De Brandomil a Berdoias

De Brandomil a Berdoias

Hoxe fixemos a terceira etapa do camiño de Santiago a Muxía por Brandomil, no concello de Zas. Con saída na ponte de Brandomil, pásase polo Pozo de Limideiro, Brandoñas, Baiñas para acabar en Berdoias, xa en Vimianzo.

  • Lonxitude: 21,9 km
  • Desnivel: baixo
  • Dificultade: media

A Asociación Grandimirum, de Brandomil, está a propor unha interesante ruta xalleira en catro etapasalternativa do Camiño de Santiago a Muxía, baseándose en diferentes documentos e indicios históricos.

Na primeira etapa, de 22,5 km de lonxitude, sáese dende a praza do Obradoiro ata Negreira; o camiño bifúrcase en Negreira. A segunda etapa, cunha lonxituide de 26 km, ten a saída en Negreira e con finalización en Brandomil. A que imos andar hoxe, a terceira, sae da ponte de Brandomil e chega a Berdoias, e a cuarta, dende esta localidade ata Muxía.

De Brandomil a Berdoias

O camiño está indicado con frechas azuis e postes de madeira cunha frecha tamén azul. A intención é probar o seu estado para o que escollemos a terceira etapa que, xunto coa segunda, son as únicas que non coinciden coa ruta recoñecida, pois tanto a primeira como a última, teñen tramos en común coa ruta “clásica”. Para percorrela fixémonos coa detallada información das etapas que moi amablemente lle facilitaron a Suso dende o concello de Zas. Moi útil. Moitas grazas!

Comezamos a camiñar…

Hoxe non houbo que madrugar moito, pois quedamos ás 8:30 na área recreativa da ponte de Brandomil, a pouco máis de media hora en coche dende Santiago. O día é perfecto para  camiñar, cunha temperatura que non vai ser moi alta ao longo da xornada. O interesante desta etapa, dende o punto de vista histórico artístico, témolo ao seu comezo.

De Brandomil a Berdoias

O río Xallas discorre polas Terras de Soneira entre os concellos de Mazaricos e Zas e na parroquia de Brandomil é onde empeza a acumularse a auga do encoro da Fervenza. Sobre o Xallas consérvase unha fermosa ponte da que sabemos do seu pasado romano. A ponte está formada por catro arcos de medio punto, un deles máis pequeno que os outros. As diferenzas constructivas dos arcos indícannos as diferentes épocas constructivas da ponte. Os tajamares son triangulares augas arriba e trapezoidais augas abaixo. Estes chegan ata arriba formando apartadeiros, o que nos indica de novo a reconstrución posterior debido a que os romanos nunca levaban os tajamares ata a calzada, quedándose no arranque dos arcos.

Xa temos falado noutras entradas da importancia histórica de Brandomil, que acolle un dos grandes asentamentos romanos de Galicia, que podería equipararse, segundo o arqueólogo Juan Naveiro López, aos de Brigantium e Iria Flavia. As excavacións dos últimos anos están sacando á luz os restos dunha antiga vila romana de considerables dimensións. Segundo algún arqueólogo, debaixo de Brandomil agáchase a coñecida e histórica poboación romana de Grandimirum, tamén chamada Claudomerius, pertencente ao itinerario IV de Antonino.

De Brandomil a Berdoias

A presenza romana nesta zona ven dada polas minas existentes no seguinte punto de interese. A pouco máis de dous quilómetros encontrámonos co Pozo de Limideiro. A lagoa formouse onde posiblemente estiveron as minas romanas, uns din que adicadas á extracción de ouro e outras fontes falan da extración de estaño. A paraxe é fermosa, incluso sobrecolle un pouco…

O camiño é por momentos fermoso, pero tamén debemos prestar moita atención nos cruces que debemos atravesar pola estrada AC-441 en catro ou cinco puntos ao longo do percorrido. Ao ser unha zona na que se practicou a concentración parcelaria, a maior parte do camiño facémolo por pistas entre aldea e aldea, nas que o Suso, e todos nós, imos pendentes de atopar as lacenas das abellas, por se hai algunha que non teña “inventariada”… pois haber, hainas, vaia se hai!

De Brandomil a Berdoias

Seguimos por pistas, de asfalto ou de grava, acadando outro punto de interese nesta ruta, o encoro da Fervenza, que levamos á nosa esquerda durante un treito ata chegar a unha ponte (coido que baixo esta ponte hai outra máis antiga, anegada polo encoro e que se deixa ver nas secas), que nos permite atallar nesta cola do encoro. A paisaxe neste tramo é moi fermosa.

De Brandomil a Berdoias

A parada principal facémola en Baíñas, xa no concello de Vimianzo. Despois de arreglar o xantar para as tres da tarde no Restaurante O Cabral (moi recomendable), facemos unha pequena parada na igrexa de Santo Antoíño de Baíñas, igrexa que pertencía a un antigo mosteiro medieval, onde sempre me deteño a admirar o seu desgastado canzorro con formas humanas representando vicios ou pecados, no que se plasma unha das expresións máis gozosas que teño visto en pedra… e como non, os hórreos, o fermoso grupo de cinco cabazos que nos encontramos á saída de Baíñas.

De Brandomil a Berdoias

En Sarteguas temos unha agradable conversa con Julia, unha muller que ven ao noso encontro picada pola curiosidade de ver tanta xente camiñando e con moitas gañas de falar. Cóntanos misteriosas marcas nunha pedra que hai na igrexa de Baíñas ou por onde ela cre que ía o camiño a Santiago segundo lle contaron na casa, anque quere deixar claro que non é de alí (leva setenta anos en Sarteguas), que é de Berdoias!… como se viñera da outra parte do mundo!

Continuamos por Boudañeira, tamén con catro cabazos na entrada do lugar, Grixoa, Romar, onde tivemos un pequeno susto cun can ceibo… polo que lle chamamos a atención á súa dona dicíndolle que tiña que telo atado.

De Brandomil a Berdoias

Só queda chegar a Berdoias, que nos deparou a última sorpresa do día, pois estaban a celebrar o San Pedro e chegamos xusto á saída da misa maior e co comezo da sesión vermú. Unhas cerveciñas e algunha aínda lle botou unha peza, mentres os chóferes regresábamos a Brandomil para coller o resto de coches e volver buscalos a Berdoias.

De Brandomil a Berdoias

Sen dúbida unha ruta que ten alicientes de sobra para facela, pero con algunha que outra eiva, como os sinais azuis característicos que se borran facilmente das superficies onde foron pintadas.

Ruta do val do río Aviouga

2 comentarios sobre “De Brandomil a Berdoias”

  1. Teñen de todo as imaxes deste tramo: vexetal, animal, mineral, histórico-artístico, feismo, e outras cousas c
    “chuscas”.
    Grazas Fran

    1. Grazas Pilar! A verdade é que sempre te encontras con sorpresas agradables, pois imaxinas que a ruta vai ser outra máis e nunca é así. Sempre hai algo que chama a atención.
      Bicos

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio