camiño dos Faros


199 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (2 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...

Preme nas imaxes para velas a tamaño completoContinuamos a percorrer o Camiño dos Faros onde rematamos a última andaina, no cabo Vilán. O primeiro teramo do percorrido vai pegado á costa, por zonas de cantís, ata chegar á capela da Virxe do Monte, onde podemos gozar dunhas estupendas panorámicas. Dende aquí continuamos ata a localidade de Camariñas; máis adiante, xa na parroquia de Xaviña, bordeamos o monte da Insua ata a praia do Ariño. Dende aquí xa quedan poucos quilómetros ata Ponte do Porto.

É un percorrido cun alto interese paisaxístico e non ten maiores dificultades, agás algún tramo inicial onde hai que ir amodo.

Comezamos a camiñar…

Reagrupámonos ao pé do fermoso faro de Vilán (para min un dous máis bonitos que temos en Galicia, se non o que máis). Este faro é un dos máis característicos da Costa da  Morte. O enclave natural no que se asenta é espectacular. É difícil esquecerse da súa altura e da súa adaptación ao terreo, na que a casa do fareiro está separada da torre e comunicada por un túnel con 250 escaleiras. O naufraxio do HMS Serpent en 1890 acelerou a contrucción do actual faro e o seu paso á categoría de primeira, como o de Fisterra ou o das Illas Sisargas. A catástrofe tamén motivou que fose o primeiro faro electrificado de España (1896).

Iniciamos a andaina co ascenso ata a construción do faro vello (1854), que quedou moi pronto en desuso pola mala ubicación do mesmo, e de aquí comezamos a descender ata a piscifactoría de rodaballo. Desde a piscifactoría imos por unha senda costeira duns sete quilómetros que nos achegará primeiro ata a capela da Virxe do Monte e logo ata o porto de Camariñas.

O día non pode ser mellor para camiñar e, a pesares de que aínda non entramos na época dos fortes temporais invernais, hai certo mar de fondo que nos regala grandes ondas que rompen contra as rochas e esmorecen nos coídos provocando un mar cheo de escuma branca. O percorrido, aínda que vai todo o tempo pegado á costa, é cómodo e ten variedade de paisaxes que son dunha extraordinaria beleza: cantís, coídos, praias….

A Ermida da Virxe do Monte foi construída no XVIII no alto do Monte Farelo, sobre as ruínas dunha capela anterior. Sinxela e dunha soa nave, destaca polos contrafortes que ten no lado norte. Paga a pena facer un descanso e admirar a paisaxe que temos ao noso redor, pois non só estamos ante outra espectacular vista da Costa da Morte, senón que tamén vemos as próximas etapas deste Camiño dos Faros cara ao sur.

Continuamos camiño cara a boca da ría de Camariñas, divisando Muxía no medio da bruma á nosa dereita, que nos manda un saúdo en forma ondanadas de bombas de palenque dende A Barca, da que apreciamos perfectamente a súa silueta. Durante o cómodo traxecto podemos gozar dunhas vistas privilexiadas de toda ría.

Despois de regresar ao camiño que deixamos para achegarnos ata a ermida e pasar polas praias de Lago e Portocelo, entramos en Camariñasun dos portos máis importantes da Costa da Morte, e percorremos o seu paseo costeiro.

Xa falei na etapa anterior da traxedia do Serpent, nos baixos da Punta do Boi e do Cemiterio dos Ingleses, case perdido nun dos lugares máis bravos desta costa. Pois en Camariñas tamén quedan pegadas desta traxedia. Xa camiñando pola vila, achégome ata a casa enriba do porto, onde o almirantazgo inglés agasallou ao pobo camariñán cun barómetro, en agradecemento polo seu comportamento (e ao cura de Xaviña cunha escopeta, e ao alcalde cun reloxo… ). Coido que este tipo de detalles deberían poñerse máis en valor e ter o entorno do barómetro máis coidado. Supoño que o motivo é que a casa está á venda.

Pero Camariñas tamén é coñecida polos seus encaixes. Labor típica das mulleres da Costa da Morte, o encaixe de Camariñas é coñecido a nivel internacional grazas a estas mulleres que manteñen viva unha tradición ancestral. Andar polas súas rúas e escoitar o repique dos palillos contra a coira deixan a un engaiolado co son e coa rapidez coa que palillean.

Continuamos polo paseo que bordea a conserveira Cerdeimar e cruzamos a Praia de Area da Vila, xa na saída de Camariñas. Ao outro lado do areal, tomamos una pequeña senda que nos leva ata a Praia de Lingunde. A partir de aquí percorremos toda a parte norte da Ría de Camariñas, cunhas paisaxes máis suaves que na primeira parte do percorrido e iremos por fermosas aldeas que nos van a dar outra visión da ruta.

Xa nos metemos entre piñeirais na Enseada da Basa, de gran riqueza marisqueira, onde vemos como nos pequenos areais advírtesenos da prohibición de mariscar, pois aquí seméntase e recóllese ameixa fina, babosa, berberechos, navallas e longueiróns, un bó sustento para a economía da zona.

Ao pouco de sair de Xaviña decidimos facer a parada para xantar e repoñer forzas admirando o outro lado da enseada que acabamos de percorrer. Quédanos bordear o monte da Ínsua, practicamente todo por pista cómoda entre piñeiros ata as praias da desembocadura do Río Grande. Cruzamos a Praia de Ariño, cunha envexable zona de descanso. Unha pequena parada permítenos ver, en fronte, a praia de Area Branca, xa no municipio de Muxía, pola que andaremos na seguinte etapa.

Só queda cruzar a estrada, por onde está o Bar Ariño para adentrármonos no rural deste concello por Tasaraño, onde a súa fermosa fonte nos lembra que estamos a pasar moita escaseza de auga, pois só bota por un dos dous canos. O conxunto é moi fermoso ao que axuda un castiñeiro de indias e un hórreo de pedra como os moitos que imos ver en todo o percorrido dos faros. Pasamos por  Dor, outra aldea típica da Galicia que está esmorecendo, e que conserva restos dun pasado que non deberíamos esquecer.

Labores de recollida de millo xa entrando en Ponte do Porto, poñen fin a outra xornada por este camiño espectacular que, a pesares de que é unha ruta litoral, nalguns tramos como este, non queda outra que meterse polo interior, pero que paga moito a pena.

Como en percorridos anteriores, baseámonos na completa descrición que fai do final da etapa de Arou a Camariñas o Camiño dos Faros, e na primeira parte da seguinte, de Camariñas a Muxía ao que hai que agradecer a promoción desta fermosa zona.


Vídeo




Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*