De Cabana de Bergantiños a Laxe. Camiño dos Faros


545 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (2 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...
img_8772-praia-de-laxe

Percorrendo os máis de dous quilómetros de branca e fina area da Praia de Laxe

Pasado Vilaseco, lugar batido polo aire
no alto da costa de Uces de montesía canle;
pasado Vilaseco, indo pola Gandra adiante,
xa vía desde lonxe o dolmen de Dombate.
—Eduardo Pondal (1885)

Pouco a pouco imos completando pola nosa conta etapas do Camiño dos Faros. En decembro pasado quedáramos en Cabana e tocaba agora írmonos ata Laxe dando unha pequena volta. Quizais sexa esta a etapa menos costeira de todas, pero non por iso menos interesante.

O itinerario comeza mesmo en Cabana, no paseo marítimo. Ao pouco cruzamos a estrada para tomar a senda que vai á beira do Rego dos Muíños. Pouco a pouco vai subindo monte arriba, ata chegar case ata o castro de Borneiro, sen dúbida unha das mellores mostras castrexas do país. Logo a ruta segue ata o dolmen de Dombate, tamén un dos mellores exemplos da cultura megalítica. Máis adiante subimos o monte do Castro, un miradoiro sublime sobre a ría de Corme e Laxe. Dende aquí temos que baixar, pasando polas aldeas de Arnela e Canduas, para acadar novamente a costa. Esta segunda parte da ruta é totalmente diferente. Camiñamos todo o rato por sendas de pescadores, pegados ao mar ata chegar a Laxe.

  • Lonxitude da ruta: 21 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media-alta

Non tiven a oportunidade de ir facer a ruta co grupo de sendeirismo da USC, pois ando un pouco feble, pero agardo estar para as vindeiras etapas; ademáis consólome pensando en que máis da metade xa a fixen, e a zona téñoa bastante pateada. Pero iso non quita que vos poida amosar parte do correo que me remitiu Suso; déixovos o seu relato e as fotos que me mandou, das que poño unha escolma da totalidade. Agardo que vos gusten.

“Ola Fran, tivemos moita sorte co tempo, apenas caeron catro pingas pouco antes de chegar a Laxe. De feito, houbo xente, as irmás Fraga, que se bañou, aínda que á saída do mar tiveron unha ducha inesperada…

Arrancamos no paseo marítimo de Cabana, axexados polas esculturas premiadas no I Certame de Cantería “Vento de Pedra”. Percorrida A Telleira, e feita algunha foto dunha “popa de parrulo” nos asteleiros, comezamos a subida pola beira do Rego dos Muíños. Se non hai mantemento, a Natureza vai facendo o seu traballo e o deterioro faise evidente nos oito muíños que ten este tramo da ruta. O río nace entre a Cidá e as abas do Castelo de Lourido, e ata alá imos nós.

Castro de Borneiro, Dombate, Castelo… detalles e panorámicas para fartarse facendo fotos. Xantamos en Monelos e logo, pola ladeira de Os Picotos, achegámonos á costa para camiñar por riba da Furna de Valouta, Punta de Escanavada, Furna dos Bolos, Furnela Mundiña, praia de Rebordelo, praia de San Pedro, Cormellana… Polo norte, doutro lado da ría, a praia de Balarés, Corme, O Roncudo, e cada vez máis mar, máis vento e os semblantes do sur, máis escuros.

Chegados ao Coído dos Muíños, pasamos o rego de Frexufre co seu muíño nas pedras da ribeira e pouco máis adiante deixamos o concello de Cabana de Bergantiños para entrar no de Laxe. Na praia, campeonato galego de SurfCasting, unha modalidade de pesca deportiva que consiste en facer lanzados longos valéndose de canas e logo agardar as picadas.

Estiramentos e, mentres tomamos as cervexas, os semblantes descargando con ganas.

Todo foi ben, só faltaches ti, así pois na vindeira, non te fagas notar.

Apertas, Suso”



Galería

De Cabana de Bergantiños a Laxe. Camiño dos Faros


2 comments

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*